Galicia apenas reduce as emisións de gases causantes do cambio climático

A central eléctrica de carbón das Pontes foi a maior “fábrica de cambio climático” do Estado español durante 2014 © El Diario

Xosé Veiras analiza no blog Un claro no bosque a evolución das emisións contaminantes en Galicia, moi dependentes das centrais térmicas de carbón

O cumio climático de París dará un novo (e insuficiente) paso na loita contra o cambio climático, superador do Protocolo de Quioto. Desde 1990, o ano de referencia para este protocolo, Galicia apenas reduciu as súas emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros gases de efecto invernadoiro. Tan só as baixou o 4% entre 1990 e 2013, ano máis recente para o que hai datos oficiais, que se veñen de facer públicos. Sen a crise económica dos últimos anos, as emisións mesmo terían aumentado en comparación con 1990. Algo que previsibelmente volverá acontecer en 2015. Se medrar a economía e non mudaren as políticas públicas, tampouco haberá reducións permanentes importantes nos próximos anos.

Se consideramos as emisións por habitante en lugar das totais, as emisións non é que se reducisen só un pouco, é que mesmo  aumentaron, rozando as 10 toneladas por habitante

Se Galicia tivese asumido solidariamente a súa responsabilidade fronte á urxente e alarmante crise climática global, debería ter reducido significativamente  as súas emisións a respecto de 1990. Non foi así. Se consideramos as emisións por habitante en lugar das totais, as emisións non é que se reducisen só un pouco, é que mesmo  aumentaron, rozando as 10 toneladas por habitante, superando polo tanto as emisións medias da UE, a diferenza do que acontecía en 1990. Unha cifra que dá a medida da nosa importante responsabilidade, en relación ao tamaño da nosa poboación, no problema climático. E tamén da nosa inacción.

 

Por que Galicia reduciu tan pouco as emisións?

O que máis determina a evolución das emisións territoriais galegas é a actividade das centrais eléctricas de carbón das Pontes (ENDESA) e de Meirama (Gas Natural Fenosa)

A resposta principal a esta pregunta hai que buscala nas térmicas de carbón. Cansa dicilo, pero o que máis determina a evolución das emisións territoriais galegas é a actividade das centrais eléctricas de carbón das Pontes (ENDESA) e de Meirama (Gas Natural Fenosa). A súa importante capacidade de produción –a potencia conxunta destas centrais equivale á de dúas nucleares- sumada ao carácter moi intensivo en emisións de CO2 do carbón, convértenas en “asasinas climáticas”. No noso país, non se pode falar seriamente de loita contra o cambio climático sen ollar de fronte para estas industrias.  As empresas propietarias e os axentes institucionais, políticos e sociais que da apoio ás centrais de carbón son os grandes corresponsábeis do fracaso galego no combate á mudanza climática.

Os datos anuais de emisións do noso país dependen maiormente da produción das térmicas de carbón, de cuxas chimeneas saiu un terzo das emisións totais durante 2013.  Así, a baixada do 10,8% nas emisións  de 2013 en comparación coas do ano anterior explícase polo descenso do uso do carbón na produción eléctrica.  Tamén axudou o decrecemento do PIB, ou a diminución no consumo de derivados de petróleo, pero moito máis determinante foi o menor funcionamento das grandes “fábricas de cambio climático” de Meirama e As Pontes. A redución da súa produción entre 2012 e 2013 fixo que deixasen de emitir á atmosfera global 2.700.000 toneladas de CO2, cantidade equivalente á metade das emisións anuais de todo o sector do transporte, o que máis contribúe ao cambio climático desde o noso país despois das centrais de carbón1.

Por que as térmicas de Meirama e As Pontes queimaron menos carbón en 2013? Porque os parques eólicos e os encoros hidroeléctricos xeraron máis electricidade, en detrimento das centrais de carbón

Por que as térmicas de Meirama e As Pontes queimaron menos carbón en 2013? Porque os parques eólicos e os encoros hidroeléctricos xeraron máis electricidade, en detrimento das centrais de carbón. Foi así polo tempo que fixo ese ano, máis chuvioso e ventoso que o anterior. Perante o estancamento da potencia instalada en enerxías renovábeis logo do parón decretado polo Goberno Rajoy e mais o reducido nivel de utilización das centrais de ciclo combinado a gas natural de Sabón e As Pontes (menos contaminantes que as de carbón pero tamén menos rendíbeis para as eléctricas), o tempo é o factor que máis está a influír nas emisións de CO2.

É previsíbel que as emisións de gases de invernadoiro en 2015 superen as de 1990

Aínda que os datos máis recentes sobre as emisións totais de Galicia só están actualizados até 2013, é fácil prever a tendencia das emisións durante 2014 e o ano que está a piques de rematar simplemente seguindo a xeración de electricidade con carbón. Esta aumentou lixeiramente en 2014 e seguramente medrará máis no presente ano, moi seco. Se ademais temos en conta outros datos, como o crecemento do PIB ou o descenso do prezo do petróleo, é previsíbel que as emisións de gases de invernadoiro en 2015 superen as de 1990. 25 anos claves para a loita contra o cambio climático nos que Galicia non foi capaz de iniciar un vieiro de descenso continuado das emisións.

