"Pasar pola vigairía", "Chegar ao altar"... O imaxinario e a linguaxe das vodas aínda remiten ás igrexas e aos matrimonios confesionais. Porén, a realidade e a práctica van xa por un camiño ben distinto. No ano 2016, segundo os datos publicados polo INE o pasado xoves, menos de unha de cada catro vodas celebradas en Galicia foron católicas (24%), sendo exclusivamente civís o 74%.
O cambio social nesta cuestión foi moi rápido. Hai apenas 15 anos, xa en pleno século XXI, a proporción era inversa e o 77% das vodas tamén pasaban nalgún momento por unha igrexa para confirmar a unión ante un crego. Porén, o número de novos matrimonios católicos foi descendendo dende os 9.279 do ano 2000, ata os 2.250 que se rexitraron o pasado ano.
Comparada Galicia con outras comunidades autónomas, sitúase entre os territorios nos que os matrimonios católicos perderon máis terreo, por debaixo dos valores medios para o Estado español (27%). En 1996 a proporción de matrimonios católicos e doutras crenzas era maior en Galicia (80%) que no conxunto do Estado, onde representaban o 77%. No norte, sobre todo en Cataluña (14%) e Euskadi (18%), as vodas pola Igrexa comezan a ser marxinais, mentres que os matrimonios católicos conservan certa forza no sur, sobre todo en Estremadura (43%), Castela-A Mancha (39%), Andalucía (38%) e Murcia (37%).