A xuíza evita apoiarse nos dous funcionarios sen experiencia ferroviaria previa que o Goberno galego impuxo na instrución mentres que si valora as achegas do terceiro experto xudicial elixido de entre os mellores profesionais do colexio oficial
A xuíza do accidente de Angrois baseou a súa sentenza condenatoria do maquinista do tren e do director de Seguridade na Circulación de Adif en parte en documentación reproducida no xuízo e en parte na súa valoración fundamentada das achegas realizadas polos diversos peritos xudiciais ou de parte que compareceron na vista oral. Os primeiros, supostamente máis independentes, designados hai máis de dez anos no comezo da instrución do caso, foron tres, pero só un deles foi elixido libremente polo xuíz instrutor mentres que os outros dous foron impostos pola Xunta.
Eses dous funcionarios autonómicos, sen experiencia previa en materia ferroviaria e cuxas peritaxes tiñan diversas eivas, apenas foron tidos en conta finalmente pola xuíza na súa sentenza, na que pola contra si valora en varias ocasións as achegas realizadas polo perito máis independente. Xa no xuízo a propia maxistrada chegara a afear a un dos peritos impostos pola Xunta que se escudase en que a normativa era complexa. "Se é tan complexa a norma que non a entende nin vostede, evite eses comentarios porque nós menos", dixéralle Elena Fernández Currás, ao tempo que as vítimas cualificaran de "esperpento" a súa comparecencia "caótica e sen sentido".
Tras o accidente do 24 de xullo de 2013 o primeiro xuíz instrutor do caso pediu aos colexios profesionais de enxeñarías de Camiños, Industrial e Telecomunicacións que lle formulasen cada un unha terna dos seus mellores profesionais para realizar as peritaxes xudiciais sobre as vías, o tren e os sistemas de seguridade, respectivamente. De cada terna o xuíz elixiu por sorteo un profesional e encargoulles analizar as causas do accidente desde as súas respectivas áreas de coñecemento en materia ferroviaria.
Pero nese momento, ao coñecer a Xunta, como encargada de dotar á xustiza dos recursos para o seu funcionamento, que os peritos de Camiños e Industrial elixidos por sorteo propuxeran orzamentos para realizar os seus traballos de 800.000 e 600.000 euros, comunicou ao xulgado que o procedemento para elixir a eses expertos debía ser outro.
Esgrimindo unha normativa previa en materia de xustiza gratuíta e dotación de medios periciais aos xulgados, a Xunta, a través da Consellería de Presidencia e Xustiza dirixida daquela por Alfonso Rueda, díxolle ao xuíz que debía comprobar se entre o persoal público da propia administración, funcionarios aos que como tales se lles presupón independencia, había alguén que puidese realizar o traballo antes de encomendarllo a profesionais privados alleos. E por esa vía a Xunta elixiu, sen ningún proceso formal de selección interna, isto é, a dedo, dous funcionarios propios, o enxeñeiro de Camiños Juan Carlos Carballeira Rifón e o Industrial José Manuel Lamela Rivera, que segundo os currículos que eles mesmos remitiron ao xulgado non eran expertos en materia ferroviaria.
A Xunta non foi quen de atopar un funcionario que puidese designar para a peritaxe en materia de Telecomunicacións, así que se mantivo o xa elixido por sorteo polo xulgado de entre os propostos por ese colexio profesional, César Mariñas, este si con ampla experiencia en tecnoloxía ferroviaria e cuxo orzamento non superaba os 50.000 euros.
Un dos peritos da Xunta admitira que plaxiara varios parágrafos da investigación oficial do ministerio despois desacreditada pola UE, e no xuízo a maxistrada pediulle que evitase comentarios que a levaban a perderse
Nos anos seguintes a Xunta seguiu autorizando centos de peritaxes externas de profesionais alleos á administración. E no caso dos dous funcionarios elixidos para o accidente finalmente os estudos que eles tiveron que encargar a outros profesionais e expertos que lles axudasen coas súas áreas de investigación elevaron o custe para as arcas públicas a máis que as contías orzamentadas polo perito independente de telecomunicacións.
