Co ruído das protestas do persoal dos medios públicos de fondo, o director xeral da CRTVG volveu desdeñar as mobilizacións, os paros e as reivindicacións dos seus traballadores durante a comisión de control parlamentaria. Limitou a histórica folga dos pasados 24 e 25 de marzo a cuestións electorais e cualificou os venres negros -que hoxe cumpren 254 semanas- de "movemento minoritario" e vinculado a partidos políticos.
Alfonso Sánchez Izquierdo falou cun ruído de fondo, o das consignas e bucinas do persoal da CRTVG que se concentrou ás portas da Cámara para denunciar, outra vez, os "abusos" e "manipulación" na radio e televisións públicas ao cumprirse unha semana da folga. Pero non deu credibilidade nin importancia a denuncia ningunha, veña dos traballadores, do Colexio Profesional de Xornalistas, doutros medios privados nin, por suposto, da oposición. "O rumbo é firme e non vai mudar mentres este director xeral estea á fronte", insistiu ante as críticas de PSdeG e BNG.
Sánchez Izquierdo volveu desdeñar calquera crítica e cualificou o movemento dos 'venres negros' como "minoritario" e "vinculado a partidos"
As deputadas socialistas Noa Díaz e Noelia Otero e as nacionalistas Noa Presas e Olalla Rodil insistiron nos "traslados forzosos" denunciados polo persoal por non acatar a inxerencia política nas informacións a prol do PP, o "incumprimento sistemático da lei de medios públicos", o "clima laboral asfixiante" que ten provocado "varias baixas laborais por estrés" na CRTVG, a conflitividade que derivou nunha importante folga ou aludiron á deriva crecente na "manipulación" das últimas semanas. "Están cada vez máis a monte e váiselles das mans", acusaron. Sánchez Izquierdo rexeitouno todo e pasou ao ataque.
Respecto de Defende A Galega, movemento que impulsa desde hai máis de catro anos os venres negros, minusvalorou a súa relevancia e ligouno a formacións políticas. "Os profesionais dos medios non nos deixamos enganar pola retórica de hipérbole dos venres negros, que son un movemento minoritario cuxos líderes están vinculados a partidos que están nesta Cámara, ata o punto de que forman parte de listas electorais nas próximas eleccións. Esa é a independencia dos venres negros", acusou.
O director xeral minusvalorou a folga, que cre vinculada ás próximas eleccións municipais, e pediu a "relaxación da conflitividade" que considera "artificial"
En canto á folga, que obrigou a suspender varios programas e espazos emblemáticos como Luar ou Galicia en Goles, advertiu de que era "consubstancial a unha situación externa, con eleccións dentro de dous meses; e interna, con eleccións sindicais".
Para Sánchez Izquierdo, os paros son froito duns feitos "que se pretenden facer ver desde ángulos que abordan a realidade desde unha perspectiva electoral". E continuou con prosa revirada alertando da "natureza esóxena" dunhas demandas que chegan "dunha parte do comité, non de todo". "Comproben na beirarrúa quen son", dixo en alusión ás protestas que se desenvolvían no exterior.
Ademais, o director xeral chamou a unha "certa relaxación da conflitividade" e á "serenidade", ao tempo que advertía de que as protestas e paros "non fan alterar o rumbo" do seu labor á fronte da CRTVG.
Ante a denuncia das parlamentarias dos "traslados forzosos" de varios xornalistas por "negarse a manipular informacións a favor do PP" -que tamén foron denunciadas polo comité como represalias contra os que non son "dóciles" coas inxerencias e polos propios afectados-, Sánchez Izquierdo volveu anunciar que haberá máis. E asegurou que "advertir como castigo cambiar de medio é unha visión ancorada nun pasado no que algúns parece que queren seguir vivindo".
Sánchez Izquierdo nega os "traslados forzosos" que denuncian persoal e oposicion: "Non é represaliar, é avanzar; non é degradar, é reforzar a radio"
Así, volveu xustificar as mudanzas nunha "estratexia global" da CRTVG e argumentou que "25 ou 30 anos facendo o mesmo non debería ser satisfactorio nin bo para o traballador, nin para a empresa nin para a cidadanía". "Non é represaliar, é avanzar; non é degradar, é reforzar a radio; non é ofender, é camiñar cara á integración", xustificou.
"Debemos ser moi cautos con este modelo de protesta que foi escalado de forma artificial", concluíu.
Así, Olalla Rodil acusou a Sánchez Izquierdo de ser “refén político do Partido Popular” e conducir o medio público e os seus traballadores e traballadoras a unha situación límite e “anómala”. Por todo iso, dixo, aclarou que o BNG pedirá a súa "reprobación" e "cesamento inmediato" no vindeiro pleno do Parlamento.
"Non hai máis saída que a súa renuncia"
Ademais, a parlamentaria socialista Noa Díaz reclamoulle ao director xeral que presente a súa renuncia ao cargo para "desbloquear o cumprimento da Lei de Medios de Comunicación Audiovisual, que determina a elección do seu sucesor por maioría cualificada do Parlamento.
Díaz presentou unha pregunta na Comisión da CRTVG do Parlamento sobre o incumprimento da devandita lei pola actual dirección do ente. A responsable socialista sinalou que “non hai máis saída para os nosos medios públicos” que a renuncia do seu actual director xeral, mantido no cargo pola negativa do PP a cumprir cunha norma que eles mesmos apoiaron no Parlamento hai dez anos. Díaz apuntou ao incumprimento á hora de aprobar o Estatuto Profesional e da creación do Consello de Informativos que vele pola obxectividade e a imparcialidade na Corporación.
Por outra banda, O BNG levou á Cámara a censura do discurso íntegro do director de cinema, Rodrigo Sorogoyen, que na pasada gala dos Premios Goya denunciou o "espolio eólico en Galiza e cuxas declaracións apareceron cortadas nos informativos da TVG".
“Sorogoyen pronunciou un discurso no que gabou o amor da poboación de Sabucedo pola flora e a fauna e criticou a expansión eólica desordenada da Xunta de Galiza recollendo a loita desta parte do País contra diversos parques eólicos autorizados polo Goberno do PP”, denunciou a parlamentaria do BNG, Noa Presas, que puxo exemplos como parques de Porto Vidros e Campo das Rosas, “que ameazan o hábitat dos cabalos salvaxes que saen no filme”, declarou na comisión da Cámara para a CRTVG.