A asociación Red Madre Pontevedra, unha das catro -unha por provincia- coas que a Fundación Red Madre opera en Galicia dende hai unha década, vén de lograr un local no remodelado edificio da Xunta na rúa Benito Corbal de Pontevedra. Fíxoo tras lograr ser a segunda con máis puntuación -80 puntos de 100 posibles- entre os 28 colectivos do ámbito "social, cultural e sanitario" que podían optar a un deste espazo público, quedando por diante de organizacións como Meniños ou a Cruz Vermella, entre outros.
A asignación dun local público á plataforma antiabortista, promovida polo Foro Español de la Familia e protexida en Galicia por lei dende o ano 2009, vén de xerar múltiples receos na oposición galega. Con independencia de que a cobertura legal para a Red Madre promovida polo PP tras chegar á Xunta hai unha década supoña unha vantaxe para acceder a beneficios públicos, a esquerda parlamentaria dubida do resultado. Por iso piden explicacións ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo.
O PSdeG ve "dificilmente obxectivables" que, a través de criterios como "a relevancia social do proxecto", o colectivo antiabortista quedase por diante de organizacións como a Asociación Española contra o Cancro
As deputadas socialistas Patricia Vilán, María Pierres e Begoña Rodríguez veñen de rexistrar unha iniciativa na que reclaman á Xunta que, alén das puntuacións publicadas no DOG a partir do baremo para a asignación dos locais en Pontevedra, "aclare a puntuación obtida por Red Madre". Os criterios que permitiron á organización antiabortista ficar "por diante doutras como a Asociación Española contra o Cancro" son "dificilmente obxectivables", cren.
Neste sentido, instan o Executivo a detallar por que Red Madre obtivo a máxima puntuación posible -24 puntos- destinados a valorar a "relevancia social do proxecto a desenvolver". Paralelamente, convidan a Xunta a aclarar se "comparten os contidos" que difunde a Red Madre, documentos nos que "advirte dos riscos físicos e dos problemas de parella que pode causar o aborto" ou a "tristura das mulleres e o sufrimento dos fetos".
Tamén o BNG anunciou o rexistro de varias iniciativas ao respecto reclamando "explicacións sobre os beneficios outorgados" a unha organización que para os deputados Luís Bará e Noa Presas é "unha organización antiabortista herdeira da Sección Femenina". Neste sentido, Bará e Presas resaltan que a concesión do local é o último dunha longa serie de "beneficios do goberno do señor Feijóo" ao abeiro da lei promovida pola propia Red Madre. Por iso piden "toda a documentación relativa a acordos, convenios, subvencións e outras axudas económicas ou en especie" á Red Madre.
BNG e Grupo Mixto poñen o foco na protección legal da que a Red Madre goza en Galicia dende hai unha década e o PP pontevedrés insta o PSdeG a "desculparse" polas súas críticas á concesión do local
Sobre esta lei pon igualmente o foco o Grupo Mixto a través da deputada Paula Vázquez Verao. Alén de pedir explicacións pola puntuación lograda por Red Madre para acceder ao local de Pontevedra, a parlamentaria coida que cómpre esixir a derrogación da lei mediante a cal a plataforma antiabortista "supliu labores que tiñan asignados os centros Quérote, desmantelados polo goberno de Núñez Feijóo". "O que se debe blindar por lei en Galiza é o dereito á educación afectivo-sexual pública e de calidade fronte a supostas redes de apoio á maternidade que encobren actividades reaccionarias e contrarias aos dereitos das mulleres", afirma.
Dende o PP, como xa fixera o vicepresidente Alfonso Rueda, este mércores continuouse a defender a concesión do local. Alén de defender a obxectividade do baremo, o voceiro popular en Pontevedra, Rafael Domínguez, considerou "ridículo" que a nova concelleira de Igualdade da cidade, a socialista Paloma Castro, se opuxese a esa concesión. "O PSOE está facendo o ridículo" porque en 2018 Red Madre "recibiu subvencións da Deputación de Pontevedra", onde goberna o PSdeG, afirma en referencia á axuda de 4.832,57 euros lograda pola organización no marco dun proceso competitivo para o denominado programa Anxela. Tras as críticas ao colectivo antiabortista, reta Domínguez, os socialistas deberan "desculparse".