Ademais, o primeiro informe pericial que achegou o perito de Camiños da Xunta, Juan Carlos Carballeira Rifón, contiña parágrafos plaxiados, segundo el mesmo admitiu a El País, do informe oficial sobre o sinistro elaborado pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do ministerio. Unha análise oficial do accidente que posteriormente sería desacreditada pola Axencia Ferroviaria da UE.
Carballeira chegou ao xuízo con peritaxes que concluían que Adif actuara como debera e non incumprira ningunha norma ao deixar toda a responsabilidade en mans do maquinista. O perito de Telecomunicacións, o profesional independente elixido por sorteo, César Mariñas, concluíu que Adif incumpriu a obriga que tiña de avaliar o risco de accidente existente na liña Ourense-Santiago e non habilitou as medidas de seguridade que debía.
E o terceiro perito, o Industrial tamén designado pola Xunta, José Manuel Lamela centrouse na análise do tren, no que dixo que non houbera ningún fallo, e obviou as cuestións sobre a liña e a seguridade por non ser da súa área de estudo. Porén, no seu informe final cuestionou “como é posible” que a única “protección” que había na curva ante un exceso de velocidade fose o maquinista, que non puido evitar o seu propio despiste.
"Equivocáronse os técnicos de Adif, canto máis un perito como eu se pode equivocar", chegou a dicir no xuízo o funcionario encargado de analizar a liña Ourense-Santiago
Os tres peritos ratificaron verbalmente no xuízo as súas visións, pero especialmente rechamante foi a intervención de Carballeira. Nela o funcionario da Xunta chegou a admitir que na súa peritaxe por escrito cometera varios erros, entre eles ao considerar que determinada normativa era aplicable de xeito obrigatorio no caso de Angrois. Segundo dixo, non era unha obriga pero Adif aplicouna voluntariamente e el trabucouse porque "é moi complexo o tema". "Equivocáronse os técnicos de Adif, canto máis un perito como eu se pode equivocar", dixo.
Noutro punto da súa declaración no que insistiu na complexidade da normativa para poder pescudar se fora aplicada correctamente por Adif o perito chegou a ser interrompido pola xuíza. "Se é tan complexa a norma que non a entende nin vostede, evite eses comentarios porque nós menos", dixo a maxistrada, que reprochou ao perito que "introduce conceptos e ideas que o único que fan é, polo menos a min, perdernos".
Finalmente, na súa sentenza a xuíza só cita a Carballeira nunha única ocasión para remitirse á súa peritaxe previa por escrito na que constatou as características materiais da liña de alta velocidade Ourense-Santiago recollidas tamén en documentos oficiais de Adif. O mesmo, unha única cita, dedica ao outro perito imposto pola Xunta, Lamela, pero non para referirse a el senón a unha análise sobre a velocidade de descarrilamento do tren que fixo un centro de investigacións ferroviarias ao que o funcionario encargara esa cuestión.
Do perito máis independente a xuíza salienta os seus cálculos para establecer que as decisións de Adif supuxeran "un incremento notable da probabilidade de que o risco puidera materializarse nun accidente"
Pola contra, o nome de César Mariñas, o perito enxeñeiro de Telecomunicacións elixido por sorteo de entre os mellores profesionais propostos polo colexio oficial, aparece na sentenza en oito ocasións. Del a xuíza valora especialmente as súas achegas, xunto coas doutros peritos de parte, para establecer que as decisións tomadas por Adif e avaladas polo seu cargo condenado supuxeran "un incremento notable da probabilidade de que o risco puidera materializarse nun accidente".
A maxistrada di que malia que os cálculos de probabilidade dun accidente elaborados por Mariñas difiran dos realizados por outros peritos de parte, as súas conclusións son similares no feito de que os riscos eran demasiado elevados e probables como para pasalos por alto. E, engade a maxistrada xusto a continuación, "era obriga de Adif e do señor Cortabitarte, como garante da explotación segura da nova liña ferroviaria, prever a posibilidade dese risco" e "adoptar medidas para evitalo".