O pasado setembro o Congreso dos Deputados incorporouse ao plurilingüismo. Corenta e seis anos despois e en virtude dos acordos tecidos polo PSOE con forzas soberanistas para a investidura de Pedro Sánchez, as linguas oficiais do Estado diferentes do castelán puideron comezar a empregarse con normalidade nas sesións da Cámara Baixa.
Tras aprobación da reforma plurilingüe no Congreso, varias forzas da esquerda auguraran que o PP acabaría facendo uso deste avance como antes sucedera con outras mudanzas ás que tamén se opuxeran
A institucionalización da incorporación dos idiomas vetados ata ese momento chegou a través dunha reforma do Regulamento asinada conxuntamente por PSOE, Sumar, BNG, ERC, EH Bildu e PNV. A mudanza comezou a ser tramitada en galego a través da intervención do socialista José Ramón Gómez Besteiro, daquela deputado no Congreso, que durante a súa intervención lamentara especialmente que o PP votase en contra, aspecto no que tamén puxera o foco o Bloque. Nas semanas seguintes, non obstante, diversas forzas da esquerda auguraran que os populares acabarían facendo uso deste avance, igual que sucedera no pasado con outras reformas en clave social que rexeitaran. E así vén de suceder.
Este pasado martes, nove meses despois da reforma plurilingüe, o Congreso celebrou un pleno co foco especialmente posto en Galicia por principiar co novo debate en torno á lei enviada polo Parlamento para a transferencia da AP-9. E nesa sesión ficou patente como o "non" o PP ao galego no Congreso vai esvaecendo pola vía dos feitos.
Os populares Pazos e Delgado falaron galego en parte das súas intervencións sobre a AP-9, este martes
Así, no propio debate da lei, o representante do PP dentro da delegación galega, Alberto Pazos, alternou castelán e galego no seu discurso practicamente ao 50%. Así, por exemplo, empregou a lingua propia de Galicia para reclamar "unha AP-9 cen por cen galega e cen por cen libre de cargas". Nas quendas de resposta dos grupos o ex-conselleiro Francisco Conde interveu no nome do Grupo Popular integramente en castelán pero pouco despois, no debate doutra iniciativa do BNG tamén sobre a autoestrada o deputado ourensán do PP Celso Delgado tamén optou por combinar os dous idiomas oficiais.
A incorporación do PP ao uso do galego no Congreso non pasou desapercibida para BNG e PSdeG, que este mércores o fixeron notar en clave de retranca. Así, por exemplo, durante a sesión de control no Parlamento Besteiro lamentou que Alfonso Rueda non acudise ao debate malia atoparse en Madrid. Se fose podería "ver como o portavoz do PP falou en galego, en contra do voto en contra" previo. "Pídolle que non le abra ningún expediente. Alberto, sé fuerte", chanceou entre risos de Pazos Couñago antes de considerar xa "un clásico da dereita" que os populares acaben "gozando dos dereitos" aos que inicialmente se opoñen.
BNG e PSdeG responden con retranca ao uso do galego no Congreso por parte do PP, que para rexeitalo rexistrara emendas como que a Cámara Baixa está en Madrid, onde só é oficial o castelán
Paralelamente, nas redes sociais, o BNG compartiu senllos fragmentos das intervencións de Pazos e Delgado no Congreso engadindo a lenda "de nada, Partido Popular". A breve montaxe inclúe varios titulares sobre o voto en contra do PP ao uso do galego no Congreso e, ao final, os créditos empregados na serie da HBO Curb Your Enthusiasm para subliñar situacións incómodas ou absurdas, que nos últimos anos viraron en popular meme de internet.
Para xustificar o seu rexeitamento ao uso das linguas oficiais diferentes do castelán no Congreso o PP rexistrara emendas con argumentos como que a Cámara Baixa non se atopa "no territorio de ningunha comunidade autónoma cuxo Estatuto designase algunha lingua como cooficial co castelán" ou que a Constitución non contempla que galego, éuscaro ou catalán sexan oficiais "en todo o territorio de España". Ademais, o seu voceiro, Borja Sémper, asegurara ante a prensa que os seus deputados ían seguir falando só en castelán para non facer "o canelo".