Máis mulleres e menores de 55 anos: o perfil do voto por correo en Galicia, escorado á esquerda

Sobres de votación, papeletas e documentación para votar por correo nas elección xerais do 23X CC-BY-NC-SA Praza.gal

Nas semanas previas ás eleccións do pasado 23 de xullo falouse moito do voto por correo. Primeiro polo espectacular aumento das solicitudes debido sobre todo á data escollida para a convocatoria electoral, en pleno verán. E, despois, polas especulacións sobre unha hipotética fraude lanzadas pola ultradereita e alimentadas mesmo polo candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo.

En total, 2,6 millóns de persoas solicitaron votar por correo e a maior parte delas (ao redor do 95%) exerceu finalmente o seu dereito a través desta vía. En Galicia foron algo máis de 146 mil persoas solicitaron votar por correo, máis do dobre que no 2019 e un 80% por riba do anterior máximo histórico, nas eleccións de xuño de 2016.

O 6,46% do censo CER galego solicitou o voto por correo. A porcentaxe foi maior nas mulleres (6,86%) que nos homes (6,06%)

O INE publicou hai uns días os datos definitivos sobre o voto por correo, con información sobre a idade, sexo e lugar de residencia das persoas que solicitaran esta fórmula, uns datos que permiten coñecer o perfil deste tipo de votante nas eleccións do pasado 23 de xullo.

As 143 mil persoas que votaron finalmente por correo nas catro circunscricións galegas foron maioritariamente persoas de menos de 55 anos e máis mulleres que homes. Ademais, se atendemos aos estudos realizados polo CIS e por empresas como Sigma Dos nos días previos ás eleccións, o voto por correo é máis de esquerdas que a media, un perfil que concorda coa idade e o sexo predominante nas solicitudes (a esquerda consegue máis apoios entre a poboación máis nova e entre as mulleres).

O grupo de idade que en maior medida solicitou votar por correo foi o das persoas entre 25 e 34 anos (9,97%) e entre 35 e 44 anos (9,57%). Algo por debaixo estiveron os menores de 25 anos e as persoas entre 45 e 54 anos, ambos os dous grupos ao redor do 8%

O 6,46% do censo CER galego (persoas residentes no Estado) solicitou o voto por correo. A porcentaxe foi maior nas mulleres (6,86%) que nos homes (6,06%). O grupo de idade que en maior medida solicitou votar por correo foi o das persoas entre 25 e 34 anos (9,97%) e entre 35 e 44 anos (9,57%). Algo por debaixo estiveron os menores de 25 anos e as persoas entre 45 e 54 anos, ambos os dous grupos ao redor do 8%.

Despois, a media que avanza a idade dos votantes, a porcentaxe de aqueles que solicitaron votar por correo vai dimuníndo, ata chegar ao 2,25% que se rexistra entre os electores de 75 anos e máis.

En Galicia recibíronse 143.159 votos por correo, pero remitíronse 169.777. Este fenómeno repetiuse na maior parte das provincias litorais

En Galicia enviáronse máis votos dos que se chegaron para a súa incorporación ás urnas. Os datos do INE amosan grandes diferenzas entre uns e outros territorios do Estado no que atinxe aos votos remitidos e recibidos, en función do seu carácter de destino turístico. Deste xeito, a maior parte das provincias litorais enviaron máis sufraxios a outras provincias, mentres que en Madrid e outros territorios do interior a relación foi a inversa.

En Galicia, por exemplo, recibíronse 143.159 votos por correo, pero remitíronse 169.777. Esta situación deuse nas catro circunscricións, pero sobre todo nas da Coruña e Pontevedra. 

Ourense foi a provincia nas que se realizaron máis solicitudes de voto por correo para o 23 de xullo, un 8,28% sobre o censo CER total. Lugo foi a segunda (7,74%)

Ourense foi a provincia nas que se realizaron máis solicitudes de voto por correo para o 23 de xullo, un 8,28% sobre o censo CER total. Lugo foi a segunda (7,74%), A Coruña a terceira (6,32%) e Pontevedra foi a circunscrición na que menos se pediu o voto por correo (5,58%).

A maior parte dos votos recibidos, en calquera caso, foron enviados dende a propia provincia nos catro casos. Con todo, advírtese unha gran diferenza en Ourense e Lugo, que rexistraron as maiores porcentaxes de votos enviados dende outras provincias galegas (A Coruña e Pontevedra na maior parte).

Ourense e Lugo rexistraron as maiores porcentaxes de votos enviados dende outras provincias galegas (A Coruña e Pontevedra na maior parte)

E, finalmente, un apunte sobre o perfil ideolóxico do voto por correo. Durante a campaña electoral a empresa Sigma Dos publicou unha sondaxe de estimación de voto que ofrecía datos segmentados sobre o voto por correo e que amosaba que a esquerda (especialmente Sumar) obtiña un apoio maior entre as persoas que votaban por correo. Hai uns días, ademais, o CIS presentou un estudo sobre as tendencias de definición/decisión de voto na campaña electoral  que volvía amosar unha maior porcentaxe de votantes de esquerda entre as persoas que solicitaran o seu voto por correo.

O estudo do CIS indicaba que especialmente Sumar (pero tamén EH Bildu, PSOE ou BNG) obtiñan unha maior porcentaxe de apoios entre as persoas que votaban por correo 

O estudo do CIS indicaba que especialmente Sumar (pero tamén EH Bildu, PSOE ou BNG) obtiñan unha maior porcentaxe de apoios entre as persoas que votaban por correo que no conxunto da poboación (comparando o dato coa propia estimación do CIS). E que, en cambio, o apoio a VOX ou Junts era menor no voto a distancia.

O propio traballo do instituto público amosaba (ao igual que o resto de sondaxes publicadas) que as mulleres ían apoiar en maior medida á esquerda, e que de igual xeito as forzas progresistas obtiñan un triunfo claro entre os menores de 45 anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.