Sánchez xurará o cargo o mércores, o xoves farano os ministros e o venres prevese o primeiro Consello
Chamamentos desde a dereita ao transfuguismo e mesmo á intervención das forzas armadas pairan este martes sobre o Congreso e os seus 350 deputados e deputadas, que este mediodía se reúnen novamente en pleno para, en segunda volta, votar de novo a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno central. Unha sesión que poderás seguir aquí mesmo desde as 12:00 horas:
Sánchez será investido presidente se logra máis votos a favor que en contra, algo que xa conseguiu hai dous días por unha diferenza mínima, 166 fronte a 165,
Sánchez será investido presidente este martes se, despois de non obter o domingo a maioría absoluta da Cámara (176 votos dos 350 posibles), logra desta volta máis votos a favor que en contra, algo que xa conseguiu hai dous días por unha diferenza mínima, 166 fronte a 165, con 18 abstencións de ERC e Bildu. Dará inicio así ao primeiro goberno de coalición, con Unidas Podemos, en catro décadas, algo habitual en toda Europa e mesmo en España tanto nas comunidades autónomas como nos concellos.
Os executivos de coalición son habituais en Europa e en Galicia xa gobernaron a Xunta en dúas ocasións, en 1987 e 2005
En Galicia a primeira experiencia dun goberno de coalición produciuse en 1987, tras a moción de censura contra o popular Gerardo Fernández Albor que levou á presidencia da Xunta ao socialista Fernando González Laxe co apoio do tránsfuga José Luis Barreiro Rivas e a súa Coalición Galega e do Partido Nacionalista Galego. E a coalición foi novamente a forma de goberno elixida en 2005 polo PSdeG e o BNG para facer presidente a Emilio Pérez Touriño. Coalicións que hoxe son a forma de goberno en 13 das 17 comunidades autónomas.
Sánchez prevé que o venres se celebre xa o primeiro Consello de Ministros
Este martes os votos a favor e en contra que agarda recibir Sánchez poderían variar lixeiramente, pola banda do si pola asistencia ao pleno dunha deputada dos comúns cataláns que non o fixo o domingo por enfermidade, e pola do non pola posible abstención en segunda volta de deputados que hai dous días rexeitaron ao socialista, como a deputada de Coalición Canaria Ana Oramas que votou en contra malia que a súa formación decidira que debía absterse.
Malia a posible variación dalgúns votos, o resultado sería a diferencia máis axustada entre sies e noes desde a restauración da democracia, só comparable coa investidura en 1996 de José María Aznar con 166 votos en contra.
A partir da investidura deste martes, a previsión coa que traballa Sánchez é a de xurar e tomar posesión do cargo este mércores día 8, que os ministros e ministras o fagan o xoves 9 e que o venres 10 se celebre o primeiro Consello de Ministras.