Votar é máis seguro que a misa ou o bar e como ir á farmacia: as comparacións do PP fronte á desmobilización dos seus

Campaña do PP apelando á mobilización © PP

Os populares activan unha campaña na que mudan o lema “feito” que viñan empregando para gabar logros da Xunta nestes anos por “non o deas por feito” para pedir a mobilización do seu electorado

Unha campaña electoral que comezou cedo desde a Xunta pero tarde desde o partido, enquisas que lle dan unha ampla vitoria e unha enfermidade contaxiosa que pode ser letal para as persoas maiores. A desmobilización dos seus posibles votantes ante semellante panorama semella ser o principal medo dos populares, que así o evidencian centrando os discursos tanto do propio Feijóo nos mitins como do partido na súa propaganda na idea de non confiar na vitoria pero si confiar na seguridade dos colexios electorais, cunha campaña co lema "non o deas por feito".

Tras a anteriores campañas dos populares apelando ao medo fronte a un posible goberno alternativo de “populistas”, “independentistas” ou “comunistas”, a principal novidade desta campaña é o discurso de non ter medo do coronavirus, para o que os populares están recorrendo a todo tipo de comparacións.

Hai un mes considerou máis seguro votar que "ir a unha terraza con dez persoas na mesma mesa", e unha semana despois ampliou ata 25 o número de persoas que poden sentar xuntas

O propio Feijóo abriu a porta das comparacións hai un mes, na súa rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta do 5 de xuño, na que asegurou que as medidas de seguridade que o Goberno galego está a implantar nos colexios electorais faraos máis seguros que “ir a unha terraza con dez persoas na mesma mesa”. Unha semana despois o Consello da Xunta autorizaba a que nas terrazas “a ocupación máxima será de vinte e cinco persoas por mesa ou agrupación de mesas”.

Este domingo, nun mitin sectorial sobre pesca, o eurodeputado Esteban González Pons, con Feijóo ao lado, aseguraba que “os colexios electorais estarán tan asegurados como as farmacias, será como levar Galicia á Farmacia”. A comparación foi asumida este luns polo propio Feijóo, que a repetiu como propia.

Polo medio, o domingo pola tarde era o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o que nun mitin na súa vila, Lalín, aseguraba que ir a votar será “máis seguro que ir a misa, a tomar un viño ou a unha tenda”. E este luns pola mañá foi o líder estatal do PP, Pablo Casado, quen asegurou que “é máis seguro ir a votar que ir a tomar un café, que está máis concorrido”.

Ao tempo, o PP está a divulgar unha campaña como valoración das enquisas que lle dan por segura a vitoria na que, fronte ao lema “Feito” que viña empregando para gabar os supostos logros da Xunta nestes anos, agora recorre ao “non o deas por feito” para pedir a mobilización dos votantes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.