As térmicas de carbón incrementan nun 10% as emisións galegas de CO2

Emisións totais e por sectores de gases de invernadoiro © Ministerio de Medio Ambiente

O Ministerio de Medio Ambiente e a Xunta veñen de facer públicos os datos oficiais de 2012 de emisión de gases causantes do cambio climatico, que crecen por culpa das centrais das Pontes e Meirama. Unha reportaxe do blog Un claro no bosque.

Os datos oficiais sobre as emisións de dióxido de carbono (CO2) das térmicas de carbón e outras industrias nun determinado ano están dispoñíbeis un ano antes que os relativos ás emisións totais. Porén, coñecendo os datos referidos ás centrais de carbón é fácil prevermos se as emisións totais de CO2, o principal dos gases de invernadoiro, aumentan ou diminúen. Hai un ano anunciabamos neste blog o aumento das emisións galegas en 2012. Algo que confirman os datos que o Ministerio de Medio Ambiente e a Xunta veñen de facer públicos. O incremento foi do 9,7% a respecto de 2011. Galicia aumentou a súa achega ao quentamento global a pesar da crise económica. A causa non foi outra que unha elevada produción eléctrica con carbón nun ano malo para a xeración renovábel.

O que máis determina a evolución das emisións galegas de gases causantes do cambio climático é a actividade das centrais de carbón das Pontes (ENDESA) e de Meirama (Gas Natural Fenosa)

O que máis determina a evolución das emisións galegas de gases causantes do cambio climático é a actividade das centrais de carbón das Pontes (ENDESA) e de Meirama (Gas Natural Fenosa). A súa importante capacidade de produción –suman uns 2 MW de potencia-, así como o carácter moi intensivo en emisións de CO2 do carbón, explican este feito. O forte crecemento do número de parques eólicos desde finais dos anos noventa até o recente “parón eólico”, xunto coa entrada en servizo de dúas centrais de ciclo combinado a gas natural en 2008, limitou o peso do carbón na xeración eléctrica do país mais, con todo, segue a ser alto, nomeadamente en anos  de pouca chuvia, nos que descende moito a produción hidroeléctrica, como aconteceu en 2012.

Durante 2012 as térmicas de carbón verteron á rede eléctrica perto de 13.000GWh, unha cantidade similar á que xeraban antes de 2008. Foron, de lonxe, a maior fonte de gases de invernadoiro en Galicia. O 38,4% das emisións do país saíron das súas chemineas.  Se persistir o estancamento da potencia instalada en enerxías renovábeis  e o reducido nivel de utilización das centrais de ciclo combinado a gas natural, a situación pode repetirse en  anos vindeiros nos que chova tan pouco como en 2012, especialmente se aumenta a demanda eléctrica. A chuvia é, xa que logo, a máis potente arma de loita contra o cambio climático da que dispomos. En verán apaga lumes forestais. E durante todo o ano “apaga” as térmicas de carbón.

 

Galicia, a comunidade onde máis aumentaron as emisións en 2012

En 2012 baixaron as emisións en todos os sectores, agás no enerxético: desde a industria á agricultura, pasando polo transporte ou o sector residencial e comercial, diminuíron a súa achega ao maior problema socioambiental global

En 2012 baixaron as emisións en todos os sectores, agás no enerxético: desde a industria á agricultura, pasando polo transporte ou o sector residencial e comercial, diminuíron a súa achega ao maior problema socioambiental global. Non foi por causa de medidas anti-crise (climática), senón pola crise (económica), polo descenso do PIB (-0,9%). Mais as emisións totais non baixaron. O incremento das emisións desas “invisíbeis” fábricas de cambio climático que son as térmicas de carbón compensou todas as reducións. Tanto que Galicia foi, con moita diferenza, a comunidade autónoma onde máis medraron as emisións, tanto en termos absolutos como relativos, o que xa albiscamos aquí hai un ano. No conxunto do Estado español as emisións diminuíron o 1,5%. En Galicia aumentaron o 9,7%. A segunda maior porcentaxe de crecemento anual rexistrada no período 1990-2012. E en plena crise económica!.

