Lugo, Ourense e A Coruña preparan 'barrios ecolóxicos' de baixas emisións e aforro enerxético

Presentación do 'barrio multiecolóxico' de Lugo © Concello de Lugo

A crise climática que estamos a vivir obriga a impulsar solucións que limiten as emisións contaminantes, o consumo de materiais e fagan máis habitables as áreas urbanas. En cidades de todo o mundo se están a aplicar criterios ecolóxicos integrais no deseño e construción de vivendas e de barrios enteiros, áreas que reciben numerosas denominacións, dende barrios ecolóxicos, ecobarrios ou barrios multiecolóxicos, e que contan con modelos coma o barrio de Vauban, en Friburgo (Alemaña) e noutros países coma Suecia, Dinamarca ou Finlandia.

En Galicia hai tamén varios proxectos en marcha, algúns moi avanzados, coma os de Lugo (na Garaballa) ou Ourense (na Ponte), e outros que veñen de ser presentados, coma o de Elviña, na Coruña.

O barrio multiecolóxico de Lugo

O barrio ecolóxico de Lugo constará de 1.200 vivendas, o 45% delas públicas, o que permitirá ao Concello realizar política de vivenda

Hai dúas semanas o Concello de Lugo presentou as liñas básicas do que será o futuro barrio multiecolóxico da cidade, composto por 1.200 vivendas e unha gran superficie de espazos verdes, que se desenvolverá en dous sectores na zona de A Garaballa. O obxectivo, segundo o Goberno local, é "mellorar o benestar dos lucenses" e, igualmente, "ser un exemplo de planificación que poida ser exportable a outras cidades medias" de todo o continente europeo.

O proxecto impulsado polo Concello, conta con financiamento europeo (estratexia LIFE) e a colaboración da Deputación de Lugo, o Campus Terra da USC e a Universidade Politécnica de Madrid coas súas investigacións sobre o uso da madeira como material estrutural da construción.

Localización do barrio na cidade de Lugo © Concello de Lugo

Búscase crear unha "aldea urbana" que proporcione á veciñanza vivenda, transporte, instalacións e servizos recreativos e comunitarios, espazos públicos e pequenos comercios

Planificado para 1.200 vivendas, o barrio parte dunha densidade de poboación baixa. O 45% serán de propiedade pública, o que lle permitirá ao Concello desenvolver políticas públicas de vivenda. No deseño das edificacións esixirase a inclusión de criterios bioclimáticos e de eficiencia enerxética. 

Haberá 147.000 metros cadrados de zonas verdes, unha superficie que multiplica por cinco o previsto polo PXOM para un espazo destas dimensións. O barrio forma parte do ámbito 'Parque lineal verde' que envolve toda a cidade, desde o oeste ao noroeste, seguindo os cursos fluviais do Miño, Rato e Fervedoira

No barrio tamén se levantará o Edificio Impulso Verde, que será o primeiro edificio público que se constrúa en madeira galega e no que se aplicará o catálogo de medidas sostibles que prepara o Concello de Lugo da man da Universidade.

En conxunto, buscarase crear unha "aldea urbana" que proporcione á veciñanza vivenda, transporte, instalacións e servizos recreativos e comunitarios, espazos públicos e pequenos comercios. Perséguese alcanzar o máximo nivel de autosuficiencia para obter un sistema neutro en carbono apostando pola xeración de enerxía renovable. Ademais, crearanse redes de calor urbanas onde se aproveitará a biomasa da zona para abastecer a central de biogás, que será o ‘quentador do barrio’. 

Presentación do proxecto para o barrio multiecolóxico de Lugo © Concello de Lugo

Así mesmo, incorporarase na edificación unha estratexia de vexetación urbana, con cubertas ou balcóns que poderán albergar cultivos hidropónicos, paneis solares e mesmo invernadoiros acristalados. Finalmente, fomentarase a mobilidade alternativa e sostible, coa previsión ao longo de todo o barrio de carrís bici e carreiros para fomentar os desprazamentos a pé e en bicicleta.

O proxecto lucense mesmo conta cunha historia protagonizada polos Bolechas presentando as características do mesmo. O conto Os Bolechas fan un barrio multiecolóxico en Lugo amosa como se contrúen vivendas e contornas urbanas máis ecolóxicas e sostibles.

O ecobarrio da Ponte (Ourense)

O proxecto do ecobarrio da Ponte componse dun amplo conxunto de medidas de eficiencia enerxética e de fomento da mobilidade sostible, actuando nunha primeira fase sobre 31 edificios públicos e 18 privados

O pasado ano foi presentado en Ourense o proxecto do ecobarrio da Ponte, no que se investirán 20 millóns de euros e que suporá "unha drástica redución das emisións de gases de efecto invernadeiro", segundo destacou o Goberno local no seu momento. 

O proxecto componse dun amplo conxunto de medidas de eficiencia enerxética e de fomento da mobilidade sostible, actuando nunha primeira fase sobre 31 edificios públicos e 18 privados. No barrio o alumeado público será híbrido, combinando a enerxía da rede eléctrica coa xerada directamente a través de placas fotovoltaicas.

Ademais, aproveitarase a enerxía xeotérmica a través dunha instalación de district heating que fornecerá de calefacción e auga quente a edificios do barrio aproveitando a propia calor existente no subsolo. Cómpre lembrar que esta é unha zona cun importante fluxo de augas termais, coma as que emerxen das termas da Chavasqueira, moi próximas.

Presentación do ecobarrio da Ponte, o ano pasado © Concello de Ourense

Tamén na Coruña

Finalmente, a pasada semana o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a intención de impulsar outro ecobarrio en Elviña (A Coruña), un proxecto que buscaría reducir entre un 15% e un 20% o consumo enerxético e as emisións deste espazo da cidade herculina. Nel, aproveitaríase a enerxía procedente do oleoducto de Repsol, que atravesa o subsolo do barrio. En total, investiranse 33 millóns de euros na mellora da eficiencia enerxética de edificios e do propio alumeado público, a utilización de placas fotovoltaicas e o fomento da mobilidade sostible, sobre todo da bicicleta.

De momento, esta iniciativa está aínda en fase de estudo, unicamente, unha investigación que levará a cabo o Instituto Tecnolóxico de Galicia e que permitirá coñecer as necesidades do barrio e os elementos nos que as actuacións previstas deben incidir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.