González Pons compara votar con ir á farmacia e oficia a “voda civil” de Feijóo co mar nun estanque de Santiago

Mitin sectorial de Feijóo sobre pesca xunto ao estanque do Auditorio de Galicia, en Santiago © PP

“Votar será tan seguro como ir á farmacia, será como levar Galicia á Farmacia”, di o invitado do PP nun mitin no que o candidato asegura que evitou “todas as multas da UE” polo atraso das depuradoras malia que a Xunta ten que pagar 4 millóns

Cadeiras brancas en xardíns e con Feijóo entrando polo corredor central ao son da música. A escenografía repítese en numerosos mitins do PP nesta campaña electoral, pero este domingo verbalizouno o invitado de fóra, Esteban González Pons, número 2 do PP no Parlamento Europeo e ex-conselleiro de Francisco Camps en Valencia: o mitin parecía “unha voda civil do sector con Feijóo”.

O sector era o pesqueiro, pero o PP organizou o mitin a 30 quilómetros do mar, en Santiago, xunto ao estanque do Auditorio de Galicia, no que varias gaivotas pugnaban por quitarlle a comida aos patos e pombas en presenza de patróns maiores de toda Galicia e con cadeiras baleiras malia ser un acto sectorial con invitacións. Alí, ao lado da Facultade de Xornalismo no día en que as últimas enquisas da campaña dos medios máis potentes lle dan unha ampla maioría aos populares, estes pediron ao electorado non confiarse e votar e levar a quen poidan a votar. Poderano facer porque, asegurou González Pons, “os colexios electorais estarán tan asegurados como as farmacias, será como levar Galicia á Farmacia”.

Varias gaivotas no estanque do Auditorio de Galicia, en Santiago, durante o mitin de Feijóo sobre pesca CC-BY-SA Praza Pública

González Pons asegura que a Feijóo "vótano moitos socialistas e moitos do BNG" e atribuíulle que a presidenta da Comisión Europea rectificase a súa intención inicial de ter “un comisario do mar e os océanos, pero só do ecolóxico, non da pesca”

O mitin abriuno a número 9 na lista pola Coruña e actual conselleira do Mar, Rosa Quintana, cargando contra as xestións en materia pesqueira feitas en Europa nos últimos anos polo resto de partidos e presentando como únicas útiles as súas propias. A ela seguiuna o eurodeputado popular, que chegou a atribuír a Feijóo influencia para facer mudar á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, a súa intención inicial de ter “un comisario do mar e os océanos, pero só do ecolóxico, non da pesca”.

Pero González Pons dixo máis cousas. Dixo que “a Alberto vótano moitos socialistas” e “vótano moitos do BNG”, e que os que veñen “non son tempos normais, non son máis do mesmo, son tempos extraordinarios que requiren persoas extraordinarias”. “Para esta mar tan brava prefiro a un capitán que sabe o que fai que a un novato ao timón”, gabou de Feijóo, xusto antes de asegurar que votar por el será como “levar a Galicia á farmacia” e reiterar, no peche da súa intervención ao igual que no comezo, que aquilo era a “voda civil de Alberto Núñez Feijóo co sector pesqueiro galego”.

O noivo desa cerimonia foi o terceiro e último orador. Feijóo comezou a súa intervención comprometéndose coa noiva na saúde e na enfermidade, nas alegrías e nas penas: “Imos seguir tendo problemas” co coronavirus, dixo desde Santiago como candidato mentres o conselleiro de Sanidade anunciaba en Lugo cidade o peche da Mariña polo brote que alí se ven rexistrando desde hai dúas semanas, pero reafirmando a continuación a súa autoridade: “Non imos dubidar para tomar as decisións necesarias”, asegurou, sen referirse expresamente á situación na costa lucense.

Mitin sectorial sobre pesca de Feijóo en Santiago con Esteban González Pons e Rosa Quintana © PP

 “Se non gañamos vou percorrer todas as confrarías e comer peixes cos patróns maiores amigos, polo menos ata que se esquezan de min”

En materia pesqueira Feijóo prometeu “77 millóns de euros” de axudas directas para reactivar o sector e fixo fincapé no aumento de persoas matriculadas nos últimos anos en escolas náutico-pesqueiras ou na recuperación de bancos marisqueiros. Nese eido salientou a construción de depuradoras asegurando que desde a Xunta “evitamos todas as multas da UE” polo atraso no saneamento das rías. Porén, a Xunta ten que pagar unha multa de 4 millóns de euros polo atraso das depuradoras de Vigo e Ribeira, rematadas case tres décadas despois de que a UE aprobase a súa directiva de saneamento.

O candidato popular asegurou que para el foi “unha honra” traballar pola pesca galega durante os últimos once anos e que entre os presentes no mitin había moitos representantes de confrarías cos que dixo que chegaron a facerse “amigos” de tanto “aguantarse” entre si. E rematou informando aos presentes do menú da voda: “Se non gañamos vou percorrer todas as confrarías e comer peixes con eles, polo menos ata que se esquezan de min”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.