A Xunta elude aforrar 44 millóns de euros nas autovías con peaxe en sombra, como lle pediu o Consello de Contas

Rueda e a anterior conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, paseando con outras autoridades sobre unha autovía CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Sete meses despois de que o ente fiscalizador recomendase renegociar á baixa as concesións, Infraestruturas responde ao PSdeG sobre o avance desa medida remitíndose ao informe de Contas, que a considera incumprida

O pasado 26 de outubro o Consello de Contas, ente fiscalizador das administracións galegas, fixo público un informe que revelou que a Xunta está a pagar de máis polas autovías de peaxe en sombra planificadas por Feijóo. Ese informe incluía unha única recomendación: que a Xunta revisase os contratos e aforrase no que paga ás concesionarias "por valor de, cando menos, 44 millóns de euros".

Sete meses despois daquel informe este luns a Consellería de Infraestruturas, preguntada expresamente polo PSdeG por aquela recomendación, respondeu por escrito ao Parlamento que non entende que é o que se lle pide. Infraestruturas tamén se remite ao que xa alegara ante Contas, que concluíu facendo firme a súa recomendación tras considerar que "non está cumprida".

Única recomendación do Consello de Contas sobre as autovías de peaxe en sombra, pregunta do PSdeG sobre o cumprimento desa recomendación "no momento actual" e resposta da Xunta dicindo que non entende a pregunta e remitíndose ás alegacións nas que rexeitou esa recomendación CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Os informes do Consello de Contas adoitan incluír diversas recomendacións dirixidas ás administracións cuxos actos fiscaliza. Porén, no caso da súa análise sobre as autovías con peaxe en sombra (Salnés, Barbanza, Costa da Morte, Celanova e Santiago-Brión) o informe unicamente facía unha recomendación: que tras renegociar á alza ha unha década os contratos de varias autovías de paxe en sombra para supostamente garantir a viabilidade financeira das concesionarias a Xunta os revisase novamente para aforrar "cando menos, 44 millóns de euros". 

Unha semana despois daquel informe o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dixo que "o ideal sería poder chegar a un rescate desas concesións, pero iso entra na responsabilidade e capacidade económica dun goberno". A cuestión desapareceu do debate político e seis meses despois, en abril, o PSdeG presentou unha pregunta parlamentaria ao respecto.

Os socialistas lembraron na súa pregunta que "no informe do Consello de Contas facíase unha única recomendación ao Goberno galego", cuestionando a continuación "se no momento actual a Xunta de Galicia reduciu as tarifas abonadas ás concesionarias, garantindo esa viabilidade financeira, segundo cálculo xa feito polo Consello de Contas e que pode xerar aforros nos orzamentos públicos por valor de, cando menos, 44 millóns de euros".

Características das autovías con peaxe en sombra analizadas polo Consello de Contas © Consello de Contas

A resposta da Xunta entrou no Parlamento este luns e nela a Consellería de Infraestruturas desenténdese da cuestión, "non entendéndose moi ben que é o que se pregunta", di. Ante esa suposta incomprensión dunha pregunta expresa e directa sobre o grao de cumprimento "no momento actual" da única recomendación formulada polo Consello de Contas, o Goberno galego remítese ao que xa alegou no seu momento ante o ente fiscalizador. 

Aquel proceso de alegacións iniciouno Contas remitindo a súa proposta inicial de informe á Xunta, que contestou ao mesmo o 15 de setembro argumentando que consideraba que a recomendación estaba a ser xa cumprida porque no caso dunha das cinco autovías analizadas, a de Celanova, as tarifas xa se viran reducidas. Tamén apelaba nas súas alegacións a "futuros axustes das tarifas nas autovías do Salnés e Barbanza para que os incrementos quedasen sen efecto no momento en que a viabilidade financeira [das concesións] estivese garantida", axustes que segundo a Xunta "implicarán un aforro aproximado de 26 millóns de euros". 

Alegación da Xunta ao informe de Contas e resposta de Contas desestimándoa e ratificando a súa recomendación de que aforren 44 millóns no que se paga ás autovías con peaxe en sombra CC-BY-SA Praza Pública

En outubro Contas estableceu que a súa recomendación, "contrariamente ao que sostén nas súas alegacións" a Xunta, "non está cumprida", e agora Infraestuturas di non entender que se lle pregunta

Pero esas explicacións non convenceron ao Consello de Contas, que replicou á Xunta que "a recomendación que figura no informe, contrariamente ao que sostén nas súas alegacións a Intervención xeral, non está cumprida". Contas explicaba que "sendo certo que na autovía de Celanova fíxose unha revisión á baixa da tarifa en 2020, a recomendación contida no informe propón ir máis aló e revisar á baixa a tarifa na autovía do Salnés e Barbanza e novamente na autovía de Celanova". "En consecuencia non se estima a alegación", concluía Contas no seu informe definitivo feito público o 26 de outubro no que se ratificaba na súa única recomendación que agora a Xunta di non entender.

Logo desta resposta por escrito obtida polo PSdeG sobre as autovías de peaxe en sombra, a vindeira semana o seu portavoz parlamentario, José Ramón Gómez Besteiro, preguntará directamente ao presidente da Xunta na sesión de control no Parlamento sobre "as supostas xestións para garantir a mellora das condicións nas que a cidadanía emprega as autoestradas de Galicia".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.