"Ningún tipo de tibieza no PP de Galicia con esta cuestión, estamos tan comprometidos como os demais". O número dous de Alberto Núñez Feijóo no organigrama do PPdeG, Miguel Tellado, confirmou este venres que o vindeiro domingo será el quen represente á delegación galega da formación conservadora na manifestación convocada na madrileña Praza de Colón para rexeitar os eventuais indultos do Goberno de España aos líderes independentistas cataláns condenados polos sucesos do procès. Xusto despois, anuncia, propiciará que o Parlamento galego os rexeite.
"Non parece moi razoable que vostede cuestione o noso grao de compromiso" contra os indultos, retrucou a un xornalista o secretario xeral do PPdeG, quen asegura que o partido non ten "medo ás fotos" na mobilización con Vox e C's
Unha vez ratificado que, ao contrario que en 2019, Alberto Núñez Feijóo non estará na protesta secundada por PP, Vox e Ciudadanos -o presidente da Xunta asegura que lle é inviable asistir á manifestación ás 12h do domingo en Madrid e voar a tempo para participar nun encontro co papa Francisco, o luns no Vaticano-, o secretario xeral da formación en Galicia esforzouse este venres por reiterar que o PP galego está "comprometido como o que máis" contra estes "indultos políticos". "Non parece moi razoable que vostede cuestione o noso grao de compromiso", chegou a afirmar ao ser preguntado ao respecto por un xornalista, ao que convidou a "acudir ao Twitter" e ver o vídeo distribuído polo PP "onde o propio presidente galego se opón aos indultos".
Asegura Miguel Tellado que, malia á cativa dimensión da delegación galega (segundo trasladou, viaxarán el mesmo e o presidente das Novas Xeracións, Miguel Tellado), no PP de Galicia "non lle temos medo ás fotos" con Vox e C's na protesta, na que figura como convocante unha plataforma denominada Unión 78 conformada por, entre outros, Rosa Díez, Paco Vázquez ou Roberto Blanco Valdés. "Cada un está onde está", evidenciou Tellado en vésperas dunha manifestación na que di augurar que a "inmensa maioría da sociedade sairá alzar a voz contra eses indultos políticos". "Se lle parece pouco que o número dous do PP de Galicia acuda á cita de Colón, eu non lle podo facer nada máis", resolveu na mesma resposta.
Segundo o número dous de Feijóo, rexeitar os posibles indultos aos políticos cataláns encarcerados é "obriga de todos os demócratas" e por iso, mentres se celebra a manifestación en Madrid, distintos "representantes" do PP estarán "en Galicia, participando en recollidas de sinaturas en distintas prazas galegas". Todo, mantén, para sinalar o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, por "vender España e Galicia a cambio do poder". Porque, defende Tellado, "o que está en debate é a esencia propia dunha democracia".
Tellado confirma que o PP promoverá un debate sobre os indultos no Parlamento para "censurar que os outros partidos non se comprometan" e carga contra Ana Pontón (BNG) por compartir un acto con Rufián (ERC) mentres se celebra a manifestación de Madrid co apoio de "toda España"
O "compromiso" do PP de Galicia contra os indultos, avanza, ficará tamén reflectido nunha proposición non de lei que o partido impulsará e aprobará no Parlamento para "censurar abertamente que os outros partidos galegos non se comprometan". A súa aprobación está garantida grazas á maioría absoluta dos conservadores na Cámara.
Nesta liña, Tellado dedicou a segunda parte da súa rolda de prensa deste 11 de xuño en cargar especialmente contra a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, por manter "un encontro telemático" co portavoz de Esquerra Republicana, Gabriel Rufián -en referencia ao acto conxunto que manterán ambos líderes o domingo, retransmitido a través de internet- "precisamente cando toda España sae á rúa para manifestarse contra os indultos". "Nada detén ao BNG", di Tellado, en cuxa opinión a formación soberanista "atopou no independentismo catalán" o "modelo para chegar ao poder" en Galicia.