Malia o decrecemento do PIB, a economía galega mobilizou máis enerxía primaria e xerou máis emisións de CO2 en 2012 que en 2011. Xa que logo, fíxose máis intensiva en consumo enerxético e en carbono. O Balanzo Enerxético de Galicia 2012, elaborado polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta, apunta que a intensidade enerxética primaria (o consumo de enerxía primaria por unidade de PIB) pasou entre 2011 e 2012 de 0,198 a 0,215 tep/millón de € ctes de 2000, sendo moi superior á do conxunto de España (0,125). A razón desta suba dánola o propio balanzo: “o incremento das importacións de carbón”.

O carbón non só é o xeito máis sucio de xerar electricidade, tamén é o máis ineficiente

E que o carbón non só é o xeito máis sucio de xerar electricidade, tamén é o máis ineficiente. Por se alguén o xulga importante, lémbrao cada ano o balanzo enerxético: “as centrais que presentan un rendemento máis elevado son as que empregan fontes renovábeis e as que teñen un rendemento máis  baixo son as termoeléctricas de carbón”. A produción eléctrica renovábel implica, entre outras vantaxes, un aforro de enerxía primaria, un aforro de materias primas enerxéticas.

 

Que pasou durante 2013?

En 2013, a chuvia e a depresión económica conxugáronse para recortar as emisións

Tardaremos aínda un ano en coñecermos os datos oficiais sobre as emisións totais do país, mais é doado anticiparmos que descenderon a respecto de 2012. Algúns datos así o indican: o PIB decreceu o 1,1%, as emisións de CO2 das térmicas de carbón reducíronse en case un 25%, o consumo de derivados do petróleo baixou o 7,2%. En 2013, a chuvia e a depresión económica conxugáronse para recortar as emisións.

 

O carbón é o problema número un para o clima

O “parón renovábel”, o estrepitoso fracaso do comercio de emisións de CO2 e un prezo do carbón máis competitivo que o do gas natural confluíron para tornar posíbel o renacemento do carbón

Na segunda metade da década pasada parecía que o carbón, que até entón achegaba aproximadamente a metade de toda a electricidade producida,  ía perder moito peso no “mix eléctrico” galego. Porén, non foi así. O “parón renovábel”, o estrepitoso fracaso do comercio de emisións de CO2 e un prezo do carbón máis competitivo que o do gas natural confluíron para tornar posíbel o renacemento do carbón, que nos últimos anos tres anos achegou entre un 30 e un 43% da produción anual eléctrica do país.

Esta recuperación da xeración eléctrica con carbón, unida á ausencia dunha estratexia galega para a redución de emisións, fixo que Galicia, malia a caída na produción e o consumo dos últimos anos, siga a ter unhas emisións territoriais por habitante moi elevadas, de nada menos que 10,8 toneladas. As propias dunha economía desenvolvida europea que consome recursos naturais en exceso e, ademais, xera demasiada electricidade con carbón. Unha economía que non só non reduciu as súas emisións desde 1990 –o ano de referencia na loita contra o cambio climático- senón que mesmo as aumentou o 6,3%.

A sociedade galega no seu conxunto é parte do problema climático, mais está lonxe de asumir a súa responsabilidade nel

Estamos a nos apropiar en moita maior medida da que nos corresponde dun ben común básico para o benestar humano: a capacidade de absorción de carbono dos ecosistemas. A sociedade galega no seu conxunto é parte do problema climático, mais está lonxe de asumir a súa responsabilidade nel. Unha responsabilidade internamente moi desigual. No plano individual, a maior renda, maior consumo e maiores emisións. E aínda que a responsabilidade de cada un e cada unha de nós como consumidor/a é importante, convén non esquecermos o enorme contributo ao quentamento global dun reducido grupo de empresas. En 2012, tan só catro industrias, coas centrais de carbón á cabeza, emitiron nada menos que o 46% dos gases de invernadoiro do país.

