Hai xa máis de dous anos que quedou arquivada a última causa que atinxía a José Ramón Gómez Besteiro. Nunha das múltiplas pezas nas que foi dividida a denominada Operación Pulpo, o inmenso sumario por delitos de presunta corrupción que instruíra a despois sancionada xuíza Pilar de Lara, o xulgado concluíu que non quedara "debidamente xustificada" a "perpetración de delito ningún" por parte do político socialista na contratación e desenvolvemento do programa turístico Lugo KM0 durante a súa etapa como presidente da Deputación de Lugo.
O xulgado desbota todas as acusacións de ilegalidades económicas e de xestión contra o antigo xefe de protocolo da Deputación de Lugo e pecha de vez o caso no que a xuíza De Lara mantivera investigado durante anos ao líder do PSdeG
Dentro deste caso a xuíza De Lara chegara a atribuír a Besteiro media ducia de delitos relacionados coa corrupción, imputacións que o levaran a dimitir en marzo de 2016 como secretario xeral do PSdeG, posto ao que regresou o pasado 2024. Fixérao no marco dun caso no que só quedaba por pechar a peza orixinal, a investigación ao antigo xefe de protocolo da institución provincial lucense, Juan Carlos Fernández Pulpeiro pola xestión do mesmo programa turístico e mais pola adxudicación dun posto de traballo na propia Deputación.
Ese peche vén de producirse tamén co arquivo de todas as acusacións. A decisión era máis que agardada nos círculos políticos galegos. Especialmente na política lucense, onde non obstante a fin do caso Pulpo reaviva tamén a súa orixe: dúas denuncias achegadas anonimamente ao PP provincial en 2013 que entregou á Fiscalía a súa presidenta, Elena Candia -na altura edil en Mondoñedo e tamén xefa da oposición na Deputación, rol que agora ostenta no Concello da cidade da Muralla-. A raíz desa entrega, o Ministerio Públicou formulou unha denuncia que deu pé a apertura do caso por parte de De Lara.
O xuíz conclúe que as imputacións por malversación nun programa turístico "non pasan de meras sospeitas" e non ve "indicios racionais de delito" na adxudicación dunha praza na institución
Nun auto de 29 páxinas notificado o pasado 19 de xuño, o maxistrado do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo -no que fora titular De Lara ata a súa sanción-, Joaquín Brage, "descarta a existencia de indicios racionais de delito" na asignación dunha praza a unha traballadora por un tribunal do que Pulpeiro formaba parte. Desbota así as acusacións de testemuñas que "tiñan unha mala relación previa con ambos" e que atribuíran ao daquela xefe de protocolo manobras para beneficiar unha candidata en concreto por ter con ela unha "suposta relación de parella".
Igualmente, o maxistrado considera que as irregularidades económicas imputadas a Pulpeiro na xestión do programa turístico "non pasan de meras sospeitas de malversación" que "se expuxeron ou insinuaron na denuncia". Pero "non pode afirmarse (...) que se apropiou ou distraeu cantidades de cartos que estaban ao seu cargo". Así o corroboraron, indica, "as persoas con competencia en materia de control da legalidade e control do gasto" da propia Deputación e as investigacións ao patrimonio de Pulpeiro, cuxas explicacións ao respecto o xuíz considerou como de "gran coherencia". Ao "non haber responsabilidade penal ningunha esixible" ao principal investigado, "tampouco a hai a respecto das outras persoas" que foran imputadas, entre elas o empresario Raúl López e persoal da Deputación.
Documentos achegados "misteriosamente" ao PP

Estas acusacións de supostas irregularidades económicas contra Pulpeiro foron formuladas como denuncia administrativa por dous funcionarios dentro da propia Deputación. Pero unha copia dese documento, lembra o auto, "deslizouse misteriosamente, por unha persoa que non puido ser identificada, por baixo da porta do despacho do Partido Popular na Deputación". "A denuncia non era anónima como tal denuncia administrativa, pero si o era, de forma claramente buscada, en canto a quen entregou esa copia, que se coidou de non dar a cara", enfatiza o maxistrado.
