A educación ambiental é unha corrente internacional de pensamento e acción cuxa meta é procurar cambios individuais e sociais que provoquen a mellora ambiental e un desenvolvemento sostible. Dende hai máis de 30 anos é considerada unha ferramenta estratéxica nas políticas ambientais desde o ámbito internacional ao local ou rexional. Este domingo 26 de xaneiro celébrase o Día Mundial da Educación Ambiental, nun momento en que a súa continuidade nos programas educativos está posta en cuestión.
Este domingo 26 de xaneiro celébrase o Día Mundial da Educación Ambiental, nun momento en que a súa continuidade nos programas educativos está posta en cuestión
A reforma educativa impulsada polo ministro Wert inclúe a eliminación dos contidos sobre biodiversidade dos estudos de bacharelato, o que foi de inmediato denunciado por investigadores e asociacións científicas. Como sinalaba Xabier Vázquez Pumariño nun artigo publicado en Praza hai uns días, "tal falla de respecto pola cultura científica, ou cultura a secas, non pode máis que reflectir unha ideoloxía profundamente reaccionaria e/ou un pensamento extraordinariamente cateto que sitúa a este ministro, e a aqueles que o aplauden, nunha posición intermedia entre un aiatolá e unha personaxe de Paco Martínez Soria".
Esta fin de semana celebrouse, ademais, o Encontro galego de educación ambiental, baixo o título de "Novos escenarios, novas miradas". Organizado pola Federación Ecoloxista Galega, o grupo de investigación Pedagoxía Social e Educación Ambiental-SEPA da Universidade de Santiago de Compostela e a Sociedade Galega de Educación Ambiental, o encontro buscaba "reflexionar e debater sobre a situación actual da educación ambiental en Galicia" e "promover un espazo de lectura crítica atendendo ás novas liñas de traballo que se están a emprender e aos novos escenarios nun momento que estamos a vivir de desmantelamento da educación ambiental". Un desmantelamento que, engaden os seus promotores, "alén de abocar ao sector á precariedade e ao paro, resulta completamente irresponsábel á vista dos desafíos da crise ambiental á que nos enfrontamos, encuberta pola crise económica".
Un desmantelamento que, engaden os seus promotores, "alén de abocar ao sector á precariedade e ao paro, resulta completamente irresponsábel á vista dos desafíos da crise ambiental á que nos enfrontamos, encuberta pola crise económica"
Ao longo do sábado presentáronse no Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (Parque de Belvís) diferentes experiencias no eido da educación, a comunicación e a xestión ambiental en Galicia, así como espazos para a deliberación colectiva, a través dos que se pretende avanzar na construción de estratexias conxuntas.
Finalmente, o CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), como centro de referencia en educación ambiental en Galicia, celebra a efeméride ofrecendo unha nova ferramenta educativa a todos os profesionais deste ámbito. O Centro vén de poñer en marcha un espazo web onde se recompilan unha gran cantidade de documentos e recursos relacionados con este ámbito: textos básicos sobre a educación ambiental, recursos didácticos para que os educadores e educadoras poidan traballar con diferentes colectivos, documentos sobre a interpretación do patrimonio, ou itinerarios da natureza.