 

Só a crise económica e os parques eólicos diminúen a achega de Galicia ao cambio climático

Onde máis medraron foi no transporte, como resultado do crecemento desmesurado da mobilidade motorizada

A pesar de que segue a ser o de maior impacto climático, o sector enerxético foi o único no que se recortaron de forma importante as emisións a respecto de 1990, no que eran elevadísimas, debido ao desenvolvemento das enerxías renovábeis, nomeadamente da eólica. De non ser polos parques eólicos construídos desde finais da década de 1990 e polos períodos de recesión ou estancamento do PIB, as emisións desde o territorio galego terían aumentado sensibelmente desde 1990. Onde máis medraron foi no transporte, como resultado do crecemento desmesurado da mobilidade motorizada.

Achega das enerxías renovábeis en Galicia á mitigación do cambio climático segundo o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA)

O desempeño climático do conxunto do Estado español foi peor aínda que o da nosa terra. Foi, de feito, o peor da UE, ao teren aumentado as emisións un 12% entre 1990 e 2014. No mesmo período, a  UE conseguiu reducir as súas emisións un 20%.

Estamos a falar de emisións territoriais, dos gases de  invernadoiro emitidos polas actividades asentadas dentro das fronteiras dos devanditos territorios. Mais o panorama muda se consideramos a pegada de carbono, isto é, as emisións asociadas ao consumo, sen importar o lugar no que se producen. As emisións desde a perspectiva do consumo deben tamén ser tidas en conta á hora de avaliar a responsabilidade climática dunha economía. E en economías como as europeas (incluída a galega), que externalizan boa parte dos impactos negativos asociados ao seu consumo, estas emisións adquiren unha relevancia especial. Pero non se inclúen nas estatísticas oficiais, talvez porque nos din cousas que non queremos saber. Como que as emisións ligadas ao consumo da UE en 2009 eran un 2% máis altas que en 1995. Parece pois que a UE non é tan campioa na loita contra o cambio climático como nos queren facer crer.

Se sobre a evolución das emisións vencelladas ao consumo da UE falta información, sobre as asociadas ao consumo da economía galega non sabemos case nada. Só hai unha estimación, referida ao ano 2007 e só para o consumo privado: 8,2 toneladas/habitante, unha cifra elevada no contexto mundial e intermedia no español. Malia a falta de información, semella claro que tanto o impacto climático da Galicia produtora como o da consumidora son excesivos.

 

Os cinco grandes contaminadores

Un 30% da electricidade producida no noso país durante 2013 e 2014 procedeu do carbón importado

Abordar a achega de Galicia ao cambio climático, sexa da pespectiva que for, lévanos sempre ao carbón. Porque para explicar o anterior dato, relativo á pegada climática do consumo privado galego, entre outros factores importantes, como a adición ao automóbil privado ou a unha dieta con exceso de carne, hai que ter en conta tamén a orixe da electricidade que consumimos, na que o carbón ten aínda bastante peso, o que eleva a pegada climática do consumo eléctrico, dado que o carbón é, como xa vimos, un combustíbel moi intensivo en emisións de CO2. Un 30% da electricidade producida no noso país durante 2013 e 2014 procedeu do carbón importado.

Emisións de gases de invernadoiro durante 2013 en Galicia

Se ollamos para as maiores responsabilidades individuais, o carbón convértese na principal razón a ter en conta. Tan só cinco empresas son responsábeis do 45% das emisións territoriais de Galicia. E entre elas sobrancea a eléctrica ENDESA, o maior inimigo do clima en territorio galego por causa da súa central de carbón das Pontes, que nalgúns anos, como o pasado, é o maior foco emisor de CO2 de todo o Estado español. En 2013 incluso emitiu máis CO2 que as comunidades autónomas de Navarra ou Cantabria.

A segunda empresa posicionada no ranking dos maiores contribuíntes ao cambio climático é Gas Natural Fenosa. A razón non é outra que a súa central de carbón de Meirama, máis pequena que a das Pontes. A terceira é Alcoa, dedicada á produción de alúmina e aluminio, devoradora de electricidade. A grande factoría de alúmina-aluminio de San Cibrao construiuse á par da central de carbón das Pontes. Aluminio e carbón forman unha parella moi unida en Galicia.

Galicia debería iniciar xa un camiño de descenso drástico e continuado das súas emisións. O que pasaría, a (non tan) longo prazo, pola descarbonización de toda a economía, pola superación do produtivismo e o consumismo

Perante a decisiva encrucillada climática na que está a humanidade, Galicia debería iniciar xa un camiño de descenso drástico e continuado das súas emisións, que están moi por riba das que nos corresponderían nun reparto xusto dun ben común básico para o benestar humano como é a capacidade de absorción de carbono do planeta.  O que pasaría, a (non tan) longo prazo, pola descarbonización de toda a economía, pola superación do produtivismo e o consumismo, polo decrecemento no uso dos recursos naturais. E comeza, antes que nada, por pechar unhas térmicas de carbón innecesarias para atender o consumo interno galego e enerxeticamente ineficientes. Con moita diferenza, esa sería a medida que por si soa máis podería recortar as emisións en menos tempo e a menor custo. Mais poucos parecen querer baixar os fumes ás térmicas de carbón galegas.

 

NOTAS

1- A redución das emisións totais en 2013 en comparación con 2012 foi de case 3 millóns de toneladas. Os descensos rexistrados noutros sectores diferentes ao da produción eléctrica foron moi inferiores, sendo o maior o habido no sector industrial (375.000 toneladas menos).

A central eléctrica de carbón das Pontes foi a maior “fábrica de cambio climático” do Estado español durante 2014 © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.