Rueda secunda a Feijóo e pide a Sánchez que cese a Yolanda Díaz por reunirse con Puigdemont

Yolanda Díaz reúnese con Puigdemont en Bruxelas CC-BY-SA Sumar

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, uniuse este martes á petición manifestada polo seu antecesor no cargo, Alberto Núñez Feijóo, e pediu ao Goberno de España que cese a Yolanda Díaz como ministra por terse reunido co líder de Junts per Catalunya, Carles Puigdemont, en Bruxelas. 

Xusto na mesma xornada na que o ex-presidente da Generalitat propoñía a Pedro Sánchez un "acordo histórico" que poña fin á "vía xudicial" contra o independentismo para negociar o apoio da súa formación á investidura do líder socialista, Alfonso Rueda cargou contra a xuntanza que Díaz mantivo con Puigdemont un día antes. 

Alfonso Rueda, durante o acto de inicio do curso escolar en Vigo CC-BY-SA Xunta

Rueda acusa a Díaz de entrevistarse "con toda cordialidade" cunha "persoa prófuga da xustiza"

En declaracións aos medios tras participar nun acto de inicio de curso na escola infantil da Cidade da Xustiza en Vigo, Alfonso Rueda sinalou que "está ben que diga que foi en calidade de responsable de Sumar, pero é unha vicepresidenta do Goberno", e destacou que foi entrevistarse "con toda a cordialidade (...) cunha persoa prófuga da xustiza". "Xa vimos as risas do final e ese bo ambiente que tentaba transmitir", dixo.

Só unhas horas antes, nunha entrevista na cadena COPE, era Núñez Feijóo o que solicitaba tamén o cesamento de Yolanda Díaz. Para Rueda, esa reunión "non ten explicación máis aló de que estea a tentar preparar un futuro pacto do presidente do Goberno", a quen tamén criticou por tentar facer ver que "todo isto o fai como responsable do PSOE e non como presidente".

"Aquí estase falando de manobras previas a unha investidura, e o malo é que esas manobras son cunha persoa prófuga da xustiza, que seguro está a pór unha serie de condicións", denunciou, e engadiu que esas "condicións" non se queren "facer públicas" senón presentalas posteriormente á sociedade "como algo feito, irremediable".

Rueda insistiu en que "non valen as explicacións" do PSOE ou do Goberno central sobre ese encontro entre Díaz e Puigdemont, cinguindo a actuación da vicepresidenta ao seu papel como líder dun partido político.

Núñez Feijóo, durante a entrevista na Cadena COPE © COPE

"Se Sánchez non cesa a señora Díaz, o señor Sánchez é cómplice necesario deste bochorno", dixo Feijóo

"Non, non. É a vicepresidenta dun goberno. Por tanto, unha de dúas, ou se nos di claramente aos españois, que non son parvos, que o que se fai é negociar unha investidura, para o que antes hai que lexitimar unha persoa prófuga da xustiza ou, se non é así, se foi a vicepresidenta por conta propia, de hoxe non debería pasar que o presidente do Goberno a cese", aclarou o presidente da Xunta. 

Rueda secundou así as palabras do líder do PP estatal e ex-xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, que só horas antes pediu a Pedro Sánchez que cesase a súa vicepresidenta segunda e ministra de Traballo en funcións. "Se Sánchez non cesa a señora Díaz, o señor Sánchez é cómplice necesario deste bochorno", afirmou. 

Para Feijóo, é "inaudito" e "unha anomalía democrática", así como unha "desautorización clara" e de "descrédito" á xustiza que unha vicepresidenta do Goberno de España viaxe a Bruxelas para negociar cunha persoa "condenada e buscada" pola xustiza española. 

Ademais, e respecto das condicións de Puigdemont para apoiar unha investidura de Sánchez, Feijóo cre que nin son "aceptables" nin "asumibles" e deixou no aire a súa reunión con Junts. "Se o requisito é a amnistía, podemos aforrar a reunión", rematou.  

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.