Sanidade di agora que as subcontratacións concentraranse nas interrupcións do embarazo entre as semanas 9 e 14 “por exemplo, por decisión da propia muller”
A Xunta culpa o Ministerio de Sanidade de non dispoñer dun rexistro de profesionais sanitarios obxectores de conciencia, a través do que podería coñecer se os xinecólogos cos que conta se acollen a esta prerrogativa que supón que non realicen interrupcións voluntarias do embarazo na sanidade pública. É a nova resposta do Sergas á información avanzada por Praza.gal sobre as 800 interrupcións voluntarias do embarazo ao ano para as que Sanidade di non ter persoal e que vai subcontratar por 460.000 euros anuais.
A Consellería de Sanidade defende que "o rexistro de obxectores está pendente de regularse polo Ministerio", que será "quen proporá ás comunidades autónomas as condicións" de dito rexistro. "O sindicato CIG e o sindicato nacional de CCOO, en vez de apuntar a Galicia erroneamente como responsable, deben dirixir as súas críticas ao Ministerio de Sanidade, polo atraso nesta importante regulación", sinala nun comunicado no que tamén responde ás críticas dos sindicatos.
Porén, no mesmo comunicado emitido na tarde deste mércores, Sanidade afirma que "as xerencias das áreas sanitarias teñen coñecemento dos profesionais que exercen o seu dereito de obxección de conciencia á realización de interrupcións voluntarias do embarazo (IVE), o que permite esa garantía de realización de intervencións en centros públicos nas sete áreas sanitarias galegas".
"En todo caso, calquera muller que manifeste interese por realizar a interrupción do embarazo na sanidade pública, así será"
A Xunta incide en que o Sergas "realiza as interrupcións voluntarias do embarazo cos seu profesionais en case un 70% dos casos" e di agora que "a necesidade" da licitación –o contrato pode estenderse ata cinco anos por 2,56 millóns de euros e prevé un beneficio empresarial do 5%– destas interrupcións explícase polos casos entre a semana 9 e 14 "motivado, por exemplo, por decisión da propia muller ou por motivos de urxencia e non ter dispoñibles os quirófanos no prazo requirido".
"En todo caso, calquera muller que manifeste interese por realizar a interrupción do embarazo na sanidade pública, así será", asevera a consellería, que lembra que "na área de Vigo, o 100% das IVES fanse en rede do Sergas". "E traballamos para que así sexa en todas as áreas sanitarias", engaden no comunicado no que explicitan que estas subcontratacións en bloque obedecen ao que "esixe" o Consello de Contas, como vén contando Praza.gal.