Seis meses despois, a cidadanía é chamada de novo ás urnas. Aquel 28 de abril supuxo a primeira derrota do PP nunhas eleccións en Galicia dende que en 1989 adoptou esta denominación. O PSdeG-PSOE non só superou o PP en deputados (10 contra 9), senón que no número de votos obtidos a diferenza foi moi superior, un 32,1% fronte ao 27,4%, cun dominio absoluto nas zonas urbanas.
O PP perdeu unhas eleccións en Galicia por primeira vez, perdendo 200.000 votos
En Común (2 escanos e 14,5% dos votos) e Ciudadanos (2 escanos e 11,2%) completaron a representación, que non obtiveron BNG (5,7%) e VOX (5,3%). En Marea e Pacma ficaron no 1% dos apoios. A esquerda superou amplamente á dereita e, de feito, trasladando os resultados a unhas eleccións autonómicas, PSdeG, En Común e BNG sumarían maioría absoluta no Parlamento galego. Ademais, cómpre salientar que os deputados que Galicia enviou ao Congreso foron maioritariamente mulleres (15 de 23).
O que máis chamou a atención foi o descenso rexistrado polo Partido Popular con respecto aos datos do 2016. Os populares, que perderon case 200.000 votos, caeron en todo o país, sobre todo nas cidades e vilas e nos concellos menos envellecidos, os lugares onde máis medra o PSdeG. Da caída do PP beneficiáronse sobre todo VOX (+85 mil votos en Galicia) e Ciudadanos (+50 mil votos). O PSdeG arrasou nas cidades e grandes vilas, beneficiándose sobre todo dun gran trasvase de votos da antiga En Marea e algúns votos populares.
O PSdeG arrasou nas cidades e grandes vilas
En Común retivo o 68% dos apoios que En Marea tivera en 2016, pero perdeu 110.000 votos; seguiu a ter os seus mellores resultados nas localidades con poboación máis nova, pero é nelas onde sufriu máis perdas. O BNG, pola súa banda, creceu nas vilas medias.
A participación foi tres puntos superior á que se rexistrara no ano 2016, a maior mobilización dende o 2008
Outro dato importante nas eleccións do 28 de abril e ao que haberá que emprestar atención foi o da participación, que foi tres puntos superior á que se rexistrara no ano 2016 (cinco se non contabilizamos o voto CERA). De feito, a participación mellorou mesmo a que rexistrara en decembro do ano 2015. Iso si, o dato quedou por debaixo do rexistrado nas eleccións de 2004 e 2008.
No derradeiro gráfico podemos observar o resultado acadado polas principais forzas políticas en cada concello. O PP foi a forza máis votada en case dúas de cada tres localidades (195 concellos), pero o PSdeG-PSOE impúxose en 117 concellos, rachando a tradicional hexemonía popular. De feito, nas eleccións de xuño de 2016 o PSdeG fora a forza máis votada en só 10 concellos e En Marea-Unidas Podemos en 2. Nos restantes 300 concellos o PP fora o gañador, unha mostra da profundidade do seu anterior dominio electoral no noso país.