O Goberno central traslada ás administracións responsables de cada incumprimento a súa parte da sanción comunitaria, que xa ascende a 32 millóns de euros no total estatal e dos que asume 1,6 millóns polas demoras en Santiago
En 1991 a Unión Europea aprobou unha Directiva que obrigaba a que as aglomeracións urbanas de máis de 15.000 habitantes contasen con sistemas de tratamento das súas augas residuais “a máis tardar, o 31 de decembro do ano 2000”. Porén, ese requisito non se cumpriu en Vigo ata hai dous anos, cando se inaugurou a nova depuradora. Similares demoras rexistráronse en Ribeira ou Santiago.
Por eses atrasos e outros no resto do Estado, algúns aínda sen data de solución, España tivo que pagar xa 32 millóns de euros de multas á UE. Este venres o Boletín Oficial del Estado publica a decisión tomada o pasado 10 de marzo polo Consello de Ministros de repercutir nas diversas administracións responsables a súa parte das sancións comunitarias, de xeito que reclama á Xunta 4 millóns polos atrasos no saneamento de Vigo e Ribeira e asume a propia Administración Xeral do Estado outros 1,6 millóns por Santiago.
A UE obriga desde 2000 a que todas as aglomeracións urbanas de máis de 15.000 habitantes traten as súas augas residuais, en 2011 o Tribunal de Xustiza constatou os incumprimentos e en 2018 comezou a multar
En 2011 o Tribunal de Xustiza da UE ratificou os incumprimentos e certificou que, entre outros puntos do Estado, non se estaba a cumprir a Directiva sobre saneamento de augas en Vigo, A Coruña, Santiago, Tui, Baiona, a marxe norte da ría de Arousa, Noia, Cariño e Viveiro. Pero a Comisión pasou nese momento a contentarse coas xustificacións que lle foi dando o Goberno central de que xa se estaba a traballar para mellorar a situación e foi adiando a sanción. Ao tempo, nos comicios europeos de 2014, o PP chegou a elevar a proposta electoral non o cumprimento da normativa senón que o seu incumprimento non implicase sancións. Finalmente, en 2018 o tribunal europeo decidiu impoñer unha multa inicial de 12 millóns e sucesivas multas coercitivas mentres non se resolvesen os problemas aínda pendentes, sancións polas que España xa leva desembolsados 32 millóns de euros.
O Goberno central asume 1,6 millóns polo atraso en Santiago e repercute na Xunta 3,7 millóns por Vigo e 300.000 euros por Ribeira
Agora o Goberno central considera que a Xunta debe asumir o pagamento de 4.047.792,46 euros da multa inicial polos atrasos das depuradoras de Vigo e Ribeira, (uns 3,7 millóns no primeiro caso e preto de 300.000 euros no segundo). A propia Administración Xeral do Estado asume 21 millóns de euros das multas, entre eles 1,6 millóns polos problemas en Santiago e o resto en diversas localidades de Andalucía ou en Xixón. Á Junta de Andalucía faina responsable de 5,5 millóns, a Canarias de 1,6 e á Comunitat Valenciana de 320.000 euros.
A Xunta presentou diversas alegacións que foron desestimadas ao argumentar o Goberno central que as depuradoras de Vigo e Ribeira foron declaradas de interese autonómico polo propio Goberno galego
No proceso previo a esta reclamación de contías, a Xunta presentou diversas alegacións tanto formais, argumentando que nun primeiro procedemento de repercusión das sancións non fora incluída, como de fondo, argumentando que as depuradoras de Vigo e Ribeira executáronse a través de convenios co Estado e que polo tanto este tamén sería responsable dos atrasos. O Goberno central rexeitou os argumentos sinalando que en todo caso a propia Xunta declarara esas dúas obras como de interese autonómico, polo que ela era a súa responsable. Nesa liña, a propia Administración Xeral do Estado asume que ela mesma é a responsable dos atrasos en Santiago porque nese caso esa obra foi declarada de interese estatal. A decisión agora tomada polo Goberno central pode ser recorrida ante o Tribunal Supremo.