"A Xunta non vai ser cómplice dunha grande ficción respecto aos prazos do AVE". En maio de 2011, a apenas 20 días das eleccións municipais, a Xunta rematou de vez o seu acordo de non agresión co daquela ministro de Fomento, José Blanco, plasmado no coñecido como Pacto do Obradoiro, o que fixara o remate da conexión de Galicia con Madrid por alta velocidade ferroviaria para o ano 2015. Quen na altura era conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, presentou ante a prensa un cronograma elaborado pola Xunta para demostrar "obxectivamente" que o prazo fixado era incumprible. Un dos motivos alegados por Hernández e, nos meses seguintes, tamén por Alberto Núñez Feijóo, era a imposibilidade de rematar en prazo o tramo Taboadela-Ourense, o mesmo no que sete anos despois aínda non se moveu unha soa pedra. Apenas un mes despois de que Feijóo comezase a restarlle importancia agora é o novo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, o que aposta por desbotalo.
Nunha entrevista concedida a TVE xusto unha semana despois de visitar Galicia para ratificar a negativa á transferencia da AP-9 e admitir que o remate da conexión do AVE en 2018 é materialmente imposible, De la Serna avanzou o cuestionamento desas obras e agregou, ademais, que Feijóo é consciente de que valora non realizalas. "O presidente Feijóo do que falou foi da racionalización dos investimentos" nun proxecto que inicialmente contemplaba dobre vía de alta velocidade con ancho internacional e a coñecida como variante exterior da cidade de Ourense.
"Se se fai esa solución", sinala o ministro, entre a culminación dos "trámites ambientais, redacción de proxectos", a propia contratación e construción e mais as probas de seguridade, o horizonte para a conclusión dos traballos chegaría ata 2022. Outra opción, di, é "arranxar a liña" convencional para que "poida xerar alta velocidade". "A diferenza entre unha e outra son 600 millóns de euros -estimacións previas do propio Goberno de España roldaban os 300- e catro minutos" de viaxe, afirma, sen citar a fonte desa estimación. "Temos que reflexionar se nun traxecto de Galicia a Madrid paga a pena facer ese investimento por 4 minutos", conclúe.
De la Serna cuestiona a construción do treito Taboadela-Ourense, que a Xunta defendeu como indispensable para a chegada do AVE
A relativización este treito contrasta notablemente coa belixerancia da Xunta cara ao Goberno socialista na esixencia da súa construción, xa modulada por Feijóo nos últimos meses. "Non creo que debamos centrar o tema na variante de Taboadela", sinalou o pasado novembro, considerando así que daría por rematada a liña de AVE se en 2018 estivese rematado todo o demais e Fomento artellase unha solución alternativa para os 17 quilómetros anteriores a Ourense, xa fose coa mellora da liña apuntada agora por De la Serna ou empregando trens adaptados para as liñas novas e mais para as convencionais. Como informou este diario, malia ás graves consecuencias vividas en Angrois Fomento seguiu abrindo nos último anos treitos de AVE con infraestrutura provisional ou sen todas as medidas de seguridade propias da alta velocidade.
Sexa como for, o que xa ningunha das institucións implicadas nega é o que xa constitúe unha certeza técnica dende hai tempo: o AVE galego non vai estar concluído en 2018. Segundo a Xunta e o PP galego esta demora é causa da parálise do Goberno de España. No entanto, cando o Executivo de Mariano Rajoy levaba nove meses en funcións, o pasado setembro, os populares incluíron no seu programa das eleccións galegas como "irrenunciable" a data agora desbotada.
Situación das obras entre Zamora e Ourense