O presidente da Xunta teima en contrapoñer as cifras de audiencia ás protestas que lle piden cumprir a lei impulsada polo propio PP
O incumprimento da actual lei da CRTVG, aprobada en 2011 e reformada polo PP en 2015 para prorrogar de xeito indefinido o mandato do seu director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, é un dos motivos das reiteradas protestas do persoal dos medios públicos. Tras a folga que o venres e o sábado provocou a cancelación de importantes programas tanto na radio como na televisión, este xoves o presidente Rueda foi preguntado novamente pola súa postura sobre este conflito, e novamente a súa resposta foi considerar avalada a actuación da dirección da CRTVG pola audiencia que ten.
O presidente dixo respectar “o dereito dos traballadores que decidiron ir á folga” pero tamén “o traballo diario dos profesionais dos medios públicos galegos que se reflicte, volvo dicir unha vez máis, nos altos índices de audiencia, o cal reflicte a súa calidade na miña opinión”.
Rueda foi máis alá e, fronte as críticas de que a TVG e a Radio Galega manipulan a información en beneficio do seu partido, o presidente da Xunta e do PPdeG considera que “os galegos escollen cada vez máis informarse nos medios públicos galegos, o cal creo que é bo para todos”.
Por outra banda, este venres, coincidindo coa celebración no Parlamento de Galicia dunha nova sesión da comisión de control da CRTVG, o comité intercentros convocou unha concentración ás portas da Cámara baixo o lema "Non máis abusos".