O Goberno galego aproba unha declaración institucional secundado a postura de PP, Ciudadanos e Vox que acusa a Sánchez de “menoscabar o autogoberno” galego cun “rosario de cesións que están afectando seriamente á convivencia e á estabilidade”
A Xunta vén de sumarse este xoves de xeito institucional ao ataque desatado pola dereita contra o PSOE pola súa aceptación da figura dun “relator” nas reunións entre partidos políticos en Catalunya para intentar achegar posturas nese conflito. Co presidente Feijóo de viaxe oficial por Estados Unidos, a reunión semanal deste xoves do Goberno galego, presidida polo vicepresidente Alfonso Rueda, aprobou unha declaración institucional que acusa ao Goberno central de Pedro Sánchez dun “rosario de cesións que están afectando seriamente á convivencia e á estabilidade”. Faino a tres días da manifestación coa que PP, Ciudadanos e Vox pretenden mobilizar á cidadanía contra o Goberno de Sánchez con argumentos que agora fai seus a Xunta.
“O Goberno galego nin pode nin debe ser un mero observador de acontecementos que poidan poñer en risco conquistas democráticas que son de todos”, di a declaración, que nega a existencia en Catalunya dun conflito político.
Este mércores o presidente Feijóo emitiu un chío desde Miami na súa conta de Twitter, en castelán, no que dicía que o presidente do Goberno central se debe a todos os españois por igual, engadindo que “basta xa de pagar as súas débedas aos independentistas coa humillación ao resto dos españois”. Un día despois, este xoves, a declaración institucional da Xunta foi lida polo vicepresidente Rueda na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Goberno galego. Nela xustifícase o pronunciamento por considerar que a actuación do Goberno central sobre o conflito catalán supón un “menoscabo ao noso autogoberno”. “O Goberno galego nin pode nin debe ser un mero observador de acontecementos que poidan poñer en risco conquistas democráticas que son de todos”, di a declaración, que nega a existencia en Catalunya dun conflito político.
A declaración institucional transforma o termo “relator” empregado polo PSOE en “mediador” e atribúeo ao Goberno central
A declaración institucional transforma o termo “relator” empregado polo PSOE en “mediador” e atribúeo ao Goberno central: “O anuncio de que o Goberno central asume como propia a idea dun mediador nas conversas entre algunhas forzas políticas de Cataluña, destinadas a buscar solucións a un mal chamado ‘conflito político’, é un paso mais nunha cadea de concesións. Do consentimento diante de posicións incompatibles coa Constitución, estase pasando á complicidade con elas”, di o texto.
A Xunta tamén se queixa de “cesións” de “tipo orzamentario”, en referencia ás contas públicas estatais previstas para Galicia en 2019, que considera aldraxantes en comparación co destinado a Catalunya. E remata salientando que “nunha democracia o Estado pertence a todos, tamén a Galicia e aos galegos”.
Poucas horas despois da declaración, o PP galego anunciou que asistirá á manifestación do domingo contra Sánchez en Madrid e presentou a presenza nela de Alfonso Rueda como "número 2 da Xunta", co seu cargo institucional e non como cargo popular.