Os populares frean a reforma impulsada por formacións soberanistas acusándoas de "buscar reducir a identidade española" e cualifica o galego, éuscaro ou catalán como "segundas linguas"
Dende o ano 2010, o Senado permite o emprego de linguas oficiais diferentes do castelán para algunhas das actividades parlamentarias. Principalmente, nos debates de mocións en pleno, así como nas intervencións na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas, no discurso inaugural da presidencia da Cámara ante o pleno ou nas iniciativas escritas dos grupos políticos, sempre que as formulen tamén en castelán.
Aquela reforma do Regulamento da que constitucionalmente foi concibida como Cámara de representación territorial foi considerada no seu momento como un avance no recoñecemento do plurilingüismo do Estado. Un avance limitado que, por contraste, éo aínda máis dende que no Congreso é posible empregar o galego, o euskera ou o catalán ao mesmo nivel que o castelán.
Este pasado mércores o Senado debateu unha proposta formulada por varias formacións soberanistas e da esquerda, entre elas o BNG, para, en síntese, equiparar o rango de todas as linguas oficiais co que agora teñen no Congreso. E permitir, deste xeito, o uso normal destes idiomas en todas as actividades parlamentarias. Pero a maioría absoluta do PP impediuno.
Carme da Silva, senadora do BNG, lamenta a "anomalía democrática" de manter as linguas oficiais diferentes do castelán restrinxidas no Senado mentres xa poden usarse con normalidade no Congreso
A través do senador madrileño Alfonso Serrano, os conservadores consideraron que "xa abonda" co espazo que actualmente teñen as linguas oficiais diferentes do Castelán. "O que realmente buscan -considerou- é reducir o espazo do común, o espazo do castelán" e "reducir a identidade española", argumentou, convidando "dende o respecto á súa segunda lingua" a "entendernos principalmente" en castelán xa que, dixo, tamén "se entenderon en castelán para a amnistía ou o cupo catalán".
Para a senadora do BNG, Carme da Silva, a reforma non suporía máis que rematar cunha "anomalía democrática", máis aínda agora que o Senado "vai por tras do Congreso" e onde o PP ,semella, pretende "mostrarse como gardián das esencias máis centralistas e rancias". Neste sentido, a nacionalista coida que, especificamente os representantes do PP galego no Senado, deberán "dar moitas explicacións" sobre "por que seguen atacando a lingua do seu país".
Besteiro lamenta "ternos que enfrontar ao PP máis antigalego da súa historia"
A iniciativa, finalmente, foi tombada por 149 votos en contra fronte a 108 a prol. Entre os votos favorables estiveron os do Grupo Socialista. Neste sentido, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que como deputado inaugurou o pasado 2023 o uso do galego no Congreso, lamenta que "teñamos que facer fronte ao PP máis antigalego da súa historia". "O rexeitamento no Senado a universalizar o uso do galego e doutras linguas cooficiais é un ataque directo aos nosos dereitos", censura.
No mesmo pleno foi tamén rexeitada outra proposta, neste caso formulada por Vox, para eliminar do Regulamento no Senado o espazo limitado que teñen as linguas oficiais diferentes do castelán. Só tivo 4 votos favorables.