Na súa habitual estratexia de presentarse a si mesmo como gañador tras calquera tipo de loita política interna ou externa, o presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, leva toda a campaña pola presidencia estatal do partido evitando que as súas verbas o sitúen no bando perdedor. E así o seguiu a facer este xoves, a un día de que comece o congreso no que os compromisarios elixirán en urna entre Soraya Sáez de Santamaría e Pablo Casado. Por non posicionarse, Feijóo non foi quen de dicir este xoves nin se vai facer público ou non antes da votación a cal dos dous candidatos apoia, limitándose a insinuar que non o fará pero sen amosar ningún desgusto por ser o foco de atención de todo o seu partido ata o mesmo momento en que se pechen as urnas. “Non vou convocar ningún acto público” foi a súa declaración máis clara.
Detrás desa decisión de Feijóo de non verbalizar a súa preferencia persoal situaríase, segundo fontes do partido, a vaga de anuncios realizados na tarde deste mércores por numerosos cargos do PP galego. Varios deses dirixentes falaron con Feijóo e comunicáronlle as súas preferencias e, ante a postura críptica deste último sobre se faría ou non pública a súa elección, optaron por ilo facendo eles, provocando á súa vez posicionamentos doutros moitos cargos intermedios. A maioría, entre eles algúns dos máis próximos a Feijóo, como o vicepresidente da Xunta e presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, o último dos máis relevantes en facelo este mesmo xoves, decantouse por Casado, como tamén fixeron o presidente do PP provincial da Coruña, Diego Calvo, ou a vicevoceira no Parlamento, Paula Prado.
O titular da Xunta defende a “liberdade” de “dicilo en público ou dicilo na urna” e abre as portas a aceptar que o gañador lle outorgue unha maior proxección estatal no partido
Pola contra, aínda que en menor número, outros destacados populares galegos optaron por Santamaría, como o presidente do PP ourensán, José Manuel Baltar; o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, fiel ao baltarismo; ou a ex-presidenta desa mesma Cámara e deputada no Congreso Pilar Rojo, amiga persoal de Mariano Rajoy.
Feijóo, mentres, refúxiase no silencio, o que non lle impediu amosar xestos na primeira fase da campaña que o situaron máis próximo a Cospedal, gañadora no total de Galicia pero non en Ourense, onde xa gañara Santamaría. Posteriormente, tras quedar eliminada a ata o de agora secretaria xeral do PP, Feijóo pasou de ser partidario dunha candidatura de unidade previa ao congreso a defender a lexitimidade do que poidan decidir os compromisarios, o que, unido ao posicionamento público dos seus colaboradores máis próximos, contribúe a situar a Feijóo máis próximo a Casado que a Santamaría, malia que el non queira verbalizalo e correr así o risco de perder.
Feijóo di que son igual de respectables as posturas de dicir en público a quen apoia cada compromisario ou dicilo "na urna"
Este xoves a Feijóo, na súa rolda de prensa habitual tras a reunión semanal do seu Goberno, preguntóuselle de xeito reiterado se vai facer ou non pública a súa postura antes de que os compromisarios voten, pero en ningún momento respondeu unha cousa ou outra. Todo o máis que dixo foi que non pensaba convocar ningún acto público para dicilo, ou non dicilo, e asegurar que o proceso actual baséase na liberdade dos compromisarios e que “esa liberdade lévanos a dicilo en público ou na urna”. A el, di parécenlle igual de respectables as dúas posturas.
A Feijóo preguntóuselle tamén polos reiterados eloxios que recibe de Casado e respondeu que os agradece porque “non se debe ser desconsiderado cunha persoa que de xeito constante cre que o modelo do PP para toda España debe inspiralo o do PP de Galicia”. Nada se lle preguntou de xeito expreso sobre Santamaría, e nada dixo el sobre ela.
“Se podo colaborar en maiores horas de dedicación ao PP en España, irémolo vendo", di o presidente
Tamén se lle cuestionou sobre a posibilidade de que asuma responsabilidades no PP estatal, como lle ofrece Casado, ao que respondeu reiterando que rexeitou participar na actual campaña pola sucesión de Rajoy porque o seu compromiso está na Xunta. Pero deixou a porta aberta a aceptar esa maior proxección estatal que lle poida ofrecer quen gañe: “Se podo colaborar en maiores horas de dedicación ao PP en España, irémolo vendo, pero iso non pode tocar nin un minuto da axenda da Xunta”.