Pedro e o Lobo, a famosa composición para nenos de Sergéi Prokófiev, vai dun xoven pioneiro soviético que se fai amigo dun paxaro, con cuxa amizade logra atrapar ao feroz lobo, que papara dun bocado ao parrulo da granxa.
Nos tempos que nos toca vivir, a fábula musical de Prokófiev non é doadamente comprensible. Porque aquí a caza do lobo segue a estar prohibida; e ademais, o informe sumarial da UCO que revelou conversas telefónicas incriminatorias dos tres “paxaros” que rodearon ao presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE na aventura política iniciada no 2014, alterou substancialmente os termos da fábula: nesta nova versión do conto, é o Lobo o que está a piques de zampar a Pedro, por culpa da traizón dos seus tres espabilados amigos. A música desta nova versión, por certo, resulta ser máis parecida á vulgar banda sonora de Los bingueros.
Situémonos correctamente. As conversas reveladas pola UCO tras a incautación dos discos duros do paxaro Koldo poñen de manifesto indicios serios e consistentes da existencia dunha organización criminal encabezada por Santos Cerdán, José Luis Abalos e Koldo García desde hai, cando menos, 10 anos. Dous cerebros con plenos poderes organizativos no PSOE e nun Ministerio cun amplo arsenal de gasto público, mais un sicario curtido na confidencia da guerra sucia contra ETA. Os tres, confabulados para obter coimas de contratos públicos, amén de outras formas de tráfico de influencias para “enchufar” persoas. De momento, as posibles imputacións a título de autor ou partícipe rematan nese perímetro de tres persoas, mais é posible que o círculo vaia alargándose. No entanto, até o momento non hai indicios de que Pedro Sánchez teña papel algún na trama delituosa. Nin sequera un triste papel de contabilidade en B que adxudique euros a un tal P.Sánchez.
O lobo é implacable e non vai deixar de morder no pescozo á súa presa. Porque agora está en campo aberto e a manda é cada vez máis agresiva. Pedro Sánchez ten responsabilidade política directa no nomeamento sucesivo de dous secretarios de organización e un ministro corruptos
Isto non significa que non poidan aparecer no futuro feitos que permitan atribuír responsabilidades penais ao Presidente-Secretario Xeral, en tanto que cabeza do Consello de Ministros e do PSOE. Unha das novidades do Código Penal do 2010 foi a atribución de responsabilidade penal “in vigilando” ás persoas xurídicas en cuxa organización se integran autores de delitos que se prevalen das súas potestades de organización e control dentro desa organización. Só no caso de existir un programa de compliance (cumprimento) no PSOE, sería exonerada esa responsabilidade xurídica. Descoñecemos se tal programa existe.
É certo que o Tribunal Supremo non condenou aínda ningunha persoa xurídica pola comisión de delitos por parte dun subordinado, pero, tendo en conta como de lanzada está a Sala 2ª do TS na súa cacería do goberno (velaí o auto de apertura de xuízo oral ao Fiscal Xeral do Estado, ou a persecución penal da familia do Presidente), non é descabellado pensar en que calquera indicio poderá ser utilizado por calquera querelante de extrema dereita para solicitarlle ao Tribunal Supremo a apertura de dilixencias penais contra o Presidente.
O lobo é implacable, e non vai deixar de morder no pescozo á súa presa. Porque agora, a presa está en campo aberto, e a manda é cada vez máis agresiva. Pedro Sánchez ten responsabilidade política directa no nomeamento sucesivo de dous secretarios de organización e un ministro corruptos. Por moito que estes teñan traizoado a súa confianza, en política quen nomea responde tamén politicamente polas accións e omisións dos nomeados.
Non parece, non obstante, que estas responsabilidades políticas poidan levar a unha dimisión fulminante do Presidente e, con el, a caída do goberno de coalición Psoe-Sumar. Iso só podería acontecer coa existencia de indicios de delito imputables directamente ao Presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE.
Mais, mentres iso non suceda, todas as forzas políticas que apoian a este goberno saben que a convocatoria de eleccións xerais tería como consecuencia a máis que probable chegada das dereitas á Moncloa, na liña do que está a acontecer en todo o mundo occidental. Algunhas desas forzas mesmo prefiren este escenario, pois conforme á vella consigna “canto pior, mellor”, combinada coa á lóxica do comando suicida d'A Vida de Brian, consideran que unha debacle electoral do PSOE –alcumado sen probas de “organización corrupta”– se traducirá automaticamente nun medre das forzas á súa esquerda e mesmo o seu sorpasso.
