Os indultos como punto de partida

Manifestación pola liberdade dos líderes independentistas © ANC

Hemeroteca

Os indultos son só unha escena -por máis espectacular que resulte- desa “película” que se vén proxectando ante os nosos ollos dende o momento no que o Tribunal Constitucional modificou unha parte significativa da reforma do Estatut 

Que pensariamos de alguén que, para analizar as características dun filme denso e prolongado, proxectase, exclusivamente, o contido e a forma dun fotograma particular do mesmo? O normal sería considerar que esa valoración é sumaria e/ou superficial. Necesitariamos visualizar todo o relato filmográfico para estar en condicións de emitir unha opinión suficientemente ampla e profunda.

Os indultos que, previsibelmente, vai aprobar o goberno de Pedro Sánchez en favor dos presos independentistas cataláns constitúen só unha escena -por máis espectacular que resulte- desa “película” que se vén proxectando ante os nosos ollos dende o momento no que o Tribunal Constitucional modificou unha parte significativa da reforma do Estatut que previamente aprobara a maioría do corpo electoral catalán. A partir de entón -xuño do ano 2010- sucedéronse diversos acontecementos socio-políticos que se poden sintetizar en tres vectores destacados: 1)aparición e desenvolvemento dun amplo movemento social favorábel á independencia de Cataluña; 2)viraxe do partido fundado por Jordi Pujol - CDC- cara posicións independentistas tratando de encabezar o clima dominante no seu electorado e 3)falta de vontade e/ou incapacidade do PP -a pesar de posuír a maioría absoluta no Parlamento do Estado- para resolver o conflito político suscitado, procedendo a súa “externalización” xudicial a través dunha querela criminal presentada polo fiscal xeral ante o Tribunal Supremo.

Nesta última década, en Cataluña fracasou a política entendida como ferramenta para buscar solucións a problemas complicados

Nesta última década, en Cataluña fracasou a política entendida como ferramenta para buscar solucións a problemas complicados. Durante este tempo, o PP -cuxa importancia como partido estrutural do sistema político español non se pode ignorar- errou gravemente no diagnóstico do que estaba a pasar no seo da sociedade catalá (patentando a teoría do “ sufflé”, pensando que estabamos ante unha inflamación pasaxeira que desaparecería co paso do tempo) e trabucouse totalmente na terapia aplicada (negativa a negociar melloras substantivas do autogoberno, progresiva xudicialización do contencioso e utilización electoral do mesmo fóra de Cataluña), asumindo con sorprendente naturalidade a súa progresiva situación de marxinalidade no universo político catalán.

Simultaneamente, o independentismo acumulou as maiores forzas posíbeis e apostou por unha declaración unilateral que carecía de viabilidade práctica. A conclusión está á vista: a sociedade catalá está fortemente dividida (así se constatou nas distintas consultas electorais realizadas) e a distancia entre as opinións e sentimentos existentes no interior e no exterior de Cataluña medraron ate niveis dificilmente manexábeis. A última mostra deste singular abismo pódese ver nos estudos demoscópicos sobre os posibeís indultos: moi maioritariamente aceptados no corpo social catalán e simetricamente rexeitados no resto do territorio estatal (coa excepción de Euskadi).

Quérense buscar fórmulas políticas que faciliten, no medio prazo, a reconstrución das pontes destruídas en Cataluña e no Estado español?

Dende a morte de Franco, houbo todo tipo de indultos (entre eles a relevantes persoeiros condenados polo 23- F ou pola guerra suxa dos GAL). Reducir este asunto a un debate xurídico sería tanto como renunciar a usar os recursos políticos que están dispoñíbeis nas democracias de calidade contrastada. A pregunta fundamental que hai que respostar é esta: quérense buscar fórmulas políticas que faciliten, no medio prazo, a reconstrución das pontes destruídas en Cataluña e no Estado español? Seguramente, ese punto de encontro non vai estar na independencia de Cataluña ou no mantemento do actual statu quo xurídico-constitucional. Será posíbel tal obxectivo ou estamos condenados a unha cronificación agravada da inestabilidade que coñecemos durante estes anos? Colocados nesta tesitura, os indultos -e a modificación do delito de sedición no Código Penal- poden ser un punto de partida para esa desexábel dinámica de achegamento e pacto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.