Case 48.000 persoas reciben en Galicia unha prestación ao abeiro da lei da dependencia. É a cifra máis alta dende a aprobación e inicio da implantación da norma no país, no ano 2008, como tamén o é o número de mulleres e homes co dereitos recoñecido a recibiren prestacións, máis de 65.800. Estes rexistros prodúcense nun contexto no que, no entanto, unha visión completa da evolución do sistema permite comprobar como a moratoria na aplicación da lei aplicada polo Goberno de España entre 2012 e mediados de 2015 segue actuando como un lastre para a atención a este colectivo no conxunto do Estado e tamén en Galicia.
O paquete de recortes aprobado polo gabinete de Mariano Rajoy aos poucos meses de chegar ao poder para cumprir coas esixencias da UE a respecto do déficit público trouxo, entre outras moitas consecuencias, unha parada na aplicación desta lei, aprobada na etapa do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero e comezada a implantar en Galicia aínda co bipartito de PSdeG e BNG na Xunta. A "moratoria" consistía, fundamentalmente, en atrasar a entrada no sistema das persoas con dependencia moderada. A medida estendeuse co segundo paquete de recortes, o de 2012, e tivo efectos no sistema de atención á dependencia ata o verán de 2015.
A fin da moratoria provocou que a lista de agarda pasase de 12.000 a 27.000 persoas
Aínda que as modificacións legais endureceron os criterios para acceder ás prestacións o remate da medida provisional amosou ata que punto o freo de Rajoy supuxera toda unha maquillaxe da lista de espera no acceso ás prestacións por dependencia. Durante os anos da moratoria o coñecido como "limbo da dependencia", as persoas con dereitos recoñecidos pero a agardar pola prestación, pasara en Galicia de máis de 25.000 persoas a menos da metade, apenas 12.000. No entanto, ese rexistro de xuño de 2015 pasou, tornou, ao mes seguinte, en máis de 27.000 nomes a agardar. Quen estaban esperando e freados polo plan de recortes eran, daquela, máis que quen estaban xa no sistema.
Así foi como a aplicación da lei de dependencia en Galicia sufriu o devandito retroceso. De súpeto a Administración pasou a ter pendentes tantas solicitudes como no inicio de 2012. Segundo os datos do Imserso, a fin da maquillaxe supuxo pasar dunhas 51.000 a máis de 65.000, unha cifra de persoas con dereito á prestación por dependencia que se mantivo estable ou con pequenas variacións durante todo este ano. Mentres, o incremento no número de persoas a recibir prestacións foi tamén sensible, pasando dunhas 38.000 a 47.829 o pasado mes de setembro.
A aplicación da lei de dependencia será un dos asuntos que estea sobre a mesa durante a negociación do novo modelo de financiamento autonómico, o sistema de reparto dos recursos estatais entre as comunidades autónomas -agás Euskadi e Navarra, que gozan do sistema de concerto- que leva caducado dende o ano 2014. A posición galega vén sendo nos últimos anos que esta distribución de fondos teña en conta criterios como o incremento da poboación maior de 65 anos, o que implica máis necesidades en materia de atención á dependencia e de recursos asociados á mesma, tales como residencias de maiores ou persoal especialista en coidados.