O influxo da relixión cae en Galicia cunha das menores porcentaxes do Estado de vodas pola Igrexa

Preparación dunha voda civil Dominio Público Pixabay

Segundo o último macrobarómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), máis do 80% da poboación galega declárase católica, ben sexa practicante (o 29,5%) ou non practicante (o 51,8%). As da enquisa son cifras aínda maiores ás do conxunto do Estado (o 69% da cidadanía di ser crente no catolicismo) pero non seguen o ronsel que indica a perda constante da influencia da relixión na sociedade galega nas últimas décadas. 

Máis do 80% da cidadanía galega declárase católica; o 51,8% di ser non practicante, segundo o CIS

Á marxe de estatísticas como as que indican que Galicia é a segunda comunidade que menos marca o recadro da Igrexa na declaración da renda, outros indicadores teiman en sinalar o devalo do influxo e da importancia do catolicismo, ben nos ritos ou ben na propia fe da cidadanía, máis aló do evidente impacto que aínda ten nas celebracións e festividades populares.

O 81% dos matrimonios que se celebraron en Galicia en 2018 foron civís; hai vinte anos, a proporción era practicamente a inversa

É a conclusión logo de debullar o informe Laicidad en cifras que publicou a prestixiosa Fundació Ferrer i Guàrdia a partir de datos do INE e do CIS, onde se indica que en Galicia case o 81% (80,9%) dos matrimonios que se celebraron en 2018 foron civís, mentres que unicamente o 18,3% foron confesionais, practicamente todos estes polo rito católico. As cifras, semellantes á media estatal, son tamén parecidas ás dos últimos anos, onde a caída na celebración de vodas católicas foi moi importante. Tanto que, hai tan só vinte anos, a proporción era practicamente inversa. Segundo os datos que facilita o Instituto Galego de Estatística (IGE), en 1998 o 77,4% dos casamentos foron pola Igrexa, fronte ao 22,6% de oficios civís. 

Así, Galicia sitúase por riba da media estatal en canto a matrimonios civís (80,9% fronte a 79,3%) e entre as autonomías onde maior porcentaxe de unións non son confesionais no conxunto de España, unha táboa que lidera claramente Catalunya (90,9% de casamentos non relixiosos), Euskadi (87,4 %) ou Balears (86,8%). No lado contrario, Extremadura (co 31,5% aínda de vodas relixiosas), Castilla-La Mancha (30,2%) ou Andalucía (28,7%). 

Ademais, e en canto á porcentaxe de alumnado que cursou materias alternativas á de Relixión, Galicia sitúase en cifras semellantes á media estatal, segundo os últimos datos recollidos, de hai tres anos. Así, o 29,3% de escolares de Primaria optaron por outra actividade (fronte ao 33,3% no conxunto de España), mentres que en Secundaria, foron o 46,3%, cifra case idéntica á media estatal (46,2%). Neste caso, Catalunya e Euskadi volven ser, con moita diferenza, as comunidades onde a elección dunha alternativa á Relixión nas aulas é maior, con máis do 56% en calquera dos casos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.