"As eleccións son cada catro anos, así foi e así seguirá sendo"
Pedro Sánchez recoñece que no PSOE "merecen" a crítica pública polos feitos coñecidos no informe da UCO da Garda Civil, mais resaltou que o seu "debe" está en "protexer" o Goberno de coalición con Sumar, formación coa que se reunirá esta mesma tarde. "En materia de corrupción non todos somos iguais", sostivo o líder socialista e presidente do Goberno na súa comparecencia pública tras máis de catro horas de reunión da Comisión executiva federal do PSOE.
Sánchez di que gobernará "ata que a maioría democrática o queira" fronte "á peor alternativa" que, nas súas palabras, sería unha coalición liderada por Feijóo e Abascal. "Non imos ser como o PP e Vox, non imos tapar a corrupción nin imos perseguir denunciantes ou xornalistas que fan o seu traballo, non imos destruír probas a martelazos", detallou nunha intervención na que centrou o "fallo" en Santos Cerdán e José Luis Ábalos e na que lembrou que non hai ningún caso xulgado e que se trata dun "informe da UCO".
Sánchez advertiu de que un Goberno de PP e Vox á fronte do Estado "afectaría de maneira irreparable aos dereitos de milleiros de homes e mulleres no noso país". "As eleccións son cada catro anos, así foi e así seguirá sendo", incidiu, para aclarar que non acurtará ese tempo para deixar o país en mans "da peor oposición", nas súas palabras. Aseverou que non permitirá que a corrupción tumbe "ao maior Goberno progresista que aínda queda en pé na Unión Europea".
"Que non haxa dúbidas, o Goberno de coalición progresista vai continuar"
Neste sentido, animou a Feijóo e Abascal a presentar unha moción de censura "se queren gobernar" e que "expliquen" o seu plan para o Estado español. "Entregarlle as rendas do país ao PP e Vox, coa súa axenda reaccionaria, sería unha tremenda irresponsabilidade", afirmou, para a continuación aconsellar aos líderes de PP e Vox "que presenten xa esa moción de censura" porque "despois do verán ao mellor empezan a sucederse as resolucións de moitos dos casos que teñen pendentes, e entón se verá quen é realmente un delincuente".
Pedro Sánchez confirmou que durante esta fin de semana tivo sobre a mesa a súa propia dimisión, pero concluíu que se trata dunha "irresponsabilidade". "Que non haxa dúbidas, o Goberno de coalición progresista vai continuar", sostivo para anunciar que esta semana se vai reunir con todos os grupos parlamentarios que apoiaron a súa investidura para "estudar accións complementarias". Así, asegurou que o PSOE adoptará todas as medidas "proporcionais e útiles" que saian deses encontros.
Por outra banda, celebrou o debate deste luns na sede de Ferraz e sinalou que demostra que no PSOE son “intransixentes cando a corrupción nos afecta”, a pesar de que "podemos cometer erros e sufrir traicións", manifestou que o seu partido é unha "organización limpa". Ademais, Sánchez dirixiuse "especialmente ás mulleres" para manifestar que na Comision executiva federal do partido lles "repugnan, apenan e indignan" os audios publicados en diversos medios con supostas conversas entre Ábalos e Koldo.
Auditoría, comisión de investigación e novas caras
Sánchez comparecerá no Congreso, onde impulsará unha comisión de investigación do 'caso Koldo' e escoitará propostas do resto de grupos, e encargará unha "tripla comprobación" das contas do partido
No que respecta a medidas concretas, Sánchez confirmou que este luns a comisión executiva federal do partido aprobou a expulsión definitiva do PSOE de José Luis Ábalos tras culminar o expediente que se lle abrira hai meses.
Sánchez tamén avanzou que comparecerá no Congreso para someterse ás preguntas e debate cos grupos parlamentarios. Igualmente, tras a reunión deste mesmo luns cos seus socios de Goberno de Sumar, o socialista asegura que se reunirá con outros grupos para escoitar as súas propostas e "estudar accións complementarias". Igualmente, asegurou que o PSOE impulsará unha comisión de investigación no Congreso "sobre o caso Koldo".
A executiva tamén acordou encargar, como xa avanzara Sánchez a semana pasada, unha auditoría externa das contas do partido. Unha "nova" auditoría, en palabras de Sánchez, que explicou que desde 2020 o partido xa vén someténdose a auditoría externas máis alá da obriga legal de someterse á fiscalización do Tribunal de Cuentas. Este mesmo luns foi aprobada a auditoría de 2024, xa ultimada cando se soubo da investigación a Santos Cerdán. Así que Sánchez dixo que agora encargarase unha revisión da mesma, unha "tripla comprobación", segundo as súas verbas, sumada á auditoría xa realizada e á fiscalización do Tribunal de Cuentas.
Este luns tamén se decidiu que a secretaría de Organización do partido, o posto que ocupaba Cerdán, sexa elixida no comité federal que se celebrará o 5 de xullo. Ata daquela as súas funcións serán exercidas de forma "colexiada" pola presidenta do PSOE, Cristina Narbona, o responsable de calidade democrática e transparencia, Borja Cabezón, e a secretaria do grupo parlamentario socialista no Congreso, Montse Mínguez, aos que apoiará a xerente do partido, Ana Fuentes.
O PSdeG apoia as medidas da dirección federal
Coñecidas as medidas adoptadas no PSOE, o PSdeG expresou o seu "apoio" á decisión da dirección federal. "Cando hai posibles casos de corrupción, hai que actuar, hai que asumir responsabilidades e tomar decisións. Non vale agocharse nin buscar escusas. Esa é a diferenza entre uns e outros", dixo o secretario xeral, Xosé Ramón Gómez Besteiro.
O líder dos socialistas galegos insistiu en que "durante anos neste país houbo quen entendeu o poder como algo ao servizo dun partido e non como un servizo público". "Esa foi a forma de gobernar do PP, e contra iso levamos moito tempo traballando desde a firmeza e a honestidade", engadiu.