A deputada do PP Carmen Pomar, foi a encargada de responder á moción que o BNG presentou este martes no Parlamento para a reprobación do actual director xeral da CRTVG, o seu cesamento inmediato e o inicio da súa remuda de acordo coa lei de medios. Con parte do persoal mobilizándose ás portas para reclamar que cesen "os abusos" e a "manipulación", a ex-conselleira virou a súa intervención nunha loa a Alfonso Sánchez Izquierdo, de quen gabou en numerosas ocasións a súa "independencia" mentres calcaba os argumentos que o máximo responsable dos medios públicos utiliza nas comisións parlamentarias.
O PP anunciou o seu voto en contra á proposta nacionalista, que si apoiou o PSdeG, e apostou por defender atacando. "Queren cargarse o director xeral porque é independente (...) Como é independente e non se deixa presionar, esixen a súa reprobación", dixo Pomar fronte ás críticas de BNG e PSdeG á súa xestión. A continuación, repetiu os argumentos e respostas que Sánchez Izquierdo calca unha e outra vez na Cámara ao ser interpelado sobre o conflito e as protestas permanentes na TVG.
Pomar (PP) acusa a BNG e PSdeG de levar levar de "acosar" a CRTVG a través dunha "estratexia propia dos populismos, ao máis puro estilo Trump"
Así, e como fixera o director xeral na súa última comparecencia, atribuíu o incremento da conflitividade a unha "campaña partidista de ataque e presión á CRTVG" que considera "máis intensa" por "haber eleccións municipais e sindicais en maio". "A isto responde que recrúe o acoso, unha estratexia propia dos populismos, ao máis puro estilo Trump", asegurou.
Hai menos de quince días, Sánchez Izquierdo tamén atribuíu as protestas ou a folga do persoal a motivos electorais. Advertira de que "líderes" de movementos como Defende A Galega estaban vinculados a partidos, "ata o punto de que forman parte de listas electorais". Pomar repetiu o argumento, aludindo á mesma cuestión: "Cuestionan a independencia do director xeral mentres algunhas das persoas que encabezan as protestas van en listas electorais do BNG".
Como fixera o director xeral, o PP atribúe a conflitividade na CRTVG a motivos electorais e partidistas, cualifica de "minoritaria" a protesta e presenta como aval a audiencia
Logo, aludiu ao suposto carácter "minoritario" das mobilizacións, ás que atribuíu o obxectivo de "deteriorar a imaxe dos medios públicos porque cren que así van gañar ao PP"; Sánchez Izquierdo cualificara os venres negros de movemento "minoritario" e cuestionara tamén a súa "independencia". Ademais, Pomar acusou a oposición de dividir "entre traballadores de primeira e de segunda" e de non defender todo o persoal, noutra argumentación idéntica á que o director xeral dá cada vez que é cuestionado pola mobilización constante contra o "clima laboral asfixiante" ou a "manipulación".
Pomar foi máis aló e culpou a BNG e PSdeG de "pedir reprobar" o director xeral "sen motivos que o xustifiquen" e cargou contra a xestión do bipartito na CRTVG, hai máis de trece anos. "Deberían ter o talante democrático para felicitalo, pero non hai recoñecemento ningún cando o seu balance é positivo en todos os aspectos", dixo, aludindo tamén ás audiencias como un das razóns que "avalan a súa xestión", doutra volta copiando a argumentación que Sánchez Izquierda adoita utilizar.
Desde o PP non houbo referencia ningunha á "política de represalias e castigos" denunciada pola deputada do BNG María Albert, que sinalou os populares por "incumprir a lei" ao manter a Sánchez Izquierdo no cargo. “Non respectan nada, incumpren a lei en cada un e en todos os artigos, no contrato programa, no estatuto profesional, no Consello de informativos e na remuda da propia dirección xeral", lembrou.
Sánchez Izquierdo mantense indefinidamente no cargo que ostenta desde hai doce anos, tras acceder coa chegada de Feijóo ao Goberno da Xunta en 2009, malia que a lei dos medios públicos fixa desde 2011 a elección dunha nova dirección xeral xunto co novo consello de administración dende os seis meses posteriores á súa entrada en vigor.
Bloque e PSdeG denuncian a "crítica situación" e a "realidade agónica" que sofre a CRTVG e piden unha remuda da dirección xeral que rexeitou o PP
Ese prazo non se cumpriu nin cando tocaba -en xuño de 2012- nin cando no verán de 2015 si foi renovado o consello. Pouco despois daquela votación, o Goberno do PP aproveitou a tramitación dos Orzamentos Xerais de 2015 para introducir na súa lei de acompañamento unha disposición para permitir que, se cando a Corporación comezase formalmente a súa actividade -1 de xaneiro de 2016-, Sánchez Izquierdo aínda non fora substituído, puidese continuar "transitoriamente" no posto. Aí segue e aí pode seguir, agás que se reforme a lei de medios, ante un improbable acordo entre todos os partidos pola necesidade dunha maioría reforzada.
Mentres María Albert criticaba que os informativos da TVG e da Radio Galega se tivesen convertido "nun meme" ou censuraba a "crítica situación" da CRTVG, o PSdeG, a través da deputada Noa Díaz, apostaba por "unha nova dirección". "Se hai sentido de país, toca remuda, cun proxecto de país e non do PP para os nosos medios", dixo, quen definiu de "agónica" a realidade da Corporación e que pediu que se poña fin "aos abusos, os castigos e a represión" ao persoal crítico.
A súa compañeira Noelia Otero defendeu pola tarde outra moción socialista na que pediu a reprobación do director xeral polas "represalias políticas" contra os traballadores da CRTVG e por ter "secuestradas" a pluralidade, a calidade e a independencia dos medios públicos.
Otero esixiu a renovación do cargo por maioría cualificada como figura na Lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de 2011. Ademais, a responsable socialista criticou a “desidia, desleixo e descaro na falla de respecto á legalidade vixente” ao desprazar dos postos de traballo a persoal con ampla traxectoria que quixo "alzar a voz contra o Goberno galego ou se plantou fronte á manipulación informativa por parte da dirección". O PP insistiu en blindar a Sánchez Izquierde e en defender a súa xestión.