Os documentos que deron orixe ao caso foron deixados anonimamente "por baixo da porta do despacho do PP na Deputación" e a súa líder entregounos á Fiscalía, cuxa denuncia deu orixe á operación: "Quen oculta o seu rostro para acusar, tamén é capaz de ocultar a verdade no que acusa", reflexiona o maxistrado
Para o instrutor, "ese anonimato non de quen narra os feitos que se denuncian en vía administrativa e non penal" pero "si de quen fai chegar a copia de tal denuncia" ao PP "como expectativa de poñer en marcha (...) a maquinaria xudicial penal" é "relevante" e "esixía unha consideración moi prudente" porque "é sabido que a delación ou denuncia anónima debe contemplarse sempre con receo e desconfianza". Porque, di citando un "vello" aforismo xurídico: "Quen oculta o seu rostro para acusar, tamén é capaz de ocultar a verdade no que acusa".
Aínda "máis problemático" lle parece ao maxistrado o segundo documento que o PP entregou no seu momento á Fiscalía, unha "denuncia por falta disciplinaria por acoso-mobbing presuntamente atribuída" a Pulpeiro e "supostamente formulada" por tres traballadoras da Deputación, na que se incluía a acusación de influír irregularmente nun proceso selectivo e mais de ilegalidades económicas. Esa denuncia "nunca chegou a ser presentada" por "vía oficial ningunha" na institución lucense, xa que as autoras "decidiron non tramitala" e "romperon o borrador" que chegaran a asinar "dúas delas". "Non souberon dar explicación a que aparecese posteriormente ese escrito, pois afirmaban que o romperan", resume o auto.
O PSdeG esixe "responsabilidades políticas" a Candia

Co caso central da Operación Pulpo arquivado no devandito auto -contra o que cabe recurso-, a súa orixe volveu ao tirapuxa político. Para o PSdeG, este arquivo "demostra que Feijóo e Rueda orquestraron a operación Pulpo para destruír politicamente a Besteiro, afirma a secretaria de organización do partido, Lara Méndez, dende cuxo punto de vista Candia debería asumir "responsabilidades políticas". Esa esixencia secúndana tamén o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e mais o presidente da Deputación e secretario provincial dos socialistas, José Tomé, para quen a líder provincial do PP fica retratada como "mala política e mala persoa".
Os socialistas piden contas a Candia e ven "demostrado" que os populares "orquestraron a operación para destruír politicamente a Besteiro". O PP lucense ve na reacción do PSdeG unha "indecencia" para "tentar destruír a reputación" da súa líder
En conferencia de prensa conxunta, os dirixentes do PSdeG de Lugo anunciaron a pasada fin de semana que formularán mocións en concellos da provincia e na propia Deputación para "esixir esas responsabilidades" que Candia "esixe aos demais por motivos infundados" aínda que provocase "un custo social e político irreparable". Para o rexedor lucense cómpre falar dunha "tripla responsabilidade": o "dano persoal ás persoas investigadas, o deterioro da imaxe pública de Lugo e a paralización de iniciativas estratéxicas" e por iso Candia "está deslexitimada para ser ningunha alternativa política no Concello" aínda que o seu partido a "premiase coa vicepresidencia da Mesa do Parlamento e a candidatura á alcaldía".
Para o PP, a reacción do PSdeG ao arquivo definitivo do caso Pulpo supón unha "indecencia" para "tentar destruír a reputación" de Candia. Os populares lucenses atribúen as acusacións dos socialistas á "desesperación" e á "tensión interna" e aseguran que non se van "deixar amedrentar por campañas de desprestixio". Ao tempo, nunha inusual reacción a través das redes sociais, a xuíza Pilar de Lara defende a súa actuación no caso e ve "machista" o PSdeG lucense por lembrar que o seu marido tivo cargos no PP e vincular con este feito as súas acusacións contra dirixentes socialistas.