O presidente salienta que a decisión quere "contribuír a que israelíes e palestinos acaden a paz" e reitera o seu "rexeitamento frontal, rotundo, a Hamas, que está en contra da solución dos dous estados
O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, realizou unha comparecencia televisiva en directo desde La Moncloa a primeira hora da mañá deste martes para a anunciar que a continuación, no Consello de Ministros que comezaría ás 9.30 horas, aprobaríase oficialmente o recoñecemento de Palestina como Estado independente, decisión que avanzara o pasado mércores no Congreso. Sánchez asegurou que a decisión quere "contribuír á paz" e reitera o seu "rexeitamento frontal, rotundo, a Hamas, que está en contra da solución dos dous estados.
Na súa intervención Sánchez salientou que con esta decisión "España súmase aos máis de 140 países do mundo que xa recoñecen a Palestina", e faino co "único obxectivo de contribuír a que israelíes e palestinos acaden a paz".
O presidente tamén precisou que España manterase fiel a unha visión de Palestina conforme ás fronteiras de 1967 recoñecidas pola ONU, con Cirxordania e Gaza "conectadas cun corredor", con "Xerusalén leste como capital" e baixo control da Autoridade Nacional Palestina. "Non recoñeceremos cambios nas liñas fronteirizas de 1967 que non sexan os acordados polas partes", asegurou.
O presidente quixo deixar claro na súa intervención, que realizou primeiro en castelán e despois en inglés, o seu "rexeitamento frontal, rotundo, a Hamas, que está en contra da solución dos dous estados" e asegurou que o recoñecemento de Palestina é unha "decisión que non adoptamos contra ninguén, menos aínda contra o pobo de Israel, un pobo amigo".