Non houbo moitas noites electorais amargas na sede do PP galego dende que, hai dez anos e medio, logrou desaloxar da Xunta no primeiro intento ao Goberno de coalición de PSdeG e BNG. A vitoria dos de Alberto Núñez Feijóo fora a primeira do ciclo electoral do derrubamento do PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero e cando levaban apenas dous anos de retorno ao poder galego, o PP de Mariano Rajoy acumulaba máis poder ca nunca, sumando maiorías absolutas dende o Goberno de España a múltiples concellos.
O PP de Feijóo solventou sen sobresaltos as eleccións galegas de 2012, nas que unha desconcertada esquerda semellara que aínda non dera metabolizado a derrota de 2009, e o primeiro susto non chegou ata as europeas de 2014, cando os populares galegos sufriron un forte devalo que, non obstante, non os apeou da primeira posición en votos. Un ano despois, en 2015, o xurdimento das mareas municipais arrebatoulles simbólicas prazas de poder local, pero seguían primeiros en votos. Os problemas internos do PSdeG, a incapacidade do espazo das mareas e as forzas que as sustentaban para artellar con tempo e perspectiva unha alternativa en toda Galicia e a repetición electoral en España fixeron o resto: Feijóo repetiu absoluta en 2016.
Os de Feijóo non viron en perigo o poder en Galicia malia aos sustos das europeas de 2014 e das municipais de 2015; pero o pasado 28 de abril non foron, por primeira vez na súa historia, a forza máis votada entre o electorado galego
Pero a moción de censura que desbancou a Rajoy na primavera de 2018 mudou o panorama e así o confirmaron as eleccións xerais do pasado 28 abril. Por primeira vez na súa historia o PP non foi o partido máis votado en Galicia, posto que correspondeu a un PSdeG-PSOE que ascendeu ata o 32% do voto galego, case cinco puntos por riba dos populares.
Nas europeas do 26 de maio o PSdeG volveu gañar e nas municipais do mesmo día o PP superounos por menos dun punto, un empate técnico que unido á nula recuperación de poder municipal deixou os populares en niveis da vella Alianza Popular e aos socialistas, con Gonzalo Caballero á fronte, percibindo o vento de cola chegado dende o Palacio de La Moncloa. A esquerda galega volvía dez anos despois, alén da retórica, a soñar coa Xunta cara ás eleccións previstas para 2020.
Este 10N é en Galicia unha primeira volta, unha vista previa; nas salas de máquinas dos principais partidos ollarase con especial atención a primeira posición en votos e escanos
E nisto chegou -seguiu- o bloqueo estatal e a maioría encabezada no Congreso por Pedro Sánchez non deu formado goberno. Alén da composición das novas Cortes, en Galicia este 10 de novembro é unha primeira volta, unha vista previa, os xogos de quecemento para uns comicios de 2020 que, segundo o que suceda agora, poden arrecender máis ou menos como aqueles de 2005 nos que un decadente fraguismo foi por primeira vez ás urnas, Aznar mediante, sabendo que podía perder o poder. E perdeuno -por pouco-.
Cando remate o escrutinio do 10N, en Galicia dúas variables van ser olladas nas salas de máquinas dos grandes partidos con máis atención ca nunca. A primeira, a da primeira posición en votos e escanos. Que o PSdeG revalide o primeiro posto no número total de sufraxios significaría que a repetición electoral non lle pasou factura excesiva e que, ao tempo, os continuos chamamentos de Alberto Núñez Feijóo a "unir o voto" da dereita no PPdeG non fixeron efecto e que, daquela, parte da poboación conservadora galega segue fóra da que foi casa común, xa sexa antes ollando a Ciudadanos ou agora, á extrema dereita de Vox.
Mesmo recuperando o primeiro posto en votos a noite electoral do 10N podería non ser doce no PPdeG
Mesmo recuperando o primeiro posto en votos a noite electoral do 10N podería non ser doce no PPdeG. Se son primeiros pero non superan en escanos aos socialistas -o 28A o PSdeG tivo 10 dos 23 galegos e o PP, 9- e, sobre todo, se non captan para si os escanos que poida perder C's, a inquietude seguirá. Mesmo aumentará se parte da representación que poida perder Ciudadanos a gañan En Común-Unidas Podemos ou mesmo o BNG. Varios destes factores reflectíanse nas enquisas que os partidos manexaron durante a semana na que estivo prohibido publicalas. Todo mudaría, coinciden, se isto sucedese pero as dereitas sumasen para gobernar sumasen para gobernar unha España que segue a ollar a Cataluña.
Por estes e outros factores todas as forzas políticas galegas farán unha dobre lectura do resultado electoral do 10N. Repetir vitoria asentaría a Gonzalo Caballero -xa proclamado candidato á Xunta- á fronte dun PSdeG no que voces internas autorizadas e con poder territorial advirten que para aspirar a gobernar Galicia non abonda coa reiteración da necesidade de "botar a Feijóo". Para a dirección socialista, un novo goberno de Pedro Sánchez con plenos poderes, aprobando medidas sociais e con chiscadelas a Galicia en materia de investimentos suporía o regreso do vento de cola.
No PP este 10 de novembro tamén será un termómetro de moitas variables. A fundamental, das posibilidades de que Alberto Núñez Feijóo recunque no cartel electoral
No PP este 10 de novembro tamén será un termómetro de moitas variables. A fundamental, das posibilidades de que Alberto Núñez Feijóo recunque no cartel electoral, unha repetición desexada por moitos nun partido -"non lle queda outra que volver presentarse", ilustrou recentemente o presidente do Parlamento, Miguel Santalices- que se axitaría se o seu poderoso motor segue sen carburar como debe malia á repetición electoral. Os reveses electorais dos últimos meses provocaron, ademais, unha escaseza de postos públicos que é proclive á tensión.
Para o BNG regresar ao Congreso sería un excelente impulso que reforzaría o liderado de Ana Pontón cara a 2020. Non lograr escano sería un contratempo que un ascenso significativo de votos lograría amortecer. E, no que noutrora foi o espazo das mareas? En Común-Unidas Podemos vai ao 10N optimista, mesmo agardando crecer por primeira vez tras a ruptura do que foi En Marea. Pero a nebulosa neste espazo político, imprescindible para fiar unha maioría de esquerda no Parlamento galego, segue sendo mesta cara a 2020 catro anos despois de que as liortas internas e os acordos feble ao bordo do abismo da esquerda foron claves para reflotar o PPdeG ata facelo emerxer cunha nova maioría absoluta na man.