Pedro Sánchez inicia a súa investidura sinalando que "non rompe España, rompe o bloqueo á maioría progresista"

Pedro Sánchez, este sábado no Congreso dos Deputados © PSOE

Pedro Sánchez abriu ás nove da mañá a sesión de investidura que debe conducir (en principio o vindeiro martes) á súa elección como Presidente do Goberno. Fíxoo cun discurso de algo menos de dúas horas de duración no que debullou o programa acordado con Unidas Podemos e outras formacións, coma o BNG, facendo fincapé nas reformas e medidas progresistas. O candidato socialista dirixiuse ademais en varias ocasións, de forma directa ou tácita, ás formacións da dereita, criticando o seu "sectarismo" e "insultos" e sinalando de entrada que "non vai romper España, non vai romper a Constitución, aquí o que vai romper é o bloqueo á maioría progresista elixida democraticamente".

Sánchez conta en principio cos apoios garantidos para ser elixido por maioría simple o vindeiro martes, na segunda votación, na que só necesita máis votos favorables que contrarios. En principio, e tras o acordo acadado na tarde deste venres co BNG, o candidato socialista suma 167 votos favorables fronte a 164 negativos. Queda no aire a incógnita das consecuencias que poden ter nas votacións a inhabilitación do presidente da Generalitat, Quim Torra, e as presións exercidas en varias direccións tras o acordo acadado entre PSOE e ERC.

No inicio do seu discurso, Sánchez defendeu a coalición progresista acadada con Pablo Iglesias e reprochou a PP, Ciudadanos e Vox que se erixan como “os únicos defensores” de España. A partir de aí, Sánchez debullou o que para el significa a defensa de España máis aló de envolverse na bandeira, no que definiu como o "patriotismo social". "España é a educación dos nosos fillos, as pensións dos nosos maiores, o coidado sanitario dos nosos familiares", resumiu Sánchez. Fronte á irrupción da extrema dereita de Vox, Sánchez asegurou que impulsará un marco normativo que ataque os discursos e delitos de odio.

Pedro Sánchez, este sábado no Congreso dos Deputados © PSOE

Recibido en pé pola bancada socialista e tamén pola que lidera Pablo Iglesias, Sánchez defendeu a "liberdade" como un dos alicerces nos que se sustentará a "coalición" progresista. Unha liberdade que entende debe protexer algúns dos principios que a extrema dereita pon en cuestión. "Unha liberdade plena, incompatible co machismo, coa homofobia, coa xenofobia ou co racismo; unha liberdade para realizarse sen sufrir discriminación e menos aínda violencia polo feito de ser muller", enumerou Sánchez, que aproveitou ese momento para manifestar a súa oposición á "lei mordaza" e a súa intención de pór en marcha unha normativa que avale a eutanasia.

Outro dos eixos da coalición que liderará Sánchez foi o da cohesión territorial. Sánchez asegurou que o "conflito político" en Cataluña é unha "crise herdada" que o futuro Executivo abordará desde o "diálogo" deixando atrás a "xudicialización" que "tanta dor causou". "Hai que retomar a única vía posible, que é a política; a do diálogo, a negociación e o pacto", proseguiu Sánchez, que matizou que todo iso estará "amparado pola nosa Constitución". Fronte a esa situación, Sánchez apostou por "recomezar" e "retomar" o diálogo para abordar o conflito que -insistiu- ten unha "natureza política", polo que debe abordarse desde a política e non pola vía xudicial.

O groso do discurso proseguiu co detallado repaso ás cincuenta páxinas do pacto programático con Unidas Podemos. A acción do Goberno de coalición rexerase en catro eixos fundamentais, segundo explicou: a xustiza social, defensa dos servizos públicos, a liberdade e a cohesión territorial. No económico, o de Sánchez foi un discurso socialdemócrata e crítico con algúns mantras neoliberais, con chiscadelas ás posturas esquerdistas dos seus socios de Unidas Podemos. Así, deixou claro que cren "nunha economía social de mercado" pero non "nunha sociedade de mercado", porque "non se pode entregar ao mercado a saúde, a seguridade, o porvir, a vida das persoas", advertiu. "O diñeiro non sempre está mellor no peto dos que posúen unha fortuna, senón nos servizos públicos", engadiu.

Tras lembrar a súa intención de elevar impostos ás maiores rendas e reforzar o control de sociedades de investimento como as sicavs, afirmou que a clase media non sufrirá unha maior presión fiscal. Tamén lembrou a intención de implementar un ingreso mínimo vital e de derrogar a reforma laboral así como de prohibir por lei futuras amnistías fiscais.

O carácter social do Goberno de coalición é no que máis énfase puxo o aspirante á Presidencia, que defendeu a "blindaxe constitucional do sistema público de servizos sociais como cuarto alicerce do estado do benestar". O aumento das contías para as axudas ao sistema de dependencia, a fin da LOMCE, a loita contra a emerxencia climática, o rexeitamento rotundo á xestación subrogada son algunhas das medidas que debullou.

Un dos momentos máis aplaudidos desde a bancada socialista foi o recordatorio que fixo Sánchez da exhumación dos restos de Franco do Valle de los Caídos. Agora comprométese a devolver os bens "espoliados" durante o franquismo aos seus "lexítimos propietarios" e á inmediata recuperación para o patrimonio público no caso do Pazo de Meirás, tal e como figura no documento pactado con Unidas Podemos. Así mesmo, o Goberno declarará o 31 de outubro día de lembranza das vítimas do Franquismo e o 8 de maio día en recordo das persoas no exilio. Tamén aludiu á intención de devolver os bens inmatriculados ilexitimamente pola Igrexa a partir da listaxe que elaborou o Ministerio de Xustiza.

Sánchez finalizou a súa intervención cun chamamento ao ton conciliador na política, pero ao que as bancadas conservadoras responderon con apupos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.