Entre os asuntos abordados polo pleno do Congreso dos Deputados na semana que finaliza estivo un dos provenientes da anterior lexislatura. Tratouse dunha proposición de lei remitida pola Asemblea de Madrid para modificar dúas normas de rango estatal: a Lei Orgánica do Poder Xudicial e a Lei de Demarcación e Planta Xudicial.
O Congreso rexeitou, malia aos votos a prol de PP, Vox e UPN, tramitar a lei promovida pola Asemblea de Madrid para retirar competencias autonómicas en materia xudicial
A proposta do Parlamento madrileño estaba encamiñada, paradoxalmente, a restar competencias aos parlamentos autonómicos no ámbito xudicial. Concretamente, na composición dos Tribunais Superiores de Xustiza. Foi rexeitada por 174 votos negativos fronte a 169 positivos e unha abstención. Entre os "si" estiveron os dos deputados e deputadas do PP que, daquela, se pronunciaron a prol de minguar as competencias tamén do Parlamento de Galicia.
Segundo a exposición de motivos do texto, coa súa reforma a maioría gobernante en Madrid pretendía "que os maxistrados das salas do Civil e Penal sexan directamente elixidos polo Consello Xeral do Poder Xudicial". Así, comezaba por mudar o artigo da Lei do Poder Xudicial segundo o cal, nestas salas, "unha de cada tres prazas" debe ser cuberta "por un xurista de recoñecido prestixio con máis de 10 anos de exercicio profesional na comunidade autónoma" nomeado "sobre unha terna presentada pola Asemblea lexislativa", isto é, polo Parlamento autonómico.
A proposta madrileña pretendía que os parlamentos autonómicos deixasen de ser responsables de propoñer unha listaxe de candidaturas para cubrir unha de cada tres prazas das Salas do Civil e Penal dos Tribunais Superiores de Xustiza
A nova redacción promovida polo Parlamento madrileño outorgaba toda a competencia ao Consello do Poder Xudicial. Todas as prazas serían cubertas por esta vía entre maxistrados ou maxistradas qu elevasen "dez anos na categoría e na orde xurisdicional civil ou penal" e con "especiais coñecementos en dereito civil, foral ou especial" propio da autonomía, con independencia de que exercesen ou non nela.
Ademais, a lei modificaba a norma que regula a demarcación xudicial. Concretamente, o artigo que especifica que "o presidente do Tribunal Superior de Xustiza éo tamén da súa Sala do Civil e Penal", mentres que "dos demais maxistrados", "un deles, no caso de ser dous, ou dous deles, no caso de ser catro", son "nomeados a proposta en terna da Asemblea Lexislativa da Comunidade Autónoma" segundo as normas da lei do poder xudicial. A proposta madrileña, igualmente, retiraba as competencias autonómicas na materia.
No seu paso polo pleno do Congreso para o primeiro debate de toma en consideración, a lei recibiu os votos favorables do PP, Vox e UPN e os votos negativos de todos os demais grupos agás Coalición Canaria, que se abstivo. "Os deputados e deputadas galegos do PP votaron a favor de retirar competencias e facultades ao Parlamento de Galiza, como a de propor xuristas para o TSXG", lamentou tras a votación o deputado do BNG, Néstor Rego. "Claro que a proposta viña da Asemblea de Madrid e xa se sabe, Ayuso manda!", ironizou.