Nun escenario de adianto electoral 'en quente' todo indica que o votante de esquerda optaría por ficar na casa, abrindo o paso a unha entrada triunfal de PP e Vox na Moncloa. Nós xa sabemos o que pasou cando Feijóo entrou en San Caetano: só saíu cando el quixo
Porén, nun escenario de adianto electoral “en quente”, todo indica que o votante de esquerda optaría, como tantas outras veces en que a corrupción centrou o voto, por ficar na casa engrosando a abstención como voto de protesta e castigo, abrindo o paso así a unha entrada triunfal de PP e Vox na Moncloa. Nós xa sabemos o que pasou cando Feijóo entrou en San Caetano no 2009: que só saíu cando el quixo.
De aí que a maior parte das forzas políticas que apoian o bloque da investidura opten por protexer as súas expectativas electorais a curto e medio prazo (nomeadamente, as eleccións locais de 2027) mediante un difícil compromiso entre toma de distancia, exixencia de responsabilidades políticas, solicitude de adopción de medidas de saneamento...e apoio parlamentar ao goberno. Do que se trata é de gañar tempo, para que arrefríen os cabreos dos propios, e tamén para que avancen as investigacións en curso, con todas as oportunidades e riscos que isto implica, desde a hipótese de que a complexidade da investigación policial requirirá meses antes de traducirse a procedementos penais, e anos antes de traducirse a condenas firmes.
Perante esta situación, a mellor consigna xa nola deron os nosos sabios Siniestro Total: ante todo, moito calma. Hai que agardar acontecementos e valoralos coa cabeza moi fría, mirando cara ao 2027. En particular, nesas valoracións non deberíamos interiorizar a pureza (ideolóxica ou moral) anticorrupción até o punto de convertela nunha obsesión política destinada á autoflaxelación das esquerdas. Esa é a xogada clásica da dereita que tan ben lle funciona no electorado da esquerda. Baste comparar os efectos da famosa foto do iate de Quintana cun empresario nas vésperas das eleccións autonómicas de 2009, e a foto de Feijoo no iate de Marcial Dorado.
Sen dúbida, cómpre sermos intolerantes coa corrupción e cos corruptos. Mais a loita debe facerse sen inxenuidades e sen aceptar leccións morais da dereita que leva décadas aproveitando, desculpando e tapando a corrupción sen custo electoral
Sen dúbida, cómpre sermos intolerantes coa corrupción e cos corruptos; mais non podemos aceptar que isto supoña unha derrota moral do conxunto do goberno e das forzas que o apoian. Debemos ser moi conscientes do papel que a corrupción desempeña como relato electoral na aguda loita de clases que se está a librar nos últimos anos no seo do réxime constitucional de 1978. Un réxime que herdou a cultura da corrupción que articulou o funcionamento da sociedade franquista, sen que as sucesivas leis do período democrático lograran erradicala.
Desde os xefes de Estado, até as grandes empresas de obra pública e o seu brazo político, o Partido Popular, todos usan ese aceite de “familismo amoral” que engraxa os tráficos e mecanismos máis íntimos de reprodución da nosa sociedade. Certamente, debemos estar preparados para detectar e anular con contundencia as filtracións dese aceite no lado esquerdo da sociedade. Mais a loita contra ese aceite debe facerse sen inxenuidades, e sen aceptar leccións morais da dereita. Porque é esa dereita, a que leva décadas aproveitando, desculpando e tapando a corrupción sen custo electoral algún, a que agora pretende que un foco de corrupción no PSOE se traduza, sen previa sentenza, na caída dun goberno e na debacle electoral do conxunto das esquerdas.
Non debemos alimentar esas leis do funil ás que tan acostumados nos ten a dereita coa súa continua campaña de acoso penal ao presidente Sánchez, mentras as Ayusos, Cospedales, M. Rajoyes, Feijoyes e Mazones resultan ser tan inmunes como aquel veciño bribón de Abu Dabi, enriquecido a base dunhas presuntas comisións cuxo importe converten en “pellizquitos de monja” as mordidas dos nosos tres cutrérrimos paxaros.
Velaí están o lobo, con toda a ansia na boca. Agardando que os tres paxaros do conto lles sirvan para lograr de vez o obxectivo que se marcaron o 23 de xullo do 2023: papar a Pedro (e paparnos a nós).