Feijóo comeza a posar cos candidatos a presidir o PP pero non desvelará a súa aposta ata que voten os militantes

@pablocasado_ Dominio Público Feijóo recibiu a Pablo Casado este sábado na sede do PP da Coruña

Tras decidir non concorrer el mesmo á carreira por suceder a Mariano Rajoy á fronte do PP, Feijóo tampouco quere apostar agora por cabalo perdedor. O presidente galego non desvelará cal dos candidatos é a súa aposta ata que voten os militantes, que confía en que apoien maioritariamente a un candidato. Do contrario, o seu desexo é que os dous que pasen á segunda ronda pacten. De momento, a súa neutralidade pasa por recibir e posar con todos os que pasen por Galicia para facer campaña, empezando este sábado polo primeiro, Pablo Casado, que asegurou que o seu obxectivo é estender o modelo do PP galego ao resto do Estado.

O presidente galego confía en que os afiliados apoien maioritariamente a un candidato ou en que os dous que pasen á segunda ronda pacten

Casado é o primeiro dos candidatos a presidir o PP estatal que pasa por Galicia, onde decidiu iniciar este sábado a súa campaña, con actos nas catro provincias, apelando a que esta é a terra de Manuel Fraga e Mariano Rajoy. Pero a impresión de que o obxectivo real é o de atraer cara á súa candidatura a Feijóo ou de que os afiliados de toda España pensen que Feijóo está con el pairou sobre os actos celebrados en Galicia e é visto por fontes populares como o desexo compartido polo resto de candidatos que nos próximos días pasarán tamén por aquí. Feijóo, pola súa banda, faise de rogar, evita apuntar favoritos e opta por ligar a súa imaxe a todos eles como mellor antídoto para evitar que o relacionen con un só. Estará en actos de todos os que pasen por Galicia en función das obrigas da súa axenda como presidente da Xunta, salienta el mesmo.

O pasado xoves Feijóo verbalizou cales serán os seus seguintes pasos na campaña popular en función de como evolucione esta. De momento non pensa dicir nada e só “cando se pechen as urnas de votación [o 5 de xullo], posteriormente na segunda volta se pode falar, e ao mellor a Galicia lle pode interesar, coñecidos os candidatos, que sensibilidades nos aportan”. A partir do día 5, dixo falará “cos compromisarios e os dirixentes” do PP galego e “podemos tomar a decisión de dicir o que nos parece mellor se vemos que hai unha inmensa maioría” de voces entre esa cúpula do partido en Galicia en favor de un dos dous finalistas. “No caso de que non haxa maiorías e non haxa nada claro, o que diremos é nada”, engadiu Feijóo, evidenciando que non se arriscará a apostar por un finalista que poida resultar perdedor.

"Creo que é bo que as persoas que resulten claramente como posibles presidentes do partido, non máis de dúas, deberían buscar un acordo para que non sexan os compromisarios en segunda volta os que sinalen o que debe ser presidente”

Pero en todo caso a predilección de Feijóo para esa segunda fase, segundo el mesmo di, é que os dous finalistas pacten. “Creo que ese modelo é bo, que as persoas que resulten claramente como posibles presidentes do partido, non máis de dúas, deberían buscar un acordo para que non sexan os compromisarios en segunda volta os que sinalen o que debe ser presidente”, explicou. “Porque pode haber pouca diferenza e non creo que sexa o mellor”, dixo.

Malia que Feijóo di non querer apoiar a ningún candidato e manterse neutral, esta pasada semana, nunha serie de entrevistas que concedeu a varias emisoras radiofónicas estatais, o presidente galego salientou que non esquece que Cospedal lle amosara o seu apoio expreso antes de que el anunciase o luns a súa decisión de non competir. No PP galego non dubidan de que Cospedal será unha das candidatas que pasará por Galicia durante esta campaña interna.

Campaña de Pablo Casado en Galicia Dominio Público @pablocasado_

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.