Cada vez menos rapazada estuda Relixión en Galicia, especialmente nos primeiros anos do ensino obrigatorio. A porcentaxe de alumnado que cursa a materia relixiosa nos centros de ensino galegos caeu vinte puntos en Primaria nunha década e case trinta nos últimos quince anos, un descenso que foi xeral en todas as etapas educativas ata a lixeira repunta do último lustro en Secundaria e Bacharelato.
A porcentaxe de alumnado que cursa Relixión en Galicia caeu case 30 puntos en Primaria en quince anos, dez na ESO e quince no Bacharelato
Son os datos que se tiran tras a publicación do último informe estatístico completo sobre o ensino da relixión -as últimas cifras debulladas son as do curso 2019-20- do Ministerio de Educación, que reflicte a importante caída no estudo desta materia, pero tamén como a aplicación da derrogada Lomce rachou coa tendencia á baixa dos últimos anos.
Así, mentres no curso 2004-05 case o 90% do alumnado de Primaria en Galicia cursaba Relixión, en 2020 era pouco máis do 62% o que se apuntaba nesta materia nos primeiros anos de colexio, 27 puntos menos en tan só quince anos. O descenso foi tamén importante, aínda que menos acentuado, en Secundaria, ao pasar do 70% a pouco máis do 60% da actualidade. Neste caso, o ensino relixioso recuperou dez puntos en só cinco anos, desde que no curso 2014-15 acadara o seu mínimo ao abranguer tan só a metade do alumnado.
No Bacharelato, onde a opción da Relixión hai tempo que é minoritaria, a caída constante no número de alumnado que a cursaba alcanzou o seu mínimo en 2015 (31,5%) para recuperarse tamén nos últimos anos ata rozar o 37% do estudantado desta etapa educativa.
A aplicación da 'lei Wert' e o favorecemento da súa escolla no currículo en Galicia fixo aumentar a porcentaxe de alumnado de Relixión desde 2015
En ambos casos, a explicación da recuperación na porcentaxe de alumnado a cursar Relixión en Galicia atópase na aprobación da Lomce -coñecida como lei Wert- por parte do Goberno de Mariano Rajoy. A súa aplicación implicaba que a materia contase para a nota media, o que axudou a que fose elixida ao ser considerada máis doada que a maioría, como chegou a recoñecer a propia Conferencia Episcopal. Ademais, no caso de Galicia, o deseño do currículo favorecía a súa escolla no Bacharelato desde o curso 2015-16, xusto a partir do cal a porcentaxe de estudantado que optou por ela repuntou tras anos en caída. En 2019, a falta de opcións obrigaba a moitos estudantes a cursar a materia aínda que non quixesen.
Agora, coa aprobación da nova lei educativa (Lomloe), que o vindeiro curso 2022-23 entrará en vigor nos cursos impares en todas as etapas educativas, Relixión permanece en todas as etapas educativas como de obrigada oferta pero de libre elección por parte do alumnado. Ademais, seguirá sendo avaliable e computará para a nota media do curso pero, a diferenza da Lomce, a súa cualificación non será tida en conta na cualificación media do alumno en caso de acceso a estudos superiores como a Universidade.
Ante a aplicación inmediata da nova lei educativa, a Xunta ten deseñado xa o currículo autonómico para o vindeiro curso, no que optou por implantar o mínimo horario de unha sesión por semana e por curso de Relixión en Primaria. Así, no caso de 2º de Primaria, onde ata agora a carga lectiva era de dúas horas semanais, a Xunta optou por diminuíla a unha única aula, tal e como explica a Praza.gal a Consellería de Educación.
Coa nova lei educativa, Relixión será de obrigada oferta pero de libre elección, terá menos horas e a súa nota non será tida en conta na cualificación media
No caso de Bacharelato, o Ministerio estableceu que Relixión fose optativa cunha sesión á semana por curso e así será tamén a oferta en Galicia.
A novidade en Galicia será a materia espello alternativa da Relixión, o denominado Proxecto competencial de centro, non esixida pola Lomloe, que si aclara a necesidade de "atender ao alumnado que non cursa esta materia pero non avanzar en contidos curriculares que poidan supoñer unha descompensación entre o estudantado", segundo indica Educación. Si figura como priorizada de facto, non obstante, fronte a optativas coma Historia.
A Consellería aclara que a implementación desta proposta alternativa supón "dar marxe e autonomía aos centros para a elaboración de proxectos que consideren". "Isto é, que nesa hora o profesorado traballe co seu alumnado a elaboración de proxectos (os que os centros consideren) nas súas distintas fases (idea, planificación, deseño, presentación, exposición pública....)", explica o departamento que dirixe Román Rodríguez.
A proporción de alumnado que escolle Relixión en Galicia está un chisco por riba da media do Estado en todas as etapas e rolda do 60% en global
Agora, e segundo os últimos datos, en Educación Primaria, a porcentaxe de alumnado que en Galicia escolle a materia de Relixión sitúase un chisco por riba da media estatal (62,4% fronte ao 61,2%), unha pequena diferenza por riba que acontece tamén en Secundaria (60,4% fronte ao 57,7%) e Bacharelato (36,9% fronte ao 36,3%).
Por titularidade dos centros, a porcentaxe de alumnado que elixe Relixión nos públicos en Galicia elévase en Primaria ao 55,7%; na ESO ao 54%; e no Bacharelato ao 31,5% fronte ao 50,8%, 45,8% e 31,6% respectivamente dunha media estatal que vén marcada en boa medida polos datos de Euskadi e Catalunya, que rebaixan notablemente a taxa global española ao non superar en ningunha etapa o 20% na escola pública.
A escolla de Relixión é maioritaria nos centros privados, pero foi na ESO e no Bacharelato dos públicos onde medrou desde 2015
Destaca nos últimos cinco anos a evolución. Así, mentres que nos centros privados o peso da materia de Relixión entre o alumnado descendeu lixeiramente entre 2015 e 2020 en todas as etapas educativas (do 81,8% do curso 2015-16 ao 78,5% do 2019-20 en Primaria; do 77,4% ao 75,3% en Secundaria; e do 68,9% ao 63% no Bacharelato), na escola pública a porcentaxe baixou considerablemente na Primaria (do 65% ao 55,7%) pero aumentou de xeito importante en Secundaria.
Pasou do 42,4% ao 54% na ESO e do 24,6% ao 31,5% no Bacharelato, un incremento que se explica tamén polas mudanzas incorporadas pola Lomce, que levaron a moito estudantado a optar polas aulas de Relixión.
Atendendo aos datos globais e en todas as etapas educativas desde Primaria ata o Bacharelato, sería arredor do 60% o alumnado galego que opta por cursar relixión católica. Estas cifras son moi aproximadas ás que se tiran do estudo realizado pola Conferencia Episcopal sobre o presente curso 2021-22.
Segundo confirma a Praza.gal a propia Igrexa a partir dos datos recompilados por dióceses en Galicia (Santiago, Lugo, Mondoñedo-Ferrol, Ourense e Tui-Vigo), arredor do 63% da rapazada optaría pola materia de Relixión, fronte ao 59,9% no conxunto do Estado.