Un panel internacional de expertos sinala que deben recortarse as emisións de gases na produción de alimentos, que supoñen o 25% do total
Atallar a crise climática obriga a cambiar a maneira de alimentarse. A fórmula actual de producir a comida supón case un terzo das emisións de gases de efecto invernadoiro polo que resulta imposible conter o quecemento global sen que o mundo –sobre todo o rico– modifique a súa dieta con urxencia: máis vexetais e carne producida con sistemas que utilicen menos enerxía, segundo o último informe do Panel Internacional para o Cambio Climático da ONU (IPCC) publicado este xoves.
O documento, aprobado este mércores -e que contén na súa ampla bibliografía varios estudos referentes ás transformacións rexistradas nos últimos anos no medio ambiente galego-, vén indicar que non basta con aplicar medidas á produción de enerxía nas centrais eléctricas ou nos motores dos vehículos. Non basta con transformarse en eólico e solar. En outubro de 2018 o IPCC xa avisou de que só medidas urxentes e drásticas na próxima década poderían evitar o peor do cambio climático limitando o aumento da temperatura global a 1,5º C. Este novo informe engade outro paquete de medidas cruciais.
Os expertos inciden en que unha dieta con máis vexetais e carne obtida con sistemas que demanden menos enerxía ten menor impacto climático
Os expertos calculan que a produción de comida lanza unhas 11 xigatoneladas de gases á atmosfera. Son 11.000 millóns de toneladas de gases de efecto invernadoiro a base de prácticas agrícolas, o cambio no uso do chan, ou almacenamento, transporte, procesamento, empaquetado e consumo dos produtos. A ministra en funcións de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, subliñou tras coñecer o informe que o estudo indica "o fundamental que é o solo. Un ben precioso e escaso que pasou de ser un sumidoiro de gases a un emisor" polo uso intensivo que impuxo a humanidade.
O que vai ao prato
Os científicos piden mudar cara ao que chaman dietas máis saudables. Que alimentos citan? Falan de cereais, legumes, verduras, froitos secos e sementes. Tamén carne, pero con métodos de produción que permitan un uso "menos intensivo" de enerxía. Un dos coordinadores do informe, Jim Skea, incidiu en que eles non recomendan unha dieta á xente. "Sinalamos que, segundo a evidencia científica, hai dietas que teñen unha menor pegada de carbono". É dicir, un impacto climático menor. O informe, entre outras cuestións, detalla como nunha explotación bovina é máis sostible a produción de leite que de carne.
O Panel considera que estes cambios teñen o potencial para evitar que entre 1,8 e 3,5 xigatoneladas de CO2 terminen na atmosfera. E engaden outro aspecto: frear o desperdicio de comida. Ao tirar menos alimentos redúcese a necesidade de consumir máis co que se rebaixa a expansión de terras dedicadas á produción. Os científicos calcularon que un terzo dos alimentos que se producen terminan desperdiciados. Unha boa proporción do efecto invernadoiro créase para nada.
Factura climática da comida
A maioría da superficie terrestre do planeta dedícase a producir alimentos ou vestido: ata un 72% do chan libre de xeo está destinado a manter á poboación
A maioría da superficie terrestre do planeta dedícase a producir alimentos ou vestido. Ata un 72% do solo libre de xeo está destinado a manter á poboación. O informe explica o que implica esta presión: o incremento na produción de comida acelerou o uso intensivo da terras. Tamén obrigou a aumentar a aplicación de fertilizantes a base de nitróxeno e o consumo de auga para a rega.
Todo isto multiplicou as emisións. O cambio de uso dos chans para soster este crecemento global contribuíu á cantidade de CO2 lanzado "sobre todo pola deforestación", explican. É dicir, a desaparición de árbores para dar paso a campos de cultivo ou pasteiros para rabaños. Tamén subiu a cantidade de óxido nitroso emitido ( N2O) pola agricultura e a de metano (CH4) polo gando. Ata a metade deste gas, de gran potencial invernadoiro, sae das cabanas gandeiras.
As medidas que poñen enriba da mesa abarcan desde a redución nas emisións de N2O dos fertilizantes, a do metano dos arrozais, a mellora xenética para que os cultivos soporten mellor as secas e que o gando teña unha mellor alimentación ademais de xestionar os seus refugallos. Atribúenlle un potencial de aforro entre 1,4 e 4 xigatoneladas de gases ao ano.
O cambio climático degrada os campos
A influencia entre a obtención de comida e o cambio climático é de ida e volta. A medida que a temperatura crece, aumentan os danos: maior desertificación, máis degradación do chan... Isto tradúcese en peores rendementos das colleitas. En consecuencia, un previsible encarecemento do produto. As previsións apuntan a que os prezos dos cereais puidesen subir ata un 29% para 2050. Pero tamén afectará á calidade da mesma scomida, xa que a maior concentración de dióxido de carbono influirá na composición dos nutrientes como, por exemplo, as proteínas.
Por outra banda, o biodiésel a escala mundial despraza á comida, advirte o informe. Unha das solucións adoptadas xeralmente polos estados para cumprir cos seus compromisos de emisións foi a aposta polos biocarburantes. A bioenerxía que se obtén a base de cultivos como a palma ou a colza. Os expertos avisan dos riscos e aseguran que hai límites ao cultivo destas variedades. Por que? A proliferación destas plantacións pode supoñer efectos "irreversibles" na desertificación da terra.
O que describe o Panel é que a idea de recortar emisións de CO2 a base de substituír o combustible fósil por, por exemplo, biodiésel, tende a crear unha competencia polo chan entre os cultivos para enerxía e os destinados a producir variedades que alimenten á poboación.
"Moitas das respostas toman tempo para producir os seus efectos", advirten os expertos da ONU
O documento inclúe unha advertencia: "Moitas das respostas toman tempo para producir os seus efectos". Piden paciencia. Sen ir máis lonxe, sinalan que medidas como cambiar a maneira de producir ou variar a dieta precisan dun período de adaptación. Incluso a reforestación da cuberta vexetal non se consegue rapidamente. As plantas teñen que medrar.