A falta de opcións en Bacharelato obriga a moitos estudantes a cursar Relixión aínda que non queiran

Aula dun instituto galego Dominio Público IES da Cañiza

Dende o ano 2015 o currículo galego de Bacharelato que aplica a LOMCE permítelle ao alumnado escoller (ademais das troncais) outras dúas ou tres materias específicas de opción e libre configuración. As eleccións deben sumar seis horas semanais e as materias teñen cargas horarias distintas, de 4 (as materias troncais non cursadas), 3, 2, e 1 hora á semana. Isto leva a que se poidan facer escollas diferentes (4+2, 3+3, 2+2+2 ou 3+2+1).

Se o alumno ou alumna quere cursar unha materia de 3 horas e outra de 2, terá que escoller obrigatoriamente Relixión

O problema chega porque a única materia de 1 hora de duración que se pode escoller é Relixión, o que en función da opción que desexe o alumno ou alumna pode obrigalo ou obrigala a cursala se quere tamén matricularse noutras. Así, se a estudante quere cursar unha materia de 3 horas e outra de 2, terá que escoller obrigatoriamente Relixión.

Isto vén de ser denunciado de novo (ao igual que xa se fixera nos últimos anos) por Carme Adán, profesora de Filosofía e ex-deputada no Parlamento Galego. Adán vén de iniciar unha petición online referida nomeadamente á materia de Coeducación para o Século XXI, incorporada este curso e que ten unha carga horaria semanal de dúas horas. 

Adán reclama que existan máis opcións para que o alumnado que queira inscribirse nesta materia do 1º Curso de Bacharelato non se vexa forzado a cursar tamén Relixión en contra da súa vontade. E chama a atención igualmente sobre o paradoxo que supón que isto suceda precisamente cunha materia, Coeducación para o Século XXI, que incide en valores como a igualdade entre homes e mulleres e que afonda en contidos como a Historia do Feminismo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.