Galicia é o quinto territorio que menos incrementou o seu gasto social nos últimos 15 anos, mellorando só a evolución seguida por Aragón, Madrid, Cataluña e Castela-A Mancha
Galicia dedica a políticas sociais (gasto en sanidade, educación e servizos sociais) o 62,8% do seu orzamento. A proporción sitúase lixeiramente por riba da media do conxunto das comunidades autónomas do Estado (58,4%). Porén, o peso do gasto social galego está por debaixo do que se se rexistraba en 2009, momento da chegada de Alberto Núñez Feijóo á Presidencia da Xunta (66,41%). Ademais, dende ese ano 2009 a contía total do gasto social da Xunta medrou por debaixo da media estatal.
Así o detalla o último informe da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, que analiza a evolución dende o 2009 do investimento social realizado polas comunidades. O documento denuncia que "ano tras ano as Comunidades Autónomas destinan menos porcentaxe do seu orzamento a políticas sociais", ao tempo que destaca o esforzo que dende o ano 2020 vén realizando o Estado central nesta materia, cun incremento do gasto social e das achegas ás comunidades autónomas para o financiamento destas políticas.
En relación ao ano 2009, a porcentaxe que representa o gasto social da Xunta sobre o total do seu orzamento reduciuse en case catro puntos, especialmente pola caída relativa das partidas dedicadas a Educación (-3,6 puntos) e Sanidade (-1,9)
A entidade salienta que "aínda que a crise sanitaria e social provocada pola Covid19 demostrou a importancia do gasto en servizos públicos esenciais de sanidade, educación e servizos sociais, o incremento do gasto nestas políticas xestionadas polos CC.AA. só foi o 9,1% entre 2020 e 2023, mentres que o incremento do gasto no resto de políticas foi o 55,7% nese mesmo período (6 veces máis)". "Tiveron que pasar 14 anos e unha pandemia para recuperar o gasto social. Pero o seu peso nos orzamentos autonómicos é cada vez menor", conclúe.
Dende o ano 2009 todas as comunidades autónomas incrementaron a contía total do seu investimento neste conxunto de áreas. Entre 2010 e 2014 houbo un recorte xeneralizado nas partidas sociais, que se recuperou entre 2014 e 2020. Dende o ano 2020 a inxección de fondos procedentes do Estado destinados especificamente a financiar as políticas sociais elevou o gasto realizado polas comunidades autónomas nesta materia.
Galicia é o quinto territorio que menos incrementou o seu gasto social nos últimos 15 anos, mellorando só a evolución seguida por Aragón, Madrid, Cataluña e Castela-A Mancha
Porén, hai grandes diferenzas entre a evolución seguida por unhas e outras comunidades autónomas. Así, mentres que no conxunto dos 17 territorios o gasto social se incrementou un 28% entre 2009 e 2023, en Baleares fíxoo un 66% e na Comunidade Valenciana e Navarra elevouse máis dun 45%. Pola contra, Castela-A Mancha (+11%), Cataluña (+12%) e Madrid (+19%) aumentaron as súas cifras moi por debaixo da media.
Galicia situase tamén por debaixo da media, cun aumento do 25,2%. De feito, o noso país é a quinta comunidade que menos incrementou o seu gasto social nos últimos 15 anos, mellorando só a evolución seguida por Aragón, Madrid, Cataluña e Castela-A Mancha.
En Educación o aumento do orzamento en Galicia foi só do 14%, fronte ao 27% no conxunto das 17 comunidades autónomas. Neste ámbito Galicia só mellora os datos de Castela-A Mancha
O gasto sanitario en Galicia si mellora lixeiramente a media xeral, cun aumento do 26,1% fronte á suba do 22% no conxunto do Estado. Baleares foi a comunidade que máis aumentou o gasto en Sanidade e Cataluña foi o único territorio no que este descendeu.
En cambio, en Educación o aumento do orzamento en Galicia foi só do 14%, fronte ao 27% no conxunto das 17 comunidades autónomas. Neste ámbito Galicia só mellora os datos de Castela-A Mancha.
En Servizos Sociais o incremento do orzamento da Xunta (+58%) tamén se sitúa por debaixo da media (+64%). Neste caso, o maior incremento corresponde á Comunidade Valenciana e o menor foi, de novo, o de Castela-A Mancha, onde a contía destinada a esta fin mesmo se reduciu.
Galicia supera por pouco a media estatal, cun investimento social de 3.297 euros por habitante, fronte aos 3.124 euros por persoa do conxunto das 17 comunidades autónomas. Porén, é o territorio do norte cun peor financiamento das súas políticas sociais
As cifras anteriores fan referencia á evolución das contías totais dedicadas ás políticas sociais. En termos do investimento destinado por habitante a estas materias a foto fixa amosa grandes diferenzas entre unhas e outras comunidades autónomas. Navarra, Euskadi e Estremadura son os territorios que máis cartos por habitante dedican ás súas políticas sociais, nunha listaxe seguida por Asturias, Cantabria, Castela e León e A Rioxa.
O mapa amosa que o norte de España dedica máis cartos ás políticas sociais que o sur. Galicia supera por pouco a media estatal, cun investimento social de 3.297 euros por habitante, fronte aos 3.124 euros por persoa do conxunto das 17 comunidades autónomas. Porén, é o territorio do norte cun peor financiamento das súas políticas sociais. Madrid e Cataluña, con menos de tres mil euros por habitante pechan a lista, que tamén ten a Murcia e Andalucía nos seus últimos postos.
"Tiveron que pasar 14 anos e unha pandemia para recuperar o gasto social. Pero o seu peso nos orzamentos autonómicos é cada vez menor", conclúe o informe
Galicia supera o gasto medio por habitante en Sanidade (1.840 euros fronte a 1.704 ), pero fica moi por debaixo da media en Educación (1.032 euros fronte a 1.191) e tamén en servizos sociais (425 euros fronte a 551).
En relación ao ano 2009, a porcentaxe que representa o gasto social da Xunta sobre o total do seu orzamento reduciuse en case catro puntos, especialmente pola caída relativa das partidas dedicadas a Educación (-3,6 puntos) e Sanidade (-1,9), e tamén a 'outras políticas'. Aumentou, en cambio, a parte destinada a Servizos Sociais (+1,9 puntos) e, sobre todo, a porción do orzamento dirixida ao pagamento da débeda, que pasou de representar o 3,3% a ser o 10,2% do total.