Feijóo, que reclamara un pacto previo ao congreso, di agora que os compromisarios deben decidir o sucesor de Rajoy

Feijóo, este venres nunha visita ás obras da estación intermodal de Santiago Dominio Público Concello de Santiago

O xoves 21 de xuño o presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou á conveniencia de que os dous candidatos que resultasen gañadores da primeira fase da contenda pola sucesión de Mariano Rajoy á fronte dos populares “deberían buscar un acordo para que non sexan os compromisarios en segunda volta os que sinalen o que debe ser presidente”. Esa segunda opción sería perigosa para a unidade do partido, deu a entender. 15 días despois, este venres a postura de Feijóo é distinta. Deixando aberta a porta, como hai dúas semanas, a apoiar a calquera dos dous candidatos finalistas pola súa proximidade en apoios entre a militancia, Feijóo di agora que teñen que ser os compromisarios os que asuman "a responsabilidade de tomar unha decisión no congreso". Un proceso do que dixo que “ten que acabar cun plantexamento unitario”, pero no que a unidade pode conseguirse “antes, durante ou despois do congreso”.

O presidente considerara bo para a unidade do partido un acordo entre os finalistas previo ao congreso, pero agora di que a unidade pode conseguirse “antes, durante ou despois do congreso”

En plena chuvia de declaracións cruzadas sobre a posibilidade de que o segundo finalista, Pablo Casado, pacte coa terceira, a eliminada María Dolores de Cospedal, pola que Feijóo insinuara máis simpatías que cara ao resto de candidatos e que foi a gañadora en Galicia co 39% dos votos, por diante do 29% de Casado e o 28% de Sáenz de Santamaría, este venres o presidente galego foi preguntado pola súa visión do proceso en marcha. Feijóo gabou a “liberdade” de elección por parte dos afiliados deste xoves pero lembrou que “agora temos a oportunidade de volver a votar en liberdade para elixir entre dous candidatos”. Nesa liña, pediu agardar a que se coñeza o reconto de compromisarios e dixo que “é a estes compañeiros, aos que eliximos democraticamente, os que agora temos que asumir a responsabilidade de tomar unha decisión no congreso dos días 20 e 21”. Feijóo reclamou agardar a coñecer “proxectos, equipos e programas” dos dous finalistas antes de pronunciarse sobre eles.

“No caso de que non haxa maiorías e non haxa nada claro, o que diremos é nada”, advertiu Feijóo hai 15 días, evidenciando que non se arriscaría a apostar por un finalista que poida resultar perdedor

Fronte a estas declaracións, hai 15 días Feijóo explicitara unhas preferencias lixeiramente distintas de cara ao proceso que ía comezar. Daquela avanzou que na primeira fase para o voto dos afiliados non faría explícita a súa preferencia. “Cando se pechen as urnas de votación, posteriormente na segunda volta se pode falar, e ao mellor a Galicia lle pode interesar, coñecidos os candidatos, que sensibilidades nos aportan”, dixo. Sería nesta fase que agora comeza, avanzou daquela, cando falaría “cos compromisarios e os dirixentes” do PP galego e “podemos tomar a decisión de dicir o que nos parece mellor se vemos que hai unha inmensa maioría” de voces entre esa cúpula do partido en Galicia en favor de un dos dous finalistas. “No caso de que non haxa maiorías e non haxa nada claro, o que diremos é nada”, advertiu Feijóo hai 15 días, evidenciando que non se arriscaría a apostar por un finalista que poida resultar perdedor.

Estaría por ver se nese congreso todos os compromisarios galegos votarían o mesmo ou se desmarcarían os da provincia de Ourense, controlada polos Baltar e non por Feijóo

Pero no que si foi claro Feijóo foi na súa preferencia para esta segunda fase de que os dous finalistas pacten entre eles. “Creo que ese modelo é bo, que as persoas que resulten claramente como posibles presidentes do partido, non máis de dúas, deberían buscar un acordo para que non sexan os compromisarios en segunda volta os que sinalen o que debe ser presidente”, dixo o 21 de xuño, explicando que “pode haber pouca diferenza e non creo que sexa o mellor”. 15 días despois, agora Feijóo di que son os compromisarios, entre os que se situou a si mesmo, “os que agora temos que asumir a responsabilidade de tomar unha decisión no congreso”.

O PP galego, que no voto directo dos afiliados representou menos do 7% do total estatal, terá o 10% dos compromisarios nese congreso. Porén, estará por ver se nese congreso todos os compromisarios galegos votarían o mesmo ou se desmarcarían os da provincia de Ourense, controlada polos Baltar e non por Feijóo e que na votación de afiliados deste xoves xa se desmarcou dos resultados do resto de Galicia. Se no total da comunidade e nas outras tres provincias foi Cospedal a gañadora, en Ourense a vitoria foi para Sáenz de Santamaría, que na campaña interna chegara a proclamar que quería "gañar como gaña Baltar".

En pleno debate sobre posibles pactos entre candidatos, e ao tempo que remitiu a decisión aos compromisarios, Feijóo volve criticar que "temos por primeira vez no Goberno a un presidente que non gañou as eleccións”

Pero na súa liña de declaracións ambiguas, este venres Feijóo, ao tempo que remitía a decisión sobre o novo presidente do partido ao que poidan decidir os compromisarios no congreso, abrindo así a porta a posibles acordos das candidaturas que non supoñan unha vitoria final da gañadora na primeira rolda, Soraya Sáenz de Santamaría, apelou tamén a que o PP volva ser unha “alternativa de goberno a unha coalición”, en referencia ao executivo de Pedro Sánchez, do que dixo que “temos por primeira vez no Goberno a un presidente que non gañou as eleccións”.

Feijóo na rolda de prensa na que o 21 de xuño apostou por un pacto entre os finalistas no congreso do PP Dominio Público Xunta de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.