Apenas o 4% da militancia que di ter o PP galego votará a sucesión de Rajoy

Feijóo e outros cargos do PPdeG, no acto onde anunciou a renuncia a optar á sucesión de Rajoy CC-BY-SA PPdeG

O PP é o máis semellante a unha organización política de masas en Galicia. Cando menos, sobre o papel. O pasado 6 de xuño, no inicio do proceso interno cara ao Congreso extraordinario que determinará quen sucederá a Mariano Rajoy, os conservadores aseguraron ter en territorio galego un total de 101.100 militantes. No entanto, unha vez finalizado o prazo de inscricións para as votacións na primeira volta da elección interna, o máis semellante a unhas primarias na historia do partido, a cifra de afiliación activa é moito menor. Un total de 4.222 persoas. Isto é, o 4,22% da militancia oficial.

As cifras provisionais de inscricións para votar rexistran 4.222 persoas en Galicia; o PPdeG asegura ter 101.100 militantes

Segundo as cifras provisionais feitas públicas este martes -o partido resalta que aínda caben correccións-, das catro provincias galegas a que máis sufraxios achegará será A Coruña, con 1.600 persoas inscritas para votar, e a continuación estará Lugo, con 1.386. A seguinte sería Pontevedra, con 518 votantes, e en Ourense participarán 518. Mesmo coas eventuais correcións dos censo definitivo, o número total estará moi lonxe das máis de 100.000 persoas que o PPdeG di ter entre as súas bases.

Nun contexto no que o PPdeG suma un total de 1.897 cargos electos en Galicia entre edís nos concellos e membros do Parlamento e das Cortes, aos que habería que sumar as persoas que ocupan postos de libre designación nas diferentes institucións públicas, as cifras das inscricións para esta elección interna amosan unha radiografía interna ben distinta á dos masivos actos de campaña electoral que o partido que encabeza Alberto Núñez Feijóo adoita celebrar. Non en van, o 4,22% de participación está notablemente por baixo da media estatal, que quedou provisionalmente no 7,6%.

Para participar nestas votacións a militancia debía ter ao día os seus pagamentos de cotas ou, cando menos, abonar a 'tarifa plana' de 20 euros que a comisión organizadora do Congreso fixou para animar á participación. Así e todo, a ata agora secretaria xeral, María Dolores de Cospedal, xa dera en admitir que arredor do 90% das bases do partido non paga cotas.

Comparación con outras formacións galegas

Este inédito proceso interno no PP racha ademais outro lugar común da política galega a respecto da participación nas formacións políticas, toda vez que os conservadores adoitan gabarse da amplitude das súas bases en comparación coa escaseza militante das organizacións da esquerda. Así e todo, as 4.222 inscricións do congreso do PPdeG están, por exemplo, moi por baixo das cifras de participación das últimas primarias celebradas polo PSdeG ou tamén das organizadas por En Marea -co seu censo agregado ao de Podemos- para elixira as candidaturas ao Parlamento galego en 2016. O número de votantes sería, daquela, máis próximo ao rexistrado nas primarias internas de Podemos e estaría por riba das persoas que participaron nos plenarios das últimas asembleas nacionais do BNG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.