O CIS augura unha cómoda vitoria o 10N para o PSOE, que recuncaría como primeira forza en Galicia

A maioría absoluta do Congreso está en 176 escanos CC-BY-NC-SA Praza Pública

O macrobarómetro do Centro de Investigación Sociolóxicas (CIS) previo ás eleccións xerais do vindeiro 10 de novembro desmárcase do resto de casas demoscópicas. O groso dos inquéritos publicados nas últimas semanas sitúan o PSOE como primeira forza, pero estancado en niveis semellante e mesmo un chisco inferiores aos 123 escanos que logrou nos comicios de abril, mentres que auguran un forte crecemento dun PP asentado nos 100 escanos, moi por riba dos 66 de abril. No caso galego, ademais, esas sondaxes prognostican que os socialistas perderían a histórica condición de primeira forza que lograran o 28A e algunha abre a porta ao retorno do BNG ao Congreso cun escano pola Coruña.

O CIS afástase da tendencia do resto de casas demoscópicas e augura que os de Pedro Sánchez poderían gañar entre 10 e 17 escanos; tamén outorga posibilidades de crecemento ao PP, pero dun máximo de 15 actas

Pero a oficina estatística estatal afástase desa tendencia. Segundo o macrobarómetro feito público este 29 de outubro -con 17.650 entrevistas realizadas por todo o Estado do 21 de setembro ao 13 de outubro, antes da sentenza do procés e da exhumación de Franco-, os de Pedro Sánchez lograrían unha cómoda vitoria, medrando entre 10 e 17 escanos con relación ao 28 de abril grazas a un crecemento duns 4 puntos en votos válidos (32,2% do total do voto válido, segundo o inquérito). 

O PP sería segundo e tamén medraría en votos e escanos a respecto de abril, segundo o CIS, pero moito menos que o prognosticado polo promedio de enquisas. Este inquérito deixa a formación de Pablo Casado con entre 74 e 81 escanos, isto é, entre unha ducia e unha quincena máis de actas no Congreso que o 28A e un incremento de algo menos de dous puntos porcentuais en votos. 

A sondaxe sitúa a Unidas Podemos en condicións de volveren ser terceira forza do Congreso grazas a un lixeiro crecemento e ao devalo de Ciudadanos

Ademais, segundo o CIS, podería haber remuda na terceira posición no Congreso, posto ao que estarían en condicións de regresar Unidas Podemos e as súas confluencias (Galicia en Común e En Común-Podem) con ata 37 e 45 escanos -o 28A sumaron 42- pasando por riba dun Ciudadanos en retroceso, atendendo á enquisa: os 57 escanos dos de Rivera en abril quedarían en non máis de 35, na parte alta do prognóstico do CIS. O estudo tamén discrepa doutras enquisas no que atinxe á presenza do partido de extrema dereita Vox no vindeiro Congreso; non só non augura un incremento da súa representación, senón que prevé que poida perder entre 3 e 10 escanos.

Os pactos seguirían sendo imprescindibles para a investidura, pero o mapa simplificaríase 

Se o novo Congreso respondese ao prognosticado polo CIS, os pactos seguirían sendo imprescindibles para a formación de Goberno, pero o mapa da investidura simplificaríase. Así, ao PSOE podería chegar a abondarlle só cos votos de Unidas Podemos ou cos de UP e os 3 ou 4 de Más País, xa que os tres partidos oscilarían entre os 173 e os 199 escanos. Os socialistas tamén terían aberta a porta a unha eventual investidura da man de Ciudadanos, que nin no escenario máis optimista podería contribuír a unha investidura do bloque da dereita, xa que os de Rivera sumados a PP e Vox estarían entre os 117 e os 139 escanos, lonxe en calquera caso dos 176 da maioría absoluta, segundo o CIS. 

O PSdeG seguiría en cabeza e o PP non remontaría

No que atinxe a Galicia, o CIS tampouco coincide coa tendencia xeral das casas demoscópicas. A partir de 1.286 entrevistas -unha mostra máis elevada que as habituais nas enquisas electorais ao Congreso para todo o Estado- a sondaxe conclúe que o PSdeG non só non ten en risco a súa condición de primeira forza en número de escanos no Congreso polas circunscricións galegas -posición que nunca acadara ata o 28A-, senón que mesmo podería ampliala nun.

A sondaxe sitúa a PSdeG e En Común como únicas forzas en condicións de poderen medrar en escanos, mantén estancado o PP e deixa fóra o BNG 

Mentres, prevé que o PP non remonte e continúe con 9 escanos. Para En Común-Unidas Podemos o CIS asigna os seus dous escanos actuais ou mesmo un máis e o prexudicado a respecto de abril sería Ciudadanos, que perdería un. O CIS non coincide con enquisas como as de Sondaxe nos últimos días e deixa o BNG fóra dos 23 escanos galegos, aínda que ao contrario que en abril, o macrobarómetro si menciona especificamente ao Bloque e non se limita a incluílo no apartado de "outros partidos".

O CIS realiza este reparto de escanos en Galicia atendendo a un prognóstico no que as eventuais variacións chegarían só nunha das catro circunscricións, a da Coruña. O macrobarómetro prevé que Ciudadanos perda o escano que logrou pola provincia coruñesa en abril e estima que podería ir para ou ao PSOE, que sumaría o cuarto por esta circunscrición, ou a En Común-Unidas Podemos, que nese caso pasaría de 1 a 2.

Mentres, nas tres restantes circunscricións galegas o CIS non prevé que nada se mova. En Pontevedra o PSdeG seguiría en cabeza con 3 escanos seguido do PP con 2 e de En Común-Unidas Podemos e Ciudadanos con cadansúa acta. Igualmente, o CIS tampouco prevé que nada se mova nin en Lugo nin en Ourense con relación a abril e en ambas provincias serían dous escanos para o PP e outros dous, para o PSdeG.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.