Medio Ambiente comeza a validar agora o último treito do AVE en Ourense, que non estará en 2018

Situación das obras do AVE entre Zamora e Ourense CC-BY-SA Praza Pública

O Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente publica este xoves no Boletín Oficial del Estado un informe de impacto ambiental que abre a porta a desbloquear o último treito do AVE entre Madrid e Galicia, uns 17 quilómetros entre Taboadela e a cidade de Ourense, os únicos de toda a liña nos que aínda non se moveu unha pedra. Agora Fomento, logo de adaptar o seu proxecto, aínda ten que encargar a obra e executala, polo que ese treito non poderá estar en servizo en 2018 e o Goberno incumprirá así a súa promesa de rematar o AVE galego nese ano.

Os 17 quilómetros entre a capital e Taboadela, ao leste, son os únicos de toda a liña nos que aínda non se moveu unha pedra á espera do informe agora emitido

Medio Ambiente emitiu a primeira declaración de impacto ambiental do treito entre Taboadela e Ourense a finais de 2011, cando eses 17 quilómetros aínda avanzaban na súa tramitación ao mesmo ritmo que os outros cen quilómetros actualmente en obras entre Taboadela e a provincia de Zamora. Porén, máis tarde Fomento modificou lixeiramente o seu proxecto inicial e houbo que definir mellor o lugar e o tamaño dos vertedoiros nos que se acumulará a terra procedente dos túneles que terá o treito, o que obrigou a realizar novos estudos ambientais, un dos cales é o que agora se fai público, que afecta fundamentalmente ao subtreito Taboadela-Seixalbo, mentres que aínda está por validarse por completo o outro subtreito, Seixalbo-Ourense.

Pero logo do seu desbloqueo ambiental, Fomento aínda terá que adaptar o seu proxecto construtivo aos condicionantes que se agora se lle marcan, licitar e adxudicar a obra e executar efectivamente os traballos. Entre os trámites administrativos e a obra, é materialmente imposible que o treito poida estar en servizo en 2018, como veñen prometendo o Goberno central e a Xunta, mesmo na pasada campaña electoral autonómica.

Á espera deses 17 quilómetros nos que aínda non se moveu unha pedra, no resto de treitos os traballos están notablemente máis avanzados. Para poder polos en servizo cando se rematen sen ter que agardar polo treito Taboadela-Ourense, Fomento estuda diversas solucións técnicas para empregar de xeito temporal a vía convencional actual neses 17 quilómetros, nos que os trens terán de alta velocidade terán que circular moito máis lentos.

Fomento estuda solucións técnicas que permitan aos trens de alta velocidade empregar a liña convencional mentres non se executa ese treito

Ademais da imposibilidade material de rematar o treito Taboadela-Ourense en dous anos, a semana pasada Adif tamén contribuíu a pór en dúbida a promesa de 2018 para o resto de treitos da provincia de Ourense cos prazos que manexa para a posta en servizo dos seguintes cen quilómetros en abrirse, os que hai entre Zamora, a onde xa chega agora o AVE en vía simple, e Puebla de Sanabria. O cambiador de ancho que nesa última vila, ás portas de Galicia, ten que permitir enlazar temporalmente a vía do AVE coa convencional mentres non se rematan os treitos entre Sanabria e Taboadela non estará en servizo ata comezos de 2018. Isto é, o AVE non chegará a Puebla de Sanabria ata 2018, ano no que xa tería que estar en Galicia.

Malia estes condicionantes materiais, os gobernos do PP en Madrid e Santiago teiman en insistir, sen introducir ningún destes matices técnicos, que o AVE a Galicia estará en servizo en 2018.

Situación dos vertedoiros do último treito do AVE en Ourense, elemento que bloqueaba ata o de agora a súa tramitación ambiental Dominio Público Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.