O pasado 18 de novembro chuvias moi intensas e localizadas produciron unha súbita inundación no barrio da Xunqueira, en Viveiro, que provocaron a morte dunha muller de 82 anos. Con efectos menos terribles outros lugares de Galicia sofren de cando en cando asolagamentos motivados decote por enchentes de ríos e regatos, fenómenos nos que ás veces as augas recuperan un terreo que fora habitualmente seu, espazos que pola súa situación e configuración corren un risco potencial de inundación.
As áreas delimitadas suman máis 1.240 quilómetros con risco potencial de inundación
Augas de Galicia está a revisar nestes momentos as Áreas con risco potencial significativo de Inundación (ARPSIs) da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa. Os documentos, que aínda se atopan no período de consulta pública, recollen mapas detallados coa situación e extensión destas áreas, e incorporan 41 novas zonas.
O obxectivo desta revisión que está a realizar Augas de Galicia é "obter un axeitado coñecemento e avaliación dos riscos asociados ás inundacións e lograr unha actuación coordinada de todas as administracións públicas e a sociedade para reducir as consecuencias negativas".
Porto do Son (12), Muros (8), Viveiro (7), Carnota (6) ou Moaña (6) son algúns dos concellos con máis áreas sinaladas
En total, entre as ARPSIs propostas polo departamento dependente da Xunta a as delimitadas pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Galicia suma máis 1.240 quilómetros de zonas con risco potencial de inundación, un total de 228 áreas distribuídas nun cento de concellos.
Algunhas localidades destacan polo gran número de áreas sinaladas na súa demarcación territorial: Porto do Son (12), Muros (8), Viveiro (7), Carnota (6) ou Moaña (6). Ou pola superficie que abranguen: a ARPSI da Terra Chá (entre os concellos de Cospeito, Castro de Rei, A Pastoriza, Meira, Vilalba, Begonte e Guitiriz) suma un total de 68 quilómetros), a de Monforte (distribuída entre Monforte de Lemos, A Pobra de Brollón e Bóveda) chega a 59,5, a de Río Ulla e Río Sar (en Padrón) é de 52 quilómetros, a do Porriño (no Porriño, Tui e Mos) supera os 46, e a de Lugo (no propio concello lucense) rolda os 36 quilómetros.
Inundacións nos últimos anos
Numerosos puntos de todo o país sufriron inundacións nos últimos anos, algúns de forma recorrente. No 2011, por exemplo, houbo desbordamentos no río Umia en Caldas e Portas, do Gafos en Pontevedra, do Lagares en Vigo ou do Sar en Padrón. No 2012 Betanzos, Gondomar e Ponteareas tamén rexistraron situacións de asolagamento. No 2013 volveron desbordarse o Umia en Ribadumia, o Tea en Ponteareas e o Miñor en Gondomar e, de igual xeito, fixérono o Mandeo en Betanzos, o Verdugo en Ponte Caldelas ou o Anllóns en Carballo. En 2014 Padrón, Negreira, Cuntis, Caldas de Reis ou Valga tiveron inundacións, o mesmo que Gondomar, Rois, Viveiro ou Cangas
Xa en 2016 houbo desbordamentos en moito ríos da provincia da Coruña: Ulla (Teo), Tambre (Ames), Furelos (Melide), Xallas (Santa Comba), Sar (Rois), Barcala (Negreira), Bellele (Neda), ou Anllóns (Carballo, Ponteceso e Cabana de Bergantiños). E tamén en Pontevedra: Lagares (Vigo), Umia (Caldas de Reis e Meis), Agra (Moraña), Lérez e Gafos (Pontevedra), Verdugo (Ponte Caldelas), Miñor (Gondomar) e Lugo, nomeadamente o Masma en Mondoñedo e o Landro en Viveiro. Aínda o pasado ano, o Umia en Ribadumia e o Tambre en Pontemaceira tamén deron problemas.
Viveiro
No concello de Viveiro contabilízanse un total de 7 áreas de risco: unha costeira de 12 quilómetros de lonxitude, ligada ao efecto de mareas e temporais e outras cinco nas que inflúe a presenza de ríos e regatos, nalgúns casos en espazos costeiros nos que tamén é determinante o efecto da preamar: Río Fontecova, Rego de Trasposta, Pé de Boi, Río Landro, Rego de Loiba e Pedreira. Ademais do recente episodio na zona da Xunqueira (situada nas proximidades do Río Fontecova), no 2014 rexistráronse importantes inundacións no Río Landro.
Sada, nova zona de risco
Unha das novas áreas con risco de asolagamento incorporadas foi a de Rego Maior, en Sada. En marzo de 2016 este lugar sufriu unhas fortes inundacións aínda que de forma habitual viña xa rexistrando fenómenos de asolagamento (aínda que de menor importancia) dende hai décadas, sobre todo dende que a expansión da zona urbana de Sada bloqueou a saída natural ao mar de dous regatos que conflúen nunha braña próxima. Cando coincide un episodio de choivas intensas coa preamar, este lugar non escapa das inundacións que afectan a rúas, baixos e vivendas.
Así, a área de risco incorpora os treitos dos ríos Maior e da Ponte, desde a súa confluencia na zona das Brañas e ata a súa desembocadura (un total de 600 metros) co obxectivo de "poder planificar a xestión do devandito risco ante futuros eventos de inundación na zona".
O efecto do cambio climático e da suba do nivel do mar
A memoria publicada por Augas de Galicia recolle os efectos do quencemento global sobre os asolagamentos, enchentes e zonas inundables. Destaca, neste senso, que o cambio climático pode incrementar a frecuencia destes fenómenos por por da maior persistencia de chuvias intensas. Porén, engade que a gravidade das inundacións fluviais e pluviais non ten por que se maior.
"As praias da cornixa cantábrico-atlántica experimentarán retrocesos medios próximos aos 3 metros"
Moi diferente é o que pode pasar nas zonas baixas de costa, por efecto da suba do nivel do mar. O texto destaca que "os sistemas costeiros e, en especial, as zonas baixas, desembocaduras dos ríos e estuarios e marismas, experimentarán impactos adversos como a inundación costeira e a erosión debido á subida do nivel do mar e cambios na dirección e intensidade da ondada". Aínda que as proxeccións de marea meteorolóxica teñen un elevado grao de incerteza, a suba do nivel do mar potenciará os eventos extremos de inundación aumentando a súa intensidade e especialmente a súa frecuencia, engade.
Así, considerando un escenario de aumento do nivel medio do mar de aproximadamente 6 centímetros no ano 2040, "as praias da cornixa cantábrico-atlántica experimentarán retrocesos medios próximos aos 3 metros". Estes valores de retroceso corresponden unicamente á compoñente de inundación lenta por aumento do nivel do mar, sen ter en conta, os posibles efectos dos eventos extremos.
No ano 2040 a poboación afectada por inundación permanente estará en torno ao 2-3% da poboación total da provincia da Coruña en 2008"
Ademais, alerta de que "continuarán os riscos e consecuencias sobre o sistema socioeconómico debidas a eventos extremos de inundación". Por exemplo, os portos sufrirán alteracións nas súas condicións de operatividade e o aumento do nivel do mar producirá unha redución xeral no número de horas dispoñibles para realizar as operacións.
Finalmente, a Memoria comenta que "considerando escenarios tendenciais para o aumento do nivel do mar e a vulnerabilidade na costa noratlántica, no ano 2040 a poboación afectada por inundación permanente estará en torno ao 2-3% da poboación total da provincia da Coruña en 2008".