O alumnado que cursa Relixión nos centros educativos de Galicia marca un mínimo histórico. Xa é pouco máis da metade do total o número de estudantes que opta por esta materia no ensino non universitario, segundo os datos da propia Igrexa, que confirman unha importante tendencia á baixa nos últimos anos.
Pouco máis da metade do alumnado en Galicia cursa Relixión, segundo os datos da propia Conferencia Episcopal
A Conferencia Episcopal, a través da Comisión Episcopal para a Educación e Cultura, vén de ofrecer uns datos que recoñece como "significativos" e que detallan que son aproximadamente 3,2 millóns os alumnos e alumnas que optaron pola Relixión no Estado neste vixente curso. Equivalen a un 57% do total, o que supón un descenso de 2,8 puntos con respecto ao curso pasado, que xa marcara un récord negativo. En Galicia, segundo as cifras facilitadas tamén pola Igrexa, son algo menos de 171.000 os estudantes inscritos nesta materia, un 53,5%, porcentaxe menor á media estatal e case dez puntos máis baixa da achegada hai un ano.
Os datos da Conferencia Episcopal xorden da recompilación que a propia Igrexa fai por dioceses, agrupadas en provincias eclesiásticas. No caso de Galicia, son cifras referidas á de Santiago, que agrupa as dioceses de Compostela, Lugo, Mondoñedo-Ferrol, Ourense e Tui-Vigo, coincidindo basicamente co territorio galego, aínda que non na súa totalidade.
Así, e segundo as cifras referidas á educación Infantil, Primaria, Secundaria e de Bacharelato, dos case 319.035 alumnos e alumnas matriculadas, 170.751 foron inscritos na materia de Relixión Católica fronte aos 148.284 que non optaron por esta materia.
A Igrexa culpa a Lomloe do descenso por "debilitar a presenza" da relixión no sistema educativo e "recortar os efectos da súa avaliación"
Os datos que a Igrexa achega deste curso 2022-23 confirman a tendencia que nos últimos anos veñen amosando os da Xunta ou do Ministerio de Educación, cuxas últimas cifras oficiais corresponden ao 2020-21, cando aínda non entrara en vigor a actual lei educativa (Lomloe). Porque a Conferencia Episcopal sinala a aplicación da denominada lei Celáa como unha das causantes do descenso na demanda da materia de relixión católica nos centros educativos, especialmente nos públicos, onde no conxunto do Estado xa menos da metade do estudantado -o 45%- elixe esta opción.
A Lomloe implantouse neste curso en Infantil e nos cursos impares de Primaria, Secundaria e Bacharelato. A Conferencia Episcopal advirte de que, "aínda que a lei mantivo as ensinanzas de relixión, debilitou a súa presenza no sistema educativo ao recortar os efectos da súa avaliación e ao suprimir a materia curricular que ata este curso se ofrecía como alternativa". Ademais, di, os "atrasos na aprobación das novas ensinanzas por algunhas administracións educativas provocaron incerteza e desinformación ao inicio do curso".
A porcentaxe de alumnado galego que cursa Relixión en Primaria caeu máis de vinte puntos en tan só dez anos
Sexa como for, o descenso na escolla de Relixión xa viña sendo importante nos últimos anos. Así, a porcentaxe de alumnado que cursa a materia relixiosa nos centros de ensino galegos caeu máis de 20 puntos en Primaria nunha década e practicamente trinta nos últimos quince anos.
Así, mentres no curso 2004-05 case o 90% do alumnado de Primaria en Galicia cursaba Relixión, no 20-21 -últimos datos dispoñibles- era pouco máis do 60% o que se apuntaba nesta materia nesta etapa educativa, uns 30 puntos menos en 16 anos. Con respecto a unha década atrás, o 2010-11, o descenso é de máis 20 puntos en Primaria, mentres que na ESO a porcentaxe é dous puntos superior (58,4%) e practicamente idéntica no Bacharelato, onde segue a ser unha opción minoritaria que só abrangue o 36,4% do alumnado.
Pouco máis da metade do estudantado de Primaria e ESO nos centros públicos opta pola materia de Relixión, fronte ao 75% dos colexios privados e concertados
As diferenzas, no entanto, son notables segundo a titularidade do centro de ensino. Mentres na Primaria e na Secundaria dos públicos a Relixión é escollida por pouco máis da metade do alumnado, na privada e concertada rolda ou supera o 75%. No caso do Bacharelato, no ensino público a materia relixiosa é cursada por menos dun terzo do estudantado fronte ao máis do 63% do privado.
No caso da ESO e do Bacharelato, a recuperación na porcentaxe do alumnado en Relixión duns anos atrás atopa explicación na aprobación da Lomce -coñecida como lei Wert- por parte do Goberno de Mariano Rajoy. Implicaba que a materia contase para a nota media, o que axudou a que fose elixida ao ser considerada máis doada que a maioría, como chegou a recoñecer a propia Conferencia Episcopal. Ademais, no caso de Galicia, o deseño do currículo favorecía a súa escolla no Bacharelato desde o curso 2015-16, xusto a partir do cal a porcentaxe de estudantado que optou por ela repuntou tras anos en caída. En 2019, a falta de opcións obrigaba a moitos estudantes a cursar a materia aínda que non quixesen.
Agora, coa Lomloe, Relixión permanece en todas as etapas educativas como de obrigada oferta pero de libre elección por parte do alumnado. Ademais, seguirá sendo avaliable e computará para a nota media do curso pero, a diferenza da Lomce, a súa cualificación non será tida en conta na cualificación media do alumno en caso de acceso a estudos superiores como a Universidade.
A Xunta optou por implantar o mínimo horario dunha sesión por semana e por curso de Relixión en Primaria. A novidade é a materia 'espello' alternativa da relixiosa no Bacharelato
A Xunta optou por implantar o mínimo horario dunha sesión por semana e por curso de Relixión en Primaria. Así, no caso de 2º de Primaria, onde ata agora a carga lectiva era de dúas horas semanais, a Xunta optou por diminuíla a unha única aula, tal e como explicaba a Praza.gal a Consellería de Educación.
No caso do Bacharelato, o Ministerio estableceu que Relixión fose optativa cunha sesión á semana por curso e así é tamén a oferta no país. A novidade en Galicia é a materia espello alternativa da relixiosa, o denominado Proxecto competencial de centro, non esixida pola Lomloe, que si aclara a necesidade de "atender o alumnado que non cursa esta materia pero non avanzar en contidos curriculares que poidan supoñer unha descompensación entre o estudantado", segundo indica Educación. Si figura como priorizada de facto, non obstante, fronte a optativas coma Historia.
Desde a Conferencia Episcopal reclaman "un tratamento digno e equiparable ás demais materias para a de Relixión, así como para o seu profesorado". E destaca que "malia ás actuais circunstancias, as familias seguen optando maioritariamente pola ensinanza relixiosa escolar".