Sáenz de Santamaría proclama que quere "gañar como gaña Baltar"

Sáenz de Santamaría, con Baltar en Ourense Dominio Público PP Ourense

O PP de Ourense tornou nos últimos anos en icona postelectoral a fotografía de José Manuel Baltar a amosar un mapa da provincia ourensá tinxido de azul cos concellos nos que os conservadores son a forza máis votada. Sucede dende que, en 2010, a cúpula dirixida por Alberto Núñez Feijóo sufriu a súa primeira e máis sonora derrota interna ao non dar destronado a familia Baltar e ter que asumir a remuda de José Luis Baltar polo seu fillo, José Manuel, tanto á fronte do partido como da Deputación. Dende aquel momento clave Baltar fillo recuncou dúas veces na presidencia orgánica e numerosos dirixentes do partido pasaron por Ourense para enchelo de eloxios polos resultados electorais na provincia. A última foi, este xoves, a ex-vicepresidenta do Goberno central e candidata a suceder a Mariano Rajoy, Soraya Sáenz de Santamaría.

Este xoves a campaña interna de Sáenz de Santamaría fixo parada en Ourense e a antiga número dous do Goberno compartiu acto de partido co titular da Deputación de Ourense. Segundo a candidata, "o PP mira moito cara a Ourense, porque o PP de Ourense é un exemplo do que temos que facer para volver gañar". Pero aínda máis. Segundo Sáenz de Santamaría, "agora que todo o mundo quere parecerse a outra cousa", a súa vontade é ben distinta: "eu quero ser Soraya, ser do PP e gañar como gaña Baltar". José Manuel Baltar, en rigor, nunca foi cabeza de lista nunhas eleccións, aínda que si concorreu tres veces aos comicios ao Parlamento e tamén nas municipais de Esgos como paso previo a ser deputado provincial. 

"Eu quero ser Soraya, ser do PP e gañar como gaña Baltar", afirmou a ex-vicepresidenta do Goberno de Rajoy

Secundada pola ex-ministra Fátima Báñez, membro do seu equipo de campaña, Sáenz de Santamaría advertiu en Ourense que a súa intención é liderar o PP é "axudar o meu partido a gañar as eleccións municipais de 2019" e tamén "gañar a Sánchez nas próximas xerais". Baltar, pola súa banda, acolleu os eloxios afirmando que "estamos a ver que, ademais de novos valores que deron un paso adiante neste proceso electoral, o PP achega a enorme experiencia de persoas como Sáenz de Santamaría" para "recuperar para os españois a dirección desta nación", afirmou.

O sinalamento dos Baltar por parte de líderes do PP como exemplo a seguir foi recorrente nos últimos anos en todo tipo de contextos, tamén na etapa en que o ourensán estivo inmerso na investigación xudicial ao fío do seu presunto ofrecemento dun emprego na Deputación a cambio de sexo. Este caso foi arquivado en maio de 2017 xa que a xuíza, aínda que considerou probado que o líder do PP de Ourense "solicitou ou cando menos, aceptou un favor de natureza sexual" para "realizar, no exercicio do seu cargo, unha acción ou omisión" dos "requisitos" para a "obtención dun traballo" sen "cumprir os requisitos legais", non viu acreditados dabondo os delitos investigados de suborno, acoso e tráfico de influencias.

En Ourense, como no resto de Galicia e no conxunto do Estado, a primeira votación entre a militancia para escoller a presidencia estatal do PP -a través dun sistema de dúas voltas- estará marcado pola baixa participación. Non en van, no caso do PPdeG as inscricións son apenas 4.200, isto é, arredor do 4% dos 101.100 militantes que o partido asegura ter en Galicia.

A ex-vicepresidenta de Rajoy, no acto da campaña interna en Ourense Dominio Público Imaxe difundida pola candidatura de Sáenz de Santamaría

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.