De Zeltia á Granxa de Barreiros: Antonio Fernández López, homenaxeado no 'Día da Galeguidade Empresarial'

Homenaxe a Antonio Fernández López © USC

Antonio Fernández López naceu na cidade de Lugo en 1903 e durante a súa vida, que atravesou boa parte do século XX, representou o mellor exemplo de empresario galeguista e comprometido co desenvolvemento da sociedade. Este mércores foi homenaxeado no campus lucense da USC, onde foi inaugurado un busto coa súa imaxe na entrada da Facultade de Administración e Dirección de Empresas.

Os irmáns Fernández participaron na creación de numerosos proxectos empresariais, como Zeltia en 1939, Frigsa en 1951, Cementos Oural en 1958 ou Pescanova en 1960

A homenaxe tivo lugar no marco da celebración do Día da Galeguidade Empresarial, unha efeméride promovida polo Foro Enrique Peinador que tamén serviu para lembrar o Congreso de Economía de Galicia de 1925. No acto participaron o reitor Antonio Fernández López; o secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a deputada provincial Ana González Abelleira; a presidenta do grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, e o presidente do Foro E. Peinador, Xosé González Martínez.

Antonio Fernández López foi un dos catro fillos de Antón de Marcos (tamén coñecido como Antón de Barreiros), un empresario nado en Barreiros (Sarria). Despois da guerra civil, grazas ao beneficio obtido pola venda de carne e conservas ao exército franquista, participaron na creación de numerosos proxectos empresariais, entre as que están algunhas das compañías máis importantes de Galicia na segunda metade de século: Zeltia en 1939, Frilugo en 1941, Frigsa en 1951, Cementos Oural en 1958 ou Pescanova en 1960. Igualmente, apoiaron a constitución da Caixa de Aforros Provincial de Lugo, máis tarde absorbida por Caixa Galicia.

En 1950 fundou o Colexio Fingoi, cun modelo educativo innovador, que tivo a Ricardo Carvalho Calero como primeiro director

Máis aló do campo puramente empresarial, Fernández participou na fundación da Editorial Galaxia en 1950 e a Fundación Penzol en 1963 e xunto cos seus irmáns colaborou economicamente co Museo Provincial de Lugo e co Museo de Pontevedra. En 1950 fundou tamén o Colexio Fingoi, cun modelo educativo innovador, que tivo a Ricardo Carvalho Calero como primeiro director. 

Avelino Pousa Antelo cunha das variedades de patacas, de meirande tamaño, das que promoveu a súa introdución en Galicia © Praza Pública

Granxa de Barreiros buscaba fomentar a información e capacitación do campesiñado galego

E, ademais, foi o creador en 1948 da Granxa de Barreiros, destinada a fomentar a información e capacitación do campesiñado galego. Situada en Sarria, entre as súas actividades incluíase a organización de cursos de Formación para Mestres coa finalidade de protexer a cultura rural galega, modernizar o campo e o patrimonio rural galego. O seu primeiro director foi Avelino Pousa Antelo.

Na homenaxe que tivo lugar este mércores en Lugo o historiador Ricardo Gurriarán Rodríguez destacou o perfil innovador de Antonio Fernández López, mentres que Jesús Méndez, director xeral de Caixa Rural Galega, subliñou o pensamento económico galeguista e a contribución das entidades financeiras ao desenvolvemento económico de Galicia.

Congreso de Economía de Galicia de 1925

Os días 2 e 3 de outubro de 1925 debateuse sobre a organización territorial e administrativa, a rede de comunicacións, o fomento do turismo ou a investigación

Hai case un século o Círculo das Artes de Lugo acolleu a celebración do primeiro Congreso de Economía de Galicia, no que participaron Cruz Gallástegui, Vicente Risco, Juan Rof Codina, Valentín Paz Andrade ou Alexandre Bóveda. Foi un encontro "decisivo para entender as solucións aos problemas que tiña Galicia", que foi "abordado desde a pluralidade das disciplinas científicas", destaca o Foro Enrique Peinador.

Os días 2 e 3 de outubro de 1925 debateuse sobre a organización territorial e administrativa, a rede de comunicacións, o fomento do turismo que parte dunha economía sostible, sobre investigación en campos tan diversos como os cultivos e os produtos elaborados e mesmo sobre enerxías alternativas, ademais de defender a comarcalización, o recoñecemento da parroquia como unidade administrativa. O Congreso enmárcase no crecemento do galeguismo e tamén no proceso de modernización do campo galego e no avance da industrialización da economía galega.

Lugo acolleu en 1925 o I Congreso de Economía Galega Dominio Público

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.