Rueda volve ampararse no resultado electoral para desbotar críticas da oposición, que pide "menos festa e máis traballo"

Rueda no Parlamento dirixíndose ao hemiciclo para a sesión de control á Xunta deste mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Nova sesión de control á Xunta no Parlamento tras unha convocatoria electoral, esta volta as europeas, e nova sesión de control na que o presidente tira dos resultados electorais do PP para desbotar as críticas ou peticións de explicacións que lle fai a oposición. Desta vez foron o estado da sanidade e das autoestradas galegas os asuntos polos que preguntaban BNG e PSdeG e que Alfonso Rueda deixou nun segundo plano fronte á súa prioridade por salientar a fortaleza electoral dos populares e as supostas debilidades da oposición.

José Ramón Gómez Besteiro, líder do PSdeG, dirixíndose á sesión de control deste mércores 12 de xuño de 2024 CC-BY-SA PSdeG

Besteiro pediu a Rueda que igual que os socialistas se comprometeron a avanzar na gratuidade da AP-9 a Xunta faga o mesmo coas autoestradas galegas

O debate deste mércores iniciouno o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que cun ton conciliador, como en anteriores sesións de control, pediu a Rueda que ao igual que os socialistas queren avanzar cara á gratuidade da AP-9, promesa lanzada na pasada campaña electoral, tamén a Xunta avance na gratuidade das dúas autoestradas galegas, as de Carballo e o Val Miñor. 

Rueda optou por centrar a súa resposta en pedir ao PSOE avances na AP-9, ao que o socialista respondeu lembrando que as súas competencias son sobre as infraestruturas galegas. "Gustaríame facer o seu traballo, pero non podo, non fun investido presidente", dixo Besteiro, quen pediu ao titular da Xunta "que haxa menos festa e máis traballo".

Similar petición fixo a Rueda a líder do BNG, Ana Pontón, ao preguntarlle sobre as eivas que hai na sanidade galega. "Póñase xa a traballar", dixo a nacionalista, reclamando "menos ocorrencias", en referencia ás propostas da Xunta como que reforcen a sanidade en verán en sitios costeiros profesionais que veraneen neses lugares. Pontón tamén criticou que a Xunta queira que médicos aínda en formación poidan atender doentes sen supervisión.

Ana Pontón intervén na sesión de control deste 12 de xuño CC-BY-NC-SA BNG

"Fale de Bildu e de Esquerra aos veciños e veciñas que non teñen médico", di Ana Pontón

Rueda admitiu que "por suposto que hai que traballar continuamente", pero atribuíu a situación da sanidade a "problemas compartidos con outras comunidades". Porén, foi máis tempo o que dedicou o presidente a gabar os resultados electorais do PP e criticar a coalición electoral na que volveu concorrer ás europeas o BNG, con EH Bildu e ERC. 

"Fale de Bildu e de Esquerra aos veciños e veciñas que non teñen médico", retrucoulle Pontón, que lembrou que "unha pandemia non se pode prever, pero o verán leva pasando miles de anos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.