image

 

O carbón é o maior culpábel do fracaso na mitigación do cambio climático en Galicia... e non só. A combustión de carbón foi a causa de máis de tres quintos do aumento das emisións mundiais de CO2 rexistrado desde 2000. E non só China, cuxas emisións por habitante están a se aproximar ás europeas, depende moito do carbón para se abastecer dunha electricidade destinada, en boa medida, a fabricar bens que Galicia e o resto do mundo compra. Na UE, Polonia produce unha porcentaxe maior de electricidade a partir de carbón que China. No conxunto da UE, o carbón forneceu o 28% da electricidade durante 2013. A pesar disto, e contrariamente ao acontecido en Galicia, as emisións territoriais de gases de invernadoiro na UE diminuíron un 20% desde 1990. Mais, como suliñaron recentemente algunhas das principais organizacións ecoloxistas europeas, para Europa avanzar na loita contra o cambio climático, “a participación do carbón no mix eléctrico europeo debe declinar rapidamente”1.

 

A devastadora megaminaría atrás das térmicas de carbón

As centrais de carbón das Pontes e de Meirama son, sen dúbida, as industrias máis insustentábeis do país. Por moitas razóns, mais alá de seren grandes fábricas de cambio climático. Entre esas razóns figuran os impactos da extracción do carbón que queiman. Unha parte dese carbón extraeuse nas minas situadas ao seu carón, até se esgotaren en 2008. Unha minaría que deixou un cuantioso legado de deterioración ambiental. Parte pouco coñecida del é a acumulación de sedimentos tóxicos no fondo do río Eume, no encoro da Capela, procedentes da mina das Pontes, problema ao que veñen de aludir algunhas organizacións galegas de defensa ambiental, a propósito do proxecto de modernización dos desaugadoiros da presa, propiedade tamén de ENDESA.   

Mais os danos socioambientais da minaría asociada á actividade das térmicas son tamén extraterritoriais. Xa moito antes do esgotamento das minas das Pontes e de Meirama, Galicia importaba grandes cantidades de carbón para xerar electricidade, pero desde 2008 todo o carbón queimado procede do estranxeiro. En 2013, Galicia importou 4 millóns de toneladas. O 80% desde Indonesia, un dos maiores exportadores de carbón do mundo. A minaría de carbón é unha das principais ameazas ás que se enfronta a exuberante natureza de Indonesia, membro do selecto grupo de países “megadiversos”, a causa da súa  rica biodiversidade. Segundo un informe de Greenpeace do Sureste de Asia, 1,1 millón de hectáreas de selva –superficie equivalente a un terzo da de Galicia- están ameazadas a curto prazo por causa da minaría de carbón, o 85% en Kalimantan (Borneo)2. Nesta rexión é onde se localiza a mina dunhas 150.000 hectáreas de superficie da que se abastece maiormente a central das Pontes3.

 image

Carbón ou clima

De non ouvirmos a derradeira chamada –título escollido polos promotores dun recente manifesto de alerta sobre a crise socioecolóxica global- e reaccionarmos axiña, estamos abocados a unha catástrofe

Estamos nunha decisiva encrucillada climática.  De non ouvirmos a derradeira chamada –título escollido polos promotores dun recente manifesto de alerta sobre a crise socioecolóxica global- e reaccionarmos axiña, estamos abocados a unha catástrofe. O futuro pasa por abandonarmos os combustíbeis fóseis e, nomeadamente, o carbón. Moito antes de que se fagan moi escasos ou se esgoten. 

 

Notas

1. Europe's Dirty 30. How the EU's coal-fired power plants are undermininig its climate efforts. CAN, WWF, HEAL, klima alliance, EEB.

2. Banking on coal. urgewald, BankTracK, CEE Bankwatch Network, Polska Zielona Siec.

3. "La hulla que se quema en la central procede de la mina de Tutupan en IIndonesia". Diario de Ferrol, 20 de novembro de 2011.

 

Documento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.