Oito de cada dez vodas que se celebran en Galicia son civís

Voda civil no Concello de Ferrol © Concello de Ferrol

Cada vez menos vodas e cada vez menos pola Igrexa. En 2001, a comezos deste século, tres cuartas partes dos casamentos que se levaban a cabo en Galicia producíanse polo rito católico. Tan só quince anos despois, pouco máis do 15% das parellas que deciden casar fano nunha Igrexa mentres que máis de oito de cada dez opta por unha cerimonia civil. 

Oito de cada dez parellas que casan en Galicia deciden facelo nunha cerimonia civil

Estas son algunhas das conclusións que se tiran dos datos que sobre matrimonios vén de facer públicos o Instituto Nacional de Estatística (INE) para o primeiro semestre de 2016. As vodas civís non só se consolidan como opción moi maioritaria entre as parellas, senón que van camiño de deixar en testemuñais as relixiosas. Así, dos 2.971 casamentos que tiveron lugar no país durante os primeiros seis meses deste ano, 2.423 foron civís, 471 seguiron o rito católico, 11 o doutra confesión relixiosa, mentres que de 66 non consta o tipo de cerimonia. 

Galicia é a cuarta autonomía con maior porcentaxe de vodas civís, por tras de Catalunya, Euskadi e Balears

A tendencia, xeral en todo o Estado, é non obstante moi acentuada en Galicia, que é a cuarta autonomía onde maior porcentaxe de vodas civís se celebran, co 81,6% das totais, e só superada por Catalunya (88,1%), Euskadi (86%) e Illes Balears (84,9%). Ademais, a proporción é case seis puntos superior á media do conxunto de España, onde o 76% das cerimonias se celebran mediante unha fórmula non relixiosa. Castilla-La Mancha, cun 61,8% de casamentos civís, seguida de Extremadura (62,5%) e Andalucía (65%), son os territorios onde máis se mantén aínda a tradición católica por parte das parellas, aínda que é tamén xa minoritaria. 

A opción do matrimonio civil, tendo en conta tamén os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), gaña peso a un espectacular ritmo en apenas década e media. Se en 2001 tan só eran un cuarto das parellas as que optaban por este tipo de cerimonia fronte ao 75% que adoptaban a tradición católica en Galicia, quince anos despois a tendencia non só é á inversa senón que se supera. No primeiro trimestre de 2016, o 81,6% dos casamentos foron civís fronte aos 15,6% que se celebraron nunha Igrexa. Hai cinco anos, as cerimonias polo rito civil aínda non chegaban ao 60% mentres que hai dez superaban por pouco o 40%. 

Hai tan só quince anos, tres cuartas partes das vodas eran católicas en Galicia; hoxe en día apenas superan o 15%

O cada vez menor peso da relixión entre os máis novos explica unha evolución que é fácil de comprobar por calquera que sexa convidado a vodas ou por quen olle os actos maioritarios que se celebran nas diferentes Casas do Concello de Galicia durante as fins de semana. E aínda así, hai diferenzas por provincias. 

Así, en Lugo a porcentaxe de vodas civís sitúase no 78,6% e en Ourense no 77%, mentres que A Coruña (81,3%) e Pontevedra (85%) sitúanse entre as dez do Estado onde o matrimonio non relixioso ten máis peso xunto aos territorios das outras dúas nacionalidades históricas e as Illes.

A provincia catalá de Girona é onde hai unha maior porcentaxe de casamentos civís de todo o conxunto de España (o 88,8% dos matrimonios), seguida de  Barcelona (88,7%), Tarragona (85,6%), Gipuzkoa (85,6%), Bizkaia (86,3%), Araba (85,9%), Pontevedra (85%), Balears (84,8%), Lleida (82,6%) e A Coruña (81,